A coartada perfecta
Desde hai uns meses, parece difícil atopar nos medios de comunicación, entre os políticos ou nas conversas da rúa calquera debate libre de referencias á crise. Ten lóxica, pois hai incontestábeis cifras e realidades que nos din que a estamos a sufrir moi directamente. Tamén entra dentro da lóxica que situacións complicadas como esta obriguen a unha necesaria revisión, entre outras cousas, do moitas veces esaxerado gasto público. Da necesidade poderiamos aproveitar para facer virtude...
A cuestión está, precisamente, en que non hai unha voz unánime na maneira de valorar o nivel de relevancia de cada un dos gastos nos que incorre a administración. Tamén é verdade que en tempo de bonanza é moito máis fácil xestionar os cartos (públicos e privados) e cando hai que facer escollas, igual que na vida en xeral, é cando nos definimos.
Asistimos diariamente a diversas escenas relacionadas co gasto público nas que cada quen leva as mans á cabeza por indignación, sorpresa, raiba, mais por motivos moi diferentes e mesmo nalgúns casos totalmente opostos. Eu hoxe case vou camiño do salón do peiteado despois de ler que o concello de Madrid, un dos máis endebedados de España, paga un salario mensual de 3.000€ a un empregado cuxo cometido é o de servir as comidas ao alcalde cando as fai dentro do edificio do concello...
Mais cando se trata de facer estas escollas, o que se ve é que xeralmente resulta bastante máis fácil desprendérmonos da cultura, da lingua, da educación... Porén só dun determinado xeito de entender a cultura, a lingua e a educación. E utilizando a demagoxia como ingrediente principal do argumentario.
En Galiza levamos unha boa temporada, coincidente de xeito sospeitoso coa chegada de Núñez Feixóo á Xunta, de recortes xustificados no déficit público. Mais todos eles cun cariz bastante escorado cara a unha liña contraria aos servizos públicos e nomeadamente contra a educación, a lingua e a cultura. O relatorio resulta entre espeluznante e tedioso, por repetitivo: a suspensión das axudas aos concellos para normalización lingüística, os recortes radicais no ensino. A todo isto, por acción ou por omisión, podemos sumar o feche de todos os diarios escritos integramente ou en parte en galego, por exemplo.
Un dos episodios máis recentes é o do feche do servizo de normalización lingüística do Concello de Ames, xunto coa radio municipal. Calquera que coñeza algo Ames sabe que o SNL fai un servizo importantísimo de integración da numerosa poboación inmigrante e moitas actividades dirixidas a distintos sectores da sociedade. O argumento é que son servizos insostíbeis e que dependen de subvencións para o seu mantemento. Unha vez máis, o argumento de que o galego sae moi caro.
Outro caso é o da retirada das axudas a entidades e fundacións culturais. A Xunta convocara unhas axudas cun orzamento total para 2011 e 2012 de 300.000€ para todas as entidades e fundacións culturais do país. Despois de abrir a convocatoria, en concorrencia competitiva, de recibir as solicitudes e mesmo abrir un prazo para a emenda de erros, no mes de outubro o DOG deu conta da suspensión destas axudas para cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público.
O mesmo día de publicarse esa suspensión, a Consellaría de Traballo e Benestar dá conta tamén no Diario Oficial dos convenios de colaboración que subscribiu no segundo cuadrimestre deste ano. Entre eles, chaman a atención os convenios asinados o 17 de agosto deste ano con varios grupos de comunicación (por suposto, ningún deles saca á luz información en galego) que sumados, dan 394.800€. O obxecto de todos eles é o mesmo: "dar a coñecer á sociedade os programas e campañas que vaia desenvolver a consellería vinculados á formación, ao funcionamento do servizo público de emprego e aos seus instrumentos, para mellorar a empregabilidade e a colocación das persoas desempregadas".
Outro exemplo nesa liña é a publicación no Diario Oficial, esta mesma semana, da resolución dunhas axudas a empresas xornalísticas e de radiofusión . A suma dos importes é interesante: 1.714.991,53€.
Haberá quen diga que a campaña de Traballo e as axudas aos medios son obxectivos moi lexítimos, mais eu non podo evitar comparalo co anuncio de Cultura por varios motivos. Seguramente o máis importante é que os medios de comunicación son empresas e polo tanto o seu obxectivo é conseguiren beneficios. Varios representantes da administración galega, ao coñeceren as desgrazadas noticias do feche de varios medios de comunicación escritos en galego, argumentaran que eran empresas deficitarias. A idea é que a administración pública non debería intervir para salvalos, nin polos postos de traballo nin, por suposto, por cumprir coa súa obriga de protexer e fomentar a lingua galega. Porén, hai outros medios de comunicación que si merecen as axudas públicas do goberno de Núñez Feixóo, mentres pechamos as portas da cultura de base e de tantos outros servizos imprescindíbeis para a nosa lingua e a nosa cultura.