A casa na Galiza Rural


Desde o punto de vista antropolóxico, un dos aspectos que máis chama a atención na Galiza rural é a importancia que tivo a casa na armazón da vida campesiña. Non cabe dúbida que pola súa configuración e polo seu significado podemos calificar a esta como unha entidade singular e, xa que logo, con características de seu, capaz, entre outras cousas, de ser unha fonte salientable de identidade para todo o corpo familiar que lle dá vida.

Pero ao mesmo tempo, a casa rural non só foi unha realidade física, senón tamén humana; e de ámbalas dúas realidades iría agromando unha simbiose ao longo do tempo, que remataría callando nun proxecto vital particular capaz de transcender aos seus moradores para, á súa vez, facelos partícipes dun destino común no que as distintas xeracións que a ían conformando, contribuíran a perpetualo e engrandecelo. Esta simbiose, chamada casa patrucial, foise organizando desde unhas relacións de poder moi ríxidas. Nela, o patricio exercía como figura dominante, encarnando a idiosincrasia herdada dos seus devanceiros, dos que legara a lexitimidade necesaria para, como nos di Raúl Iturra, desenvolver o dobre papel de representar a casa ante o mundo exterior e o de manter a autoridade no seu interior.

Por outra banda, Carmelo Lisón Tolosana demóstranos nos seus estudos antropolóxicos encol da Galiza rural, que neste espazo, é a casa quen realmente define á persoa. Así , a pregunta quen é? queda sustituída nas relacións diarias por de que casa é? Polo devandito, pódese afirmar que esta institución sempre abrangue a persoa para rematar converténdose en algo máis ca un nosoutros, producíndose o que o mesmo Carmelo Lisón chama a clasificación da persoa. Desta forma, cada suxeito viña a ser o froito dunha simbiose que tiña as súas raigames nun pasado que anegaba de significacións a todo o corpo familiar e do que resultaría unha entidade singular con nome de seu, polo que era coñecido cada labrego. Daquela, ninguén era identificado como individuo illado á marxe da casa á que pertencía, xa que existía como tal nun segundo plano, escurecido pola forza da casa e acotío subordinado a esa mesma entidade que o acubillaba e lle daba recoñecemento social e sustento material.

A casa sería tamén, historicamente, a gran fornecedora de significados, orientación e seguridade de todos os seus membros, ademais de posibilitar que nela quedaran seladas as pegadas existenciais de cada xeración como continuadora da tarefa histórica dos seus devanceiros. Foi, xa que logo, o gran elemento dinamizador e aglutinador das enerxías colectivas de todos os seus moradores, co fin de perpetuala e facela grande, xa que o grao da súa fortaleza era directamente proporcional ao recoñecemento social de cada membro da comunidade familiar e, desde logo, do seu nivel de autoestima.

En definitiva, a casa sería unha das creacións máis sentidas e fecundas da alma galega polo que significou a nivel material e espiritual para o mundo labrego. Asemade, simbolizou tamén a cerrazón histórica que viviu Galiza, xa que foi o seu producto e a súa razón de ser para logo, chegado o tempo, xa na derradeira etapa do século XX, ir abríndose sen estridencias a unha nova realidade que esixía un maior grao de dinamismo e de flexibilidade, aínda consciente de que a devandita apertura sería a derradeira razón da súa morte.