A casa do BNG anda revolta

A casa do BNG anda revolta

Desde a desfeita electoral na que o PP puxo contra as cordas ao BNG e ao PSOE, baixan revoltas as augas nas dúas formacións. Uns coches, un baile, uns chopitos, unha foto en barco e unha manchea de erros electorais transformaron un bipartito gobernante en desconcertada oposición. Nin un nin outro souberon facer unha análise serea, unha asunción de fallos nin unha oportuna corrección de táctica. Unha cousa é certa: os medios de comunicación actuaron e (des)informaron descaradamente a prol da dereita, e eu mesmo, como reacción, dinme de baixa da subscrición que tiña coa Voz de Galicia; pero pasar por riba dos resultados, comunicando que a clave da perda de apoios do pobo galego viña exclusivamente, ou case, do sectarismo dos medios foi tan simple como tentar remediar un cancro con aspirinas ou conter unha hemorraxia na aorta cun esparadrapo.

Vimos de participar noutros comicios nos que os resultados foron bos, desde o meu punto de vista, considerando que algúns dos candidatos propostos era moi difícil que, de saída, acadasen algún voto que non fose manifestamente militante. O alcalde da miña Boa Vila ten deixado caer nalgún mitin que o PP pode presentar de número 1 a cabra da lexión, xa que os disciplinados militantes votarán por ela. Ten toda a razón Fernández Lores, pero coincidirá comigo en que tampouco fallaron os votos dos afiliados do BNG aos propostos para o congreso de deputados. Segundo isto, a razón de conseguir un número maior ou menor de señorías estriba na cantidade de adscritos á organización; pero el sabe moi ben que a súa xestión en Pontevedra arrastra moitísimos votos alleos á formación frontista. ¿Haberá, xa que logo, que coidar, cando menos, os cabezas de lista? Tódolos partidos teñen que considerar zonas territoriais e tendencias, algo que se ve agravado ou multiplicado no BNG por se tratar dunha fronte.

,Pero non pretendo agora facer unha análise das eivas que levaron ao nacionalismo á situación político-institucional na que se atopa. Sisudos comentaristas xa explicaron en diferentes foros o que todo o mundo sabía. O que a min agora me preocupa é a situación caótica que se está a producir no BNG, cunhas declaracións, fóra dos órganos internos, dunha deslealdade merecente dun automático envío ao gulag. Aquí non vale recorrer ao disimulo da magnanimidade do poderoso, porque ninguén ignora que o momento é de nidia debilidade, e o débil precisa combater os axentes patóxenos con decisión e prácticas agresivas.

Chegado a este punto fago meu o artigo que o pasado 14 de agosto publicou neste mesmo xornal o colega Anselmo López Carreira. Asumo a totalidade agás o inicio, xa que, se el se declara militante da UPG desde hai 40 anos, eu nin estiven nin estou afiliado. Non dubido de que a afiliación é importantísima, pero a independencia intelectual e o concepto da lealdade impídenos a outros asumir a amarradura que conleva a afiliación, o que non mingua en nada o compromiso nacionalista, o amor e a defensa sacrificada pola Terra. Saben moitos compañeiros o que me molesta que se distinga nos discursos políticos a militantes (do nacionalismo) e simpatizantes. Coñezo a moitos non afiliados que levan preto de medio século, desde que teñen uso de razón política, loitando pola patria galega a cambio de nada ou, se preferimos, a cambio do todo: a cambio do ser, da esencia. O BNG debera de saber que numerosos nacionalistas por libre traballan e conseguen máis, en simpatía e votos, que moitos afiliados, e saen tan baratos que nin sequera hai que pensar neles cando hai algo, desgraciadamente en poucas ocasións, que repartir.

Non só asumo o escrito de López Carreira, senón que eu mesmo, en Xornal de Galicia, escribín, moito antes, concretamente o 26 de xullo de 2009, un artigo que titulei "Do malinchismo duns ao relativismo doutros", no que dicía: "E escóitase tamén, dentro do nacionalismo, que hai insinuacións de connivencias, de adaptabilidade, de saber ler o que queren os que non nos votan e abandonar o resistencialismo". Denunciei esta postura, ilustrando a argumentación coa resposta daquel pastor de Santorini, que, cando lle dixeron que as cabras freaban o progreso de Grecia, dixo: "Que valor ten o progreso, se esixe que deixemos de ser nós mesmos"? As declaracións dalgúns dirixentes do BNG lembran a fortaleza dos principios de Groucho Marx: imos facer un partido no que defenderemos o que a xente nos diga, por medio dunha enquisa, que é o que quere que defendamos. Marxismo de Groucho é a postura duns, mentres que a outros poderiamos aplicarlles a resposta de Filipe II ao Cardeal Granvela.

Foi este príncipe da igrexa e vicerrei en Nápoles un home moi afeccionado ás mulleres, chegando a figurar o seu nome en letriñas coma esta: "Don Juan (de Austria) con la raqueta / y Granvela con la bragueta / perdieron La Goleta". Cousas da guerra contra o turco. Falando un día con Filipe II, disque lle dixo: "Vai xa alá un ano que o emperador renunciou a tódolos seus estados", e contan que o rei, o fillo do aludido Carlos I, respondeu: "Tamén é certo que desde hai un ano non deixa de sentilo". Cando oio as declaracións públicas dalgún amortizado dirixente do BNG, lembro esta conversa, o mesmo que me vén á cabeza aquilo que escribiu o Conde de Romanones, viveiro de anécdotas, aquel que lamentaba que Marx, neste caso Don Karl, posto que escribía tan ben, non se tivese dedicado unicamente á literatura; o mesmo Romanones que desexaba que chegase o comunismo, porque, dicía el, "entre o que eu teño e o que me vai tocar no reparto, media España vai ser miña". Era verdadeiramente agudo Romanones e, falando do acerto da retirada política do xeneral Espartero, dixo que "retirarse de verdade da política é cousa difícil, pero sempre proveitosa"; aínda que engadiu máis adiante: "Os homes políticos nunca reciben con agrado a xubilación".

Así está a casa do BNG: uns queren protagonismo, rebaixando ou cedendo, se é preciso, a carga ideolóxica do nacionalismo, e outros negándose a aceptar un discreto e merecido (sen segundas) descanso, relendo cada pouco o "Beatus ille" de Horacio, o "Que descansada vida...!" de Frei Luís de León e, de reforzo, salvando o interese literario, o "Menosprecio de corte y alabanza de aldea" de Frei Antonio de Guevara, e ben sei que a cultura dos interesados obviaba facer referencia aos respectivos autores. Para rematar, por se alguén pretende recriminarme que, sen estar afiliado, entre en casa allea, direi que teño o dereito que me dá o feito de que estas cuestións internas están a ser aireadas en público, así como o non menos importante de ser o BNG o partido no que deposito a miña confianza democrática. Dixen e manteño que votarei BNG, mentres este queira para Galicia cousas esenciais semellantes ás que eu quero; o día que el defenda outras cousas, deixarei de votalo. É evidente que, nese caso, quen mudou foi el.