A can fraco todo son pulgas

A can fraco todo son pulgas

O Decreto no que recollen as medidas do goberno para facer recortar o déficit público sae publicado o luns 24 de Maio no Boletín Oficial do Estado; o seu contido é un conxunto de disparates cunha orientación absolutamente regresiva e coa clara intención de descargar o peso da crise sobre as clases populares, precisamente as que non tiveron ningunha culpa na súa xénese. Pero sobre este aspecto xa se ten escrito e moito máis que se escribirá pois o asunto mereceo; hoxe voume referir, nunha primeira valoración de urxencia, ás determinacións que se recollen no citado Decreto sobre o financiamento local.

Os Concellos só poden financiar as súas obras con créditos

Todas as Administracións recorren a préstamos para financiar investimentos; no caso da Administración Local, a inmensa maioría das obras e demais investimentos que fan (capítulo VI da súa contabilidade) están financiadas por estes préstamos, por estes créditos. Os Concellos son administracións con cargas fixas derivadas do seu carácter de entidades que prestan grande cantidade de servizos, polo que os seus recursos para financiar obras son moi escasos senón buscan financiamento vía créditos.

Para evitar que a Administración Local se converta nun furado no déficit das contas públicas, existen en vigor unhas normas moi duras que rexen a súa contabilidade. É a famosa inestabilidade e as medidas correctoras a que están obrigados os Concellos que incorren nela. De feito, quitando prácticas perversas dalgúns Concellos e Deputacións, e inclusive con elas, as Administracións Locais non son, en xeral, ningún problema para a débeda pública nin para o déficit do Estado. En todo caso, o propio Estado e as Comunidades Autónomas teñen un peso moito máis elevado nestes parámetros.

O Decreto prohibe aos Concellos recurrir a crédito

Sen previo aviso, pois non foi anunciado no Parlamento nin na comparecencia posterior ao Consello de Ministros no que se aprobou o Decreto, prohíbese ás Administracións Locais concertar novos créditos nos anos 2010 e 2011. É unha medida adoptada a traizón e, dado o seu obscurantismo, da que collen moitas dúbidas de que non sexa unha ocorrencia de última hora, sen estudar nin analizar a fondo as súas consecuencias.

A medida é dunha inxustiza comparativa descomunal

É dunha inxustiza comparativa enorme: por un lado, é só unha restrición para a Administración Local, non para o Estado nin para as Comunidades Autónomas que, como se dixo antes, xeran moito máis déficit que os Concellos. Por outro lado, trata por igual aos Concellos con un déficit elevado ou problemas de exceso de gasto (a famosa inestabilidade) que os que teñen unha economía razoabelmente saneada e déficit contido.

As consecuencias van ser terríbeis

Se ao recorte nas transferencias do Estado que sufriron os Concellos e que van ir en aumento, lle engadimos agora esta medida, a capacidade financieira dos Concellos, que xa estaba terribelmente mermada, vai quedar por debaixo de calquera mínimo razoábel. As consecuencias van ser tremendas en varios aspectos:

- Por un lado a capacidade de prestar servizos vaise ver moi mermada, inclusive os básicos.
- Por outro lado, se até de agora traballar para a Administración era seguro de cobrar, aínda que fose tarde, esta garantía vai desaparecer, na práctica, para os subministradores dos Concellos.
- O descontrol dentro das finanzas municipais vai ser inmenso; obras adxudicadas ás que lle vai desaparecer o financiamento, tramitacións en marcha anuladas, etc.
    O emprego na construción desplomado

    Para substituir o emprego no sector privado da construción o Goberno do Estado inventou os Plans E no 2009 e 2010. Agora, imos pasar de medidas paliativas do paro na construción, a medidas que van a acentuar o desemprego. Levado a medida do Decreto as súas últimas consecuencias, o emprego xerado polas obras públicas dos Concellos desaparecería practicamente todo. Pasamos de medidas de fomento do emprego na construción a esta medida que acelera de xeito drástico a súa destrución. E iso que din que non improvisan; se chegan a improvisar...

    A can fraco

    Remato con unha anécdota real: un veterano e moi eficiente funcionario repite sempre que a Administración é un bosque con moitísimas árbores, todas frondosas, menos unha cativa e esmirriada. Pois a esta é a que ían mexar todos os cans; esta árbore é a Administración Local. Canta razón ten!