A clave está na ocupación de espazos e na formación

No ano 1268 morreu o papa Clemente IV. Os cardeais estaban divididos entre os que pretendían favorecer a Francia e os que defendían os intereses italianos, polo que a demora na elección do novo pontífice ía xa para tres anos. Os cidadáns, fartos de mantelos durante tanto tempo, pecháronos baixo chave, de onde o nome de conclave (clausi cum clave, é dicir, pechados con chave), puxéronos a pan e auga e estragaron o teito do palacio para que sufrisen as inclemencias meteorolóxicas. Estas medidas deron inmediato resultado, pois axiña nomearon un individuo que nin tan sequera era cura, pero ao que, en canto chegou a Roma, lle impuxeron as ordes necesarias, sendo elevado a papa co nome de Gregorio X. En adiante, con certos matices, como o de deixar de percibir as rendas dos seus bispados entrementres non elixisen papa, converteuse en práctica habitual que os cardeais electores se reunisen en conclave. Non sei por que me viría isto á cabeza, mentres onte, día 4, contemplaba o espectáculo bochornoso que tivo lugar no parlamento español. Baixo chave, a pan e auga, sen tellado e sen cobrar as nóminas, canto tardarían as súas señorías en nomear presidente a alguén?
Mentres escoitaba a Pablo falar de bicos e amores, a Mariano, como saído da Vetusta de Clarín, farfallar verbas decimonónicas, a Rufián relatar biografías familiares con estraña canseira, etc., non podía evitar pensar en Talleyrand, Metternich e, entre moitos outros, en Bismarck, cos seus endiañados pactos ou sistemas, cos que, sen dar nada a cambio, conseguía ter afastados todos os seus poderosos veciños, como eran Francia, Inglaterra, Austria ou Rusia. E os políticos españois actuais seguramente pensando que son xente. Case me alegro de non ter nese parlamento a ninguén que me represente.
Mais do que eu hoxe tiña mentes de escribir era de algo que nos afecta moito máis directamente, como é a nova etapa que enceta o BNG despois da XV Asemblea Nacional no Palexco da Coruña. Podería repetir aquí, verba por verba, o que o 9/07/12 publiquei neste mesmo xornal sobre o XIII Congreso da UPG. Con independencia de que aquel se abrise coa Internacional e de que dimitise da Secretaría Xeral Francisco Rodríguez, ao que cualifiquei como “unha das mentes máis lúcidas do nacionalismo galego”, o resto foi case como un orixinal do que sucedeu o pasado 28 de febreiro: emendas, réplicas, contrarréplicas e votacións a cada unha das emendas, é dicir, pura democracia. Renováronse nesta Asemblea a Executiva, o Consello, e a Portavocía Nacionais, recaendo esta en Ana Pontón. Rematados os ecos do noso himno, o que toca agora é principiar a pasar o liño da roca ao fuso e bulir para pór en marcha o longo “Relatorio” aprobado. Non sendo eu militante, non tiven acceso ao texto proposto ata o acto da Asemblea, nin puiden presentar emendas ou precisións, o que, por outra banda, mesmo no caso de seren aprobadas, moi pouco terían mellorado o resultado final, que considero realmente moi bo no seu conxunto. As miñas indicacións apuntarían, sobre todo, aos apartados referidos ao idioma e á formación, da que se di que “é a faceta máis esquecida da nosa organización...”, apreciación coa que concordo e sobre o que teño escrito en varias ocasións. Tamén, e agora retomarei este aspecto, no que afecta á formación na comunicación.
O ter principiado este artigo falando de cardeais, papas e conclaves dáme pé para pór diante de nós o exemplo da Igrexa Católica, da que se nos di, con evidente falsidade, que foi “sempre perseguida e nunca vencida”. Se ollamos os case 2 000 anos que ten de vida, foron moi ben máis os que, no canto de ser perseguida, foi perseguidora, aliándose sempre que lle foi posible co poder político; pero o que agora me interesa é precisamente a súa capacidade inicial de multiplicarse por bipartición celular para ocupar todos os espazos públicos, adaptándose de tal xeito ás situacións que calquera semellanza entre as primeiras comunidades cristiás e o Vaticano de hoxe é pura coincidencia; pero aí está e seguirá per saecula saeculorum. E iso que condena(ba)n o evolucionismo darwinista e o relativismo!
