A César o que é de César

A César o que é de César

Como defensor do laicismo como única vía da convivencia social entre a relixión e a razón e cuxa columna vertebral non é outra que a separación da igrexa (calquera que for) e o Estado, non podo menos que aplaudir a decisión do tribunal de Naoned (fr. Nantes) de prohibir a instalación dun presebe natalino na entrada dunha administración pública. Así pois, tamén estiven case a ponto de aplaudir a iniciativa de levar o presebe de Compostela para o lugar que lle corresponde, isto é, ao interior da catedral. E é que, para alén de ser un elemento cultural, o presebe non deixa de ser un símbolo clarisimamente cultual: por algo será que a reaccionaria extrema dereita francesa da Fronte Nacional fai da súa defensa o seu último cabalo de batalla.

Para alén de máis, se descontarmos exemplos tan insignes como o ‘Belén tradicional gallego’ (sic.) instalado nun centro comercial compostelán, ‘El Belén Artesanal en Movimiento de Valga’(resic.), que inclúe escenas e figuras moi galegas como son a voda da Duquesa de Alba ou os xogadores da selección ‘nacional’ de futebol, e algunha que outra notábel excepción máis, acho que se pode dicer que o presebe non goza dun especial arraigamento cultural na Galiza en xeral a par do que pode ter, por exemplo, na Occitania ou en Catalunya co seu entrañábel caganer.

Unha Galiza soberana non renegaría do seu, fuxiría de desnecesarias imitacións do alleo e apostaría en promover elementos culturais de noso, como son o Apalpador e as árbores de Natal susceptíbeis de seren replantadas, a poder ser acivros de viveiro para repoboar o monte de especies autóctones. Tamén, aínda que pareza mentira, debo recoñecer que en Compostela hai unha figura do Apalpador. A ver se es quen de o atopares, porque nas rúas máis céntricas, desde logo, non che está...

Ora, como ben se pode imaxinar, aínda non levaron María, Xosé e o Neno Xesús da praza pública para a igrexa, mais continúan diante do Pazo de Raxoi, ao mesmo tempo que a Xunta paga para instalar máis outra natividade dentro do recinto catedralicio; cartos públicos para financiar o relixioso dentro dun recinto privado.

Alén diso, evidentemente, había que contratalo e traelo todo desde Castela1, pois se non provén directamente do centro do imperio –cos nosos cartos fluíndo alegremente en sentido contrario– non abonda para aplacar as ansias servís dos lacaios colonizados de San Caetano. Obviamente, xa postos a traelo desde fóra, fica excluído de entrada dar a coñecer na Galiza a tradición catalá para non avivar as chamas do maldito independentismo que ameaza a sacrosanta Constitución e a bendita unidade de Ejpaña. Segundo declararon, non se vai consentir nengunha rebelión na Granxa.

Debe ser que xa non faltan cartos con isto da ‘recuperación económica’. Ou sería simples hipocrisía? Pois, ao tempo que entoa sen saciedade a trágala de “Austeridá para salir da crisi”, o Faraón Feixoo cobre os Fariseos do templo con ouro. Todo é unha cuestión de prioridades. Só faltaría que a Xunta agasallase cun cilicio novo a cada membro do Opus Dei ou, talvez, con algún detalliño para as vítimas da moi oficial e moi católica Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo en Oia; se callar, un coitelo de capador...

U-la “igrexa pobre e para os pobres” que predica o Papa Francisco? Ao mesmo tempo que se adorna tan ricamente o templo santiagués con ídolos, hai moit@s galeg@s mergullad@s na miseria. “Benaventurados vós, os pobres, porque voso é o reino de Deus”, reza o Evanxeo (Lucas 6:20–22). No entanto, será porque son ateo e socialista, mais persoalmente defendo a posición de que todo o mundo, non só a elite eclesiástica, ten o direito a viver con dignidade no reino terrestre ao agardar para entrar no ceo...

,
Contextualicemos. En 2013, Cáritas denunciou que 22.000 persoas viven nunha situación de exclusión social na capital galega e máis de 4.000 en situación de pobreza severa. En decembro de 2014, a mesma organización, instituída pola Conferencia Episcopal Española, alerta de que, en toda a Galiza, son medio millón as persoas que sofren exclusión social, un fenómeno máis marcado que no resto do Estado, estando, asemade, o noso país á cabeza en canto ao número de persoas que viven na rúa. E se o di Cáritas, non o pode non saber a Igrexa. Será, pois, que non lle importa? E logo se atreven a falar de caridade! Xa basta desta súa caridade! O que fai falta non é máis nen menos que xustiza social, a comezar por cobrar o IBI á igrexa, como a calquer outro proprietario de terreos e ben inmóbeis. Mais, ao parecer, todo indica que Deus IBI non est! Será que alguén esqueceu o significado da seguinte sentenza: “Dade, pois, a César o que é de César, e a Deus o que é de Deus.” (Mateus 22:21)

Contextualicemos de novo. Segundo o catastro, a igrexa é proprietaria de 1,1 millóns de metros cadrados no municipio compostelán, dos cais 850.000 non son de uso relixioso, coas súas 200 propiedades correspondentes, incluído un bloque de vivendas no ensanche. En 2010, a Dirección Xeral do Catastro cifraba en 426 millóns de euros o valor do patrimonio estritamente relixioso da igrexa na Galiza, o que representaría ao redor de 22% do total. Non fixen os cálculos, mais acho que este diñeiro daría para alimentar bastantes familias das que non teñen máis remedio que acudir aos bancos de alimentos en números cada vez máis grandes ou os centos de persoas beneficiarias do Plan de Axuda Alimentaria Solidario lanzado pola CIG.

En Compostela, como no conxunto do país, hai familias que pasan fame, non só nestas datas festivas, mais tamén ao longo do resto do ano, e tamén moitas persoas sen acubillo nen un lugar onde durmir, como aquela parella da historia que andaba de pousada en pousada no palestiniano lugar de Belén. Non pretendo ser, nen moito menos, especialista na materia, mais polo que teño lido há tempo no Novo Testamento, atrévome a pensar que o proprio Xesús non toleraría tal ostentación vergoñenta de hipócrita prodigalidade diante dos narices dunha parte da cidadanía que pasa fame.

Deséxovos a tod@s un 2015 cargado de esperanza e arelas de liberdade e soberanía!


Nota


1. Non dei atopado información ao respeito nas páxinas correspondentes nen da Xunta, nen de Turismo. Porén, segundo a entrevista coa responsábel Maite Collado en Radio Voz, a empresa concesionaria sería Hobby Belén, que evita indicar a contía desta dilapidación de cartos públicos. Mais, na mesma entrevista, a Secretaria Xeral de Turismo, Nava Castro, cifra o custo en “máis de 20.000 euros”. Unha ganga en tempos de bonanza como os que corren...