A camiño da soberanía
Para alén de cuestións que, se xulgarmos polo que lemos na imprensa parecen centrais, esta Asemblea Nacional do BNG, como todas, debe servir para actualizar as análise e corrixir o que for preciso na liña que se está a seguir. E non hai dúbida de que nos últimos anos, mesmo desde a realización da asemblea anterior, houbo mudanzas que nos sitúan claramente nun novo tempo político que tamén exixe esclarecer as alternativas. Varios son os elementos que precisan atención e debate para podermos adecuar a nosa actuación a aquilo que o momento reclama: reafirmar unha visión crítica da Unión europea, particularmente evidente neste contexto; certificar o compromiso coa plena normalización social da nosa lingua; asentar unha posición alternativa ás políticas antisociais que se apresentan como saída á crise ou afianzar o carácter soberanista do BNG.
O nacionalismo xa veu andando ese camiño nestes dous anos, agora cumpre marcalo con claridade para podermos percorrelo con decisión. Con efecto, nos últimos tempos o BNG recuperou o perfil de organización de esquerda, non apenas no discurso, mais tamén -e principalmente- con unha actuación decidida de oposición ás políticas neoliberais e agresivas contra o noso pobo e as clases populares. Precisa agora do mesmo modo reafirmar o seu compromiso co obxectivo de soberanía nacional, que está no cerne fundacional e que durante un certo período perdeu presenza en favor dun discurso ambiguo articulado en torno do Estatuto de Nación.
Non se trata de abxurar da proposta de estatuto. Toda organización política -mesmo revolucionaria- que non quixer caer nun ideoloxismo baleiro e ineficaz precisa de alternativas tácticas coerentes que lle permitan colocar na sociedade un debate político esclarecedor e, ao tempo, crear contradicións que poidan resolverse de modo favorábel aos seus obxectivos. Desde esta perspectiva, a proposta de novo Estatuto facía sentido no contexto no que se ocorreu. Aconteceu que non se soubo explicar -acho que nin sequera á militancia- como tal proposta táctica e, aliás, parte da dirección nacionalista asumiuna gustosamente como alternativa estratéxica, útil nun particular proxecto de aggiornamento do BNG. Non cabe entrar aquí no conteúdo e na correción da proposta en sí, mais si anotar que tanto PP como PSOE non foron capaces de a asumir e tamén é verdade que, quer do punto vista competencial quer do simbólico, suporía un avanzo non desprecíbel en relación co cadro actual.
No entanto, a situación mudou de maneira evidente e significativa. A crise económica veu acompañada -ao mesmo tempo que serviu de perfecto pretexto político- dun proceso de involución en todos os ámbitos: perda de dereitos sociais, severa limitación dos procedementos democráticos (a sentenza do Estatut ou a modificación constitucional son un bon exemplo) e aínda, acentuada recentralización política do Estado. Neste contexto, as carencias e limitacións do modelo autonómico, que o nacionalismo veu denunciando desde os anos da transición, ficaron máis en evidencia do que nunca. Como tamén a imposibilidade de avanzarmos desde aí para un progresivo autogoberno. E é isto xustamente o que precisa de maior e máis urxente revisión.
Se hai uns anos o inicio do proceso de modificacións estatutarias abría, cando menos no plano formal, posibilidades de avanzar no autogoberno con un novo estatuto, deseguida se viu que isto non pasaba de pura ficción democrática: canto máis claro se manifestaban as aspiracións das nacións tanto máis rapidamente os poderes do estado axían para as imposibilitar. O rexeitamento do Plano Ibarretxe primeiro, os cortes ao estatuto catalán no Congreso despois, o bloqueo da calquera modificación estatutaria no parlamento galego para finalizar. A sentenza do Estatuto catalán mostrou claramente os límites, e a reforma da Constitución certificou as barreiras que o estado estabelece face a calquera aspiración das nacións a teren capacidade real de decidir. O acceso ao goberno central dun Partido Popular desacomplexamente españolista, que lanza mesmo a hipótese de o Estado reasumir competencias autonómicas, certifica que nos encontramos diante dunha vía absolutamente fechada.
Sería un erro, por tanto, persistir nesa liña. Como o sería cuestionar as políticas neoliberais que estamos a padecer sen cuestionar ao mesmo tempo a lóxica política que as impulsiona e toda a arquitectura político-institucional que as desenvolve. A posición subordinada da Galiza é o xusto correlato dunha posición a cada vez máis subsidiaria do Estado Español en relación a unha Unión europea que se evidencia como a expresión dos intereses dos grandes grupos económicos e financeiros, particularmente dos estados centrais. O aprofundamento da estruturación hierárquica na Europa no sentido centro-periferia, deixa o noso país aínda máis indefenso e agrava a situación de dependencia.
É por isto que o nacionalismo, ao tempo que rexeita as políticas neoliberais e regresivas, ten de denunciar a inserción dependente da nosa nación na estrutura do Estado, que agrava sobremaneira as consecuencias das mesmas. Isto permítemos exercer unha pedagoxía política exepcional, facendo patente que só coa plena capacidade de decidir sobre o noso futuro poderemos implementar outras políticas. Ou, dito doutro modo: só con soberanía nacional a Galiza poderá articular políticas económicas favorábeis ás maiorías sociais, que posibiliten un desenvolvemento autocentrado e sustentábel e a melloría da calidade de vida e do benestar da cidadanía.
Por eficacia política, o nacionalismo debe continuar a defender mudanzas no actual sistema que vaian na dirección de ampliar as competencias e a capacidade de decisión da nosa nación, tanto como o recoñecemento do carácter plurinacional e a democratización do Estado. Mais precisamos tamén de explicitar a alternativa de soberanía, que debe concretarse nun Estado galego democrático, laico e republicano: a República da Galiza. O BNG sairá gañando se ao tempo que enuncia os obxectivos tácticos esclarece a alternativa estratéxica. Porque se precisa un proxecto político non apenas coerente, mais tamén ilusionante. E nestes tempos de confusión, unha posición clara e decidida no nacionalismo e na esquerda é a mellor maneira de recuperarmos a confianza e a ilusión de moitos galegos e galegas que aspiran a un futuro diferente nunha patria liberada.