Desde os primeiros séculos, o cristianismo foi practicado e espallado por cidades e campos (nesta orde) a base de abrir moi diferentes frontes actuantes (cregos, bispos, anacoretas, eremitas, monxes, virxes...). Nas cidades, coa crise do Imperio do século III, a única autoridade representativa dos habitantes que non largaron ao campo eran os bispos, e no rural, onde cada vez se refuxiaba máis xente, iniciaron os cregos o seu labor de proselitismo. Vaise tecendo a rede que abrollará coa liberdade de culto promulgado polo Edicto de Milán do 313 e, sobre todo, cando, polo Edicto de Tesalónica do ano 380, Teodosio converteu o cristianismo en relixión oficial, prohibindo e perseguindo os restantes cultos. A partires de agora serán os cristiáns os perseguidores e comezarán a recibir doazóns de tesouros e terras, práctica que chega aos nosos días. Mais só isto non bastaría para que a Igrexa continuase, século tras século, mantendo unha posición dominante. Resumindo, podemos dicir que foi sempre moi hábil captando persoal para manter cubertos todos os cadros do seu organigrama. O seu poder permitiulle cooptar para o seu servizo as mellores cabezas das distintas épocas, empregando, segundo fose preciso, o galano dos honores e beneficios ou a práctica da persecución e da eliminación. Hai moitos séculos nos que os únicos que deixaron obra intelectual foron os membros da Igrexa; os demais ou non sabían escribir, ou, no menos grave dos casos, viron como queimaron os seus libros.
As refundacións foron continuas, o mesmo que a aparición de homes providenciais que fixeron mosteiros no rural, cando todo o mundo vivía alí, ou conventos nas cidades, cando estas se revitalizaron, que ocuparon os postos do ensino coa misión de formar elites eclesiásticas e gobernantes civís ou que decidiron que tamén se podían santificar entre os membros de Davos e do Ibex 35. Cando Lutero predica o protestantismo, xurde a Contrarreforma coa explosión do barroco romano, a proliferación de santos e símbolos e a creacións dos seminarios para elevar o nivel formativo do clero. Escoitei a un profesor do de Santiago que alí todos ían para diante, pois ninguén era tan negado que non servise para desempeñar un papel en certas igrexas rurais, mentres que os de coeficiente intelectual elevado eran impelidos a Comillas, Salamanca e Roma para se formar no futuro desempeño dos postos importantes da curia. Todos contentos, curas de “misa e ola” e xuíces eclesiásticos, bispos e cardeais. E sempre unha disciplina importante: a oratoria. Sabían e saben que na comunicación está a clave do éxito e, hoxe, de políticos novos con moi boa labia sábese que pasaron por cursos nos que desenvolveron as súas predisposicións innatas. As táboas, ben traballadas, fan moito.
No BNG, como na Igrexa, todo o mundo é necesario e pode desempeñar unha función; pero así como os bispos non elevan á dignidade de cóengo maxistral aos pouco dotados para convencer pola palabra, resulta estraño ver que un partido político poña diante da xente, pedindo o voto, a persoas que, “pobriñas, aínda non teñen práctica...”. Pois que se fogueen e demostren a súa valía en combates menos importantes. E falando de combates e líderes, dicía un coronel español (Frías O’Valle, 1985) que “Los que dan el paso al frente pueden ser aficionados o simples aventureros”, e engade que a imaxe do líder é importante, “pero no se le puede elegir sólo por su imagen y por su sonrisa, como si anduviésemos buscando un anunciador de dentríficos o un vendedor de detergentes y lavavajillas”, pois “La elección del líder no debe degenerar en un concurso de belleza”. O líder, penso eu, debe ter outras moitas calidades e ser consciente da altura e gravidade do seu cargo, sen que iso lle impida amosar unha cara amable, pois, como recomendou Esopo (e outros), “non sempre ha de estar o arco tenso”. O BNG ten que ampliar a base social, inseríndose en todos os lugares e situacións. Cantos curas atraeron a xuventude, facéndolles un equipo de fútbol ou formándolles un grupo de música! Fai falla introducir no pobo máis símbolos, que dirixentes e bases coñezan a nosa historia, a nosa etnografía, a nosa economía, e que, xa que nos gabamos de defender o galego, que procuremos falalo con corrección. Non é tan difícil dicir debater (verbo repetido diariamente na política e, agás excepcións, sempre o escoito rematado en –ir e, aproveitando que escribín ir, lembrar que, cando a este verbo lle segue un infinitivo, non leva a preposición a no medio). Dáme mágoa, cando oio a moitos dos nosos dirixentes empregar un galego que me lembra o de Feixóo, a quen, se lle entendo o que di, é porque eu tamén sei español.
Resumo: debemos reintroducírmonos na sociedade civil, onde, como dixo Gramsci, na famosa carta de setembro de 1931, está “precisamente o campo especial de acción dos intelectuais”, non deixar ocos que poidan ocupar outros, formármonos politicamente, culturalmente... polo menos en función de ata onde pretendamos chegar dentro da organización, lembrar que, se Giuseppe Mazzini dixo “Creamos Italia, agora temos que crear italianos”, nós xa temos creada oficialmente a nación galega, cando menos desde 1918, agora toca crear galegos nacionalistas. Que os estatalistas, os sucursalistas, os apéndices, Mareas ou confluencias (ás que un documento interno de Podemos, aportado por El Confidencial, considera contaminante “sainete de la confluencia”) non nos crucen a proa. Están aínda lonxe de facelo, mais nós semella que xa esquecemos como se constrúe país.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.