A autovía dos comedores de percebes

A autovía dos comedores de percebes

A Costa da Norte volve a ser noticia nas portadas dos xornais, e como non podía ser doutra maneira, o castigo dos deuses bateu de novo nos habitantes da comarca, que xa comezamos a estar cheos de tantas mentiras, de tanto desprezo, e do atraso aos que nos someten os poderes públicos. A nosa comarca só aparece nos programas electorais, nos plans económicos de desenvolvemento, e nas declaracións de boas intencións das personaxes públicas que se deixan caer polas "enchimeas" gastronómicas, mais seguen sen aparecer as partidas nos orzamentos da Xunta e do Estado español e nos expedientes de adxudicacións de infraestructuras.

A última chegou coa autovía Carballo-Berdoias. Nunca tanto tempo esperou un probe por unha esmola, menos mal que os romanos chegaron a Fisterra fai 2150 anos e nos legaron as vías que temos.

Todo comezaba coa chegada do "Prestige" ás nosas costas, xa dicía Manuel Fraga que non había mal que por ben non viñera, máis o ben nin chegou nin da chegado. Ao igual que o famoso parador de Muxía, o Plan Galiza auguraba a ditosa autovía no ano 2003, pero como se fose por arte de maxia en pleno ano 2010, nada por aquí e nada por alá. Foi no ano 2008, un ano antes das eleccións, cando o goberno do bipartito na Xunta comezaba o expediente de adxudicación da obra, sendo a adxudicataria, unha UTE (Ferrovial e Taboada e Ramos) que non foi capaz de executala por falla de financiamento. O recente chegado goberno de Feixóo optou por rescindir o contrato, tendo que abonar a cifra de 4,1 millóns de euros en concepto de indemnizacións, e reiniciar o concurso que se atopa na súa fase final, e no que probablemente sairá gañando a UTE liderada por FCC, e digo gañando porque o custe da licitación aumentou considerablemente, nada máis que 400 millóns de euros respecto do orzamento anterior, 584 millóns. Namentres, o PP só foi capaz de xustificarse co argumento de que fixéronse moitas melloras, porque merecemos unha autovía de primeira. Nós pensamos que existen vencedores e vencidos, os vencedores son os do pelotazo e os vencidos, todos nós, que seguimos a pagar ano tras anos os nosos impostos, como os que máis, e non desfrutamos dos mesmos servizos.

Informannos dende a Xunta de Galiza, que a autovía Carballo-Berdoias conectará a AG-55 có resto da Costa da Morte e medirá 42 kilómetros. Pero o mellor de todo é que a UTE que lidera FCC non só asumirá a construcción, senón tamén a explotación da infraestructura, que funcionará mediante o sistema de peaxe na sombra, é dicir, a Xunta de Galiza abonará un canon por cada vehículo que utilice a vía. Para turismos, o prego establecía un tipo máximo de 0,1441 euros, e a oferta da previsible adxudicataria redúceo ate o 0,1296. Como non podía ser doutra maneira, o Partido Popular deixou a imaxinación a un lado, e vai facer o que fixo sempre, negocio en época de crise, acompañado de promesas de inicios de obras que non dan chegado.

Mais a indignación da nosa terra ten límites, e hoxe as páxinas dos xornais volvían a nomear a nosa vilipendiada comarca. O presidente do PP provincial e deputado galego, Carlos Negreira atreveuse a dicir en castelán nunha entrevista na Voz que "Sempre estou preparado para intentar dar saída a todas as demandas que me chegan e na Costa da Morte son moitas, porque parece que nesta comarca todo o temos que loitar dúas veces. Costa moito máis conseguir as cousas" (sic). Estas palabras vindo de quen veñen, pódense esperar, máis non estou disposto a soportar que este señor se mofe de todos os veciños e veciñas da comarca, despois de eliminarnos o heliporto de salvamento marítimo, de paralizarnos o xeriátrico comarcal, o porto de Brens, de eliminarnos os centro de día, as garderías, e os portos deportivos, e por enriba, subir a peaxe entre Carballo e A Coruña con nocturnidade.

Estes impresentábeis comedores de percebes deberían pagar peaxe cando se acercan á nosa Costa, e dende aquí propoño que hoxe en Corme, lle ofrezan no xantar dobre ración de caldo,ou tripla, para que non teña que pedir coma nós dúas veces, a ver se fartando o bandullo rega mellor o cerebro de Roncudo que ten, e se non lle chega, que aproveite tamén as verbas do xornal. Namentres a Costa da Morte seguirá esperando...