A Carme, a miña Matriarca

A primeira feminista que coñecín chamábase Carme. Naceu nunha familia labrega no interior da Galiza a principios do século pasado. Foi afortunada, sabía ler e escribir. Nunca pisou a Universidade. Carme foi unha escrava do torrón, mais plenamente consciente da desigualdade e discriminación das mulleres. Carme era a miña avoa. Admíroa, entre moitas cousas, porque me ensinou a ver e valorar o traballo das mulleres. A través dos seus ollos e as súas palabras discrubín a discriminación de xénero e a desigualdade.
Pensei nela escoitando “Matriarcas” de Guadi Galego, porque ela tamén foi unha activista do cotiá. Ensinoume a querer, a abrazar, a cantar. Carme ensinoume que as mulleres da súa época xa sufrían dobre xornada laboral e explotación. Aprendín con ela a soñar e a loitar polo que queremos. De certo, nunca me falou de patriarcado, mais era contundente e mordaz na crítica ao mesmo nas súas consecuencias prácticas. Por iso gostei de Matriarcas e desde estas liñas quero agradecer a Guadi Galego, a homenaxe ás mulleres loitadoras -plurais e diversas por definición-. Como ela mesma expresou “unha canción de AMOR as que souberon mirar de nós, ás que coidan sendo nais e sen ser nais (sen isto facelas máis humanas), ás que abriron zanxas na terra para que moitas de nós puideramos cantar libremente, ás que querían ser Médicas e só puideron traballar nunha Farmacia de auxiliares por ser mulleres.”
Mais como toda creación, sae do marco da súa autora, interpela a quen a escoita e provoca debate. É matriarcas reprodutora dun rol tradicional para as mulleres? Con todos os matices que sempre existen, penso que non. A letra desta peza sintetiza moitos dos elementos que forman parte da vindicación de igualdade, do recoñecemento dos dereitos das mulleres e denuncia da opresión. De feito, na letra aparece a denuncia da maior esixencia ás mulleres no ámbito do coidado(“nós cousa por cousa, sen podernos despistar”) e da dupla xornada laboral. Ao tempo, fai unha reivindicación do valor do coidado e o transformador do cotiá. Cantas veces reivindicamos que teoría e praxe debe ir da man? Cantas veces teorizamos sobre o valor transformador da educación e da nosa vida persoal? Existen grandes aportacións de moitas mulleres anónimas que na súa vida foron exemplo de ruptura do estereotipo e aportaron novas referencias que rompen os roles tradicionais. Son as revolucións do cotiá que van tecendo novas formas que é preciso valorar e nomear.
As imaxes trasladan sempre conceptos e valores. A imaxe da nai aleitando á súa crianza foi empregada como sublimación dunha mística da maternidade. Tamén é certo que foi eliminada e laminada por un “puritanismo” que esconde o corpo das mulleres e todo o que insinúa sensualidade. Mais pregúntome se debemos fuxir de imaxes que forman parte dun espazo importante na vida de moitas mulleres, ou pola contra, reapropiarnos delas e darlle un novo significado que supere os estereotipos.
As matriarcas do país dos alalás, non son patriarcas doutro sexo. Defendo Matriarcas como símbolo das mulleres que racharon roles, con maior ou menor fondura, mais que significaron mudanzas relevantes na vidas das mulleres. Abriron fendas que outras aproveitaron e agrandaron. A igualdade de xéneros é aínda tarefa inacabada, as conquistas fráxiles e reversíbeis. Mais sería falso negar que mudamos moitas cousas e sería inxusto desvincularnos ou esquecer que somos debedoras das que antes loitaron desde moitos ámbitos e frontes. Mulleres como miña avoa Carme, que moitas veces, sen sabelo ela -ou sen sabelo eu- foron “brillantes activistas (....) no país dos alalás”.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.