A bóla do exame
Cursaba eu terceiro de filosofía no seminario de Erbedelo, agora chamado de Vista hermosa, topónimo que a xerarquía clerical lle puxo para descontaminalo de calquera connotación galega e levar a colonización lingüística a recantos aos que aínda non chegara. A mesma que séculos atrás se iniciara no púlpito e no mosteiro con bispos e abades de importación. O que empezou sendo adulteración do estamento relixioso secundouna a institución civil, chegando ao aberrante paradoxo de que o mesmo viaduto figure con dúas toponimias. O extremo que parte da autovía (Erbedelo), e o que penetra na cidade de Ourense (Vista Hermosa). Após de moitos anos desta contradición, dela non se decatou aínda a corporación municipal nin os diferentes colectivos políticos que a conforman. Ao mellor é por congruencia co bilingüismo armónico, o modelo que Fraga pretendía exportar a Euskadi e Cataluña.
Era a finais do mes de xuño, época de exames. En todas as disciplinas había dúas probas: a oral e a escrita. A primeira realizábase por sorteo. O alumno extraía unha bóla da bulsiña de cor morada que o profesor puña enriba da mesa ao inicio de cada sesión. As bólas de madeira tiñan impresos números correlativos, e segundo o que lle tocase era o tema que o examinando debía desenvolver. A fortuna aliouse comigo. Á hora de xantar, desfilando polo claustro camiño do comedor, nunha aula aberta vin unha bulsa que algún profesor deixara esquecida. Xa metidos no primeiro prato, cando ninguén está para mesteres alleos ao bocado, puxen o pano no nariz simulando unha hemorraxia nasal. Non houbo que agardar a venia do inspector de turno para saír ao cuarto de baño. Entrei na aula e saquei dúas bólas. Unha para min e outra para o amigo Eladio (q.e.p.d.). Despenala moito podía espertar a lebre e malograr o invento. Actuei a tempo. En canto saímos de comer vimos xa o reitor (o corrector da toponimia) coa bulsa na man. Menos mal que non se lle pasou pola mente contar as bólas. Ao día seguinte tocábame examinarme da Historia da filosofía. Preparei o tema a fondo e fixen -poucas as grazas- unha exposición brillante. Saquei do saquete o mesmo número que levaba na man. Non se precisa ser malabarista para facer o troco. Claro que, os méritos acadados no exame oral estragueinos despois no exercicio escrito.
Non pensedes que con este artigo quero iniciar un capítulo das miñas memorias. Ten unha finalidade didáctica. Emulando os métodos dos filósofos peripatéticos, procuro educar deambulando, como Aristóteles, polas experiencias vividas. A que acabo de relatar está ligada á insinuación capciosa que algúns fan aos representantes nacionalistas cando os entrevistan, e que, infelizmente, poucos acertan a darlle unha resposta axeitada. Entre outros asuntos é reiterativo nos catequistas do españolismo considerar como galega a representación política acadada por partidos de ámbito estatal. Se a pregunta se converteu en tópica, o nacionalismo debe evitar responder con utopías. Na bulsa morada están as bólas dos cincuenta argumentos que avalan a nosa teoría. Pero é un erro presentarse no exame sen estudar o tema que de seguro vai caer.
,Enriba deste papel vou deixar unha bóla que lle poida facilitar ao alumno a realización do exame. Defenderse apelando á liña seguida polos partidos españois en temas concretos pode ser unha argumentación correcta pero rebatíbel, xa que un mesmo problema se pode interpretar de maneiras diferentes. Angrois, Prestige, produción leiteira, atrancos no sector pesqueiro. Non é con casos puntuais cos que imos anicar ao adversario. Non teñen que pensar de modo uniforme todas as cabezas que foron xestadas no mesmo útero social ou xeográfico. A disxuntiva non está nas interpretacións senón nas fidelidades. Mesmo que sexa discutíbel atribuír a condición de galego a quen substituíu polo español o idioma do país, certo é que non se lle pode negar a quen manteña posicións distintas sobre o mesmo tema. Esta é a falacia que encobre a argumentación dos atacantes. É simplemente unha demagoxia, unha falsidade que debemos retrucar cos argumentos que abundantemente nos aporta a lóxica.
Centremos a cuestión. Un partido político consiste nunha agrupación que mantén un ideario común. Aínda que na elaboración do proxecto poidan concorrer diferentes enfoques ou sensibilidades, a decisión resultante é única. Vótase de maneira unificada. Cando sobre o mesmo problema afloran interpretacións distintas, as diverxencias non se proxectan cara fóra nin interfiren nunha actuación que non presenta fisuras. Para sermos máis claros poñamos un exemplo. Supoñamos que sobre unha hipotética canalización dos Monegros o Partido Popular de Aragón manteña e vote unha alternativa diferente á que mantén e vota o español. Entón estaremos falando de dous e non dun só partido, aínda que ambos procedan da mesma matriz. Penso que non é preciso deluvar moito o cerebro para comprender que a partido único corresponde pensamento único, alternativa única e disciplina única. Non lle negamos a condición de galegos aos representantes que se integran como criados dun partido estatal. O que si lle retiramos é a consideración de partidos galegos, por moito que poñan o gue como apéndice das siglas que identifican a organización matriz, matización que serve exclusivamente para facilitar a venda do produto español.
Para que non se vexa que lle escapamos ao problema introduzamos outro elemento na confrontación. Non lle negamos lexitimidade a organizacións que forman parte doutra central, pero a súa función é diferente á das que son independentes. Aquelas subordinan os intereses galegos aos xerais do Estado. Estas fan prevalecer os intereses galegos sobre os españois. Non discutimos a lexitimidade senón a índole de cada partido. Por semántica e ideoloxía non existe un PP galego, un PSOE galego, unha IU galega, como tampouco hai un Carrefour galego por moito que venda aquí parte das súas mecadorías. Para isto, para definirse como galegas, non abonda con estruturas organizativas propias. Requírese ademais independencia ideolóxica e disciplinaria. Noutro escrito xa sinalei unha curiosa anomalía que se producíu no primeiro Parlamento galego. Houbo que demorar un pleno agardando que chegase unha casete que contiña as instrucións para un partido maioritario e nas que se fixaba a posición a manter no debate de absorción de Fenosa por UESA. Non viña da Coruña, como sería normal, tendo en conta que alí radicaba a capital administrativa da empresa afectada. Chegaron nun avión procedente de Madrid. ¿Eran galegos aqueles deputados sumisos aos ditados madrileños? Non cabe dúbida, pero non actuaban como tales. Eran galegos desertores, por non chamarlles traidores.
Entenderémolo mellor utilizando un símil deportivo, habida conta de que entre as filas nacionalistas tamén proliferan, lexitimamente, moitos seguidores do balón. Un xogador vigués, formado profesionalmente na canteira celeste, e fichado posteriormente polo Madrid, cando se enfronte este equipo co Celta, ¿en que portería vai tratar de meter o gol? Que cada quen busque a resposta. Non hai máis ca unha. Na portería galega. Pois ben, a portería galega vén sendo goleada por representantes procedentes da nosa canteira, e que defenden as cores do equipo merengue. Non lles reprochamos a fidelidade ao clube que lles paga. O que non toleramos en troques é que sendo seareiros do Madrid pretendan pasar por celtistas. A fidelidade é indivisíbel. Se o tertuliano provocador non sabe interpretar o significado da alegoría ou carece de caletre ou está ofuscado polo dogma. Pode ser tamén que o cerebro destes eruditos que se definen como analistas da política compaxinen os dous atributos anteriores. Os dogmas máis inamovíbeis non son os do decálogo hebraico. Están na Constitución.
Probado algo que en principio parecía axiomático, a seguinte cuestión, tamén frecuente no debate político, é buscarlle explicación ao feito de que o pobo escolla preferentemente representantes que subordinan os intereses galegos aos xerais do Estado. Para este tema remito ao lector a escritos anteriores, concretamente ao artigo titulado As nosas Vitorias, publicado hai pouco no Terra e Tempo dixital. Con todo, permítome engadir algunhas puntualizacións. Non se pode isolar o comportamento electoral do complexo colectivo. Quen se sente pequeno aspira a facerse grande, aínda que para iso se monte algunhas veces no lombo dun xumento. Nos primeiros anos da transición, cando non estaban as alternativas políticas suficientemente definidas, o dirixente dun partido español na provincia de Ourense, para ganar adeptos e afastalos de tentacións nacionalistas, trataba de conquistar prosélitos cos seguintes razoamentos: "Galiza é pobre, pintamos pouco dentro de España, e debemos apoiar e estar a ben cos que mandan para así conseguir algún beneficio". Contáronme isto os operarios que traballaban na súa empresa e que o patrón utilizaba como axentes electorais. O malo é que os asalariados asumiron os argumentos do amo. Cousa lóxica, xa que a dependencia económica conduce á servidume mental. Aquí radica o noso problema, o que nos fai diferentes doutras nacións que coma nos aspiran á súa soberanía.
Aquel político, feito á machada nos obradoiros dos prolegómenos do actual réxime, era un rastrollo do cacisquismo. Nado na aldea, coñecía a conciencia a mentalidade e as debilidades do mundo rural, nos que mora a Galiza profunda, a que os españois califican de cerrada. Se o complexo é unha eiva que aquí e na Conchinchina empece a conquista da liberdade, aqueles que tratan de reproducilo, coma o empresario ourensán, son uns liberticidas e cometen delito de lesa patria. Cidadáns, baixémonos do burro e montemos o cabalo bravo, o noso Pegaso, que nos conducirá á conquista da liberdade. Fagámoslle a figa aos que chegan de fóra vestindo o hábito de misioneiros e que veñen buscando prosélitos e non para emanciparnos. Máxima que o nacionalismo debe ter presente para escoller o rumbo a seguir nos momentos nos que se atopa na encrucillada.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.