A alternativa esperanzadora
O feito de que o nacionalismo galego manteña a súa representación parlamentar nas Cortes españolas, nas persoas do compañeiro Francisco Jorquera e de Olaia Fernández Davila, constitúe indiscutíbelmente un bo resultado. Porén, é comprensíbel que se desexase un resultado cuantitativamente mellor e que esa arela poida manifestarse ás veces en forma de frustración.
O 20N constitúe un bo sinal para o nacionalismo galego, na medida en que rexistra un retroceso moi leve (inferior ao 1%) en relación aos comicios xerais de 2008, amortecendo a tendencia á baixa o que nos permite poder albiscar, coa prudencia necesaria e desde a autoesixencia, o inicio dun cambio de ciclo. Sirva como exemplo disto o caso da miña cidade, Vigo, na que nestas xerais o BNG retrocedeu 10 veces menos que nas municipais de maio deste mesmo ano (-0,7% fronte un -7%) en relación a cadanseus procesos electorais anteriores. En Vigo, por vez primeira desde 2003, o Bloque obtivo máis votos nunhas eleccións xerais que nas municipais.
Eu tamén desexaba un mellor resultado, malia que ninguén podía ter elementos que fundamentasen esperalo -nin antes nin despois do 20N-, e como milleiros de comprometidas/os militantes acheguei modestamente o meu grao de area na súa procura. Con todo, é absolutamente falaz a idea de que o BNG se enfrontaba ao 20N nun contexto favorábel, nun escenario de oportunidades. A folgada vitoria do neoliberalismo españolista, en forma de abafante e absoluta maré azúl, tanto a nivel de Estado como en Galiza, refuta ese espellismo que está a ser esgrimido de xeito oportunista.
,Na análise dos resultados é ben difícil negar o efecto de factores esóxenos coma a crecente españolización, que serve de montura ideolóxica para o imparábel proceso de recentralización do Estado, ou a invisibilización mediática do nacionalismo -agravada polo esmorecemento recente dos media galegos. Mais há tamén factores endóxenos; como a práctica dun cainismo exhibicionista que nin tan sequera agardou un día tras os resultados para utilizalos como munición interna, ou a