A área metropolitana de Vigo; unha formulación acaída ao territorio?
O actual Goberno galego ven de presentar un proxecto de lei para constituír a área metropolitana de Vigo. Un vello proxecto iniciado polo nacionalismo cando gobernaba en Vigo, sendo o único alcalde do BNG dos catorce concellos que participaron nos traballos preliminares aló polo fin do ano 1999 e que adquiriu corpo mediante a declaración de Soutomaior, en primeira instancia, e logo contido definitivo co que se chamou declaración do pazo da Touza. Ata eiqui nada fora da lóxica, a non ser esa "anomalía democrática" de que un alcalde nacionalista logrou, mediante a iniciativa política e o consenso, darlle forma a algo etéreo e que practicamente ninguén entendía para o que podía valer.
A área xeográfica constituída por Vigo e os concellos limítrofes substantivan un conxunto de ligazóns económicas e sociais sobre a base dun territorio ben definido e no que se dan complexas relacións de todo tipo, de aí que para acadar un futuro desenvolvemento harmónico e sostido so será posíbel mediante unha actuación colectiva e fondamente mancomunada, logrando unha actuación coordenada para resolver os problemas dun xeito máis eficaz, beneficiándose desta acción todo tipo de infraestruturas e servizos e, por ende, o conxunto da cidadanía. Para os galegos e galegas, o territorio forma algo máis que un suporte físico das actividades; é unha compoñente da nosa propia personalidade e os sucesivos gobernos autonómicos e municipais tiñan ignorado, ate o de aquela, os problemas territoriais e, xa que logo, a resposta ás necesidades da cidadanía.
Polo tanto é necesario ter vontade, disposición e "xestión política" para elaborar criterios e sentar as bases que permitan introducir un mínimo de racionalidade no proceso de ordenación territorial baseado na crenza de que un país e a súa vertebración é un futuro a longo prazo, onde os procesos deberán ser consensuados por unha ampla maioría, pois os resultados e as súas repercusións transcenden con moito á vida das propias persoas que o planifican, e o resultado final debe ser o produto dunha fonda reflexión e participación da poboación, directamente e a través de todas as administracións e colectivos territoriais e sectoriais asentando, nos aspectos básicos, a descrición e caracterización do País do século XXI, do País que queremos, que necesitamos e no que moramos.
Neste proceso non se pode concibir ningún resultado con futuro sen a participación activa dos concellos que conforman a complexa realidade social e económica como é a área territorial de Vigo e a súa influencia. Esta realidade non ten avanzado na súa concreción política-administrativa pola carencia dunha vontade real para formular unha auténtica institución de colaboración e desenvolvemento intermunicipal, que permita consorciar e optimizar os servizos que promovan a mellora da calidade de vida da cidadanía, o crecemento industrial, comercial e de servizos e a mellora das infraestruturas permitíndonos, dada a posición xeo-estratéxica e a capacidade económica que temos, xogar un papel singular e determinante na construción da Galiza do futuro e da eurorexión Galiza-Norte de Portugal conformada.
,A pesares do anteriormente exposto, non é precisamente o que define a práctica dos partidos de ámbito estatal senón todo o contrario. Desta volta, e unha vez máis, faise patente que o Partido Popular sigue a instrumentalizar as institucións para o seus intereses e, no canto de facer participes aos concellos e buscar o consenso para lograr unha integración por convencemento, dirixe o proceso dun xeito vertical na busca duns resultados que na confrontación electoral non é capaz de acadar, suplantando a soberanía dos concellos, baleirándoos de contido nas súas competencias pero mantendo unha institución caduca e desfasada como é a deputación, intacta nas súas prerrogativas e con capacidade de "manobra envolvente" nos concellos. A súa vez o Partido Socialista síguelle o xogo e adopta unha posición de indefinición sobre a deputación, non entendendo que a proposta presentada polo Goberno galego é un sucedáneo e obedece máis a unha cuestión de conxuntura política que a unha verdadeira proposta vinculada a un novo modelo de organización territorial e institucional na Galiza no que a área metropolitana de Vigo debería ser unha peza máis, xunto ás comarcas e concellos.
Por outro lado, e a pesares de que os resultados municipais recentes non foron favorábeis ao BNG, este non perdeu a súa capacidade de iniciativa política e de influencia para poder reconducir o proceso. Para asegurar que o resultado final sexa non so o producto da participación e o acomodo de todos os concellos senón, e sobre todo, a resposta a unha nova vertebración territorial da Galiza, acaída ás necesidades da poboación; que permita racionalizar as estructuras administrativas, e non duplicalas, mediante a eliminación das deputacións e o traslado das súas competencias aos ámbitos máis adecuados (ben a Xunta ben ás áreas metropolitanas ou comarcas); que fomente a colaboración e mancomune servizos para mellorar a súa calidade, estendelos ao conxunto da cidadanía e aumentar as súas condicións de vida; que a figura resultante, neste caso a área metropolitana, cumpra estes obxectivos e teña competencias claras e os recursos económicos necesarios para desenvolver a súa función pasa por que dende o BNG asumamos con maior énfase o compromiso que dende os distintos concellos debemos impulsar e, aproveitando sinerxías, capacidade de diálogo, visión de futuro e iniciativa política, logremos unha reordenación do sistema de goberno local existente dando resposta eficiente e eficaz dende as administracións máis próximas como neste caso, medíante a concreción e a realización definitiva desta novo ente supramunicipal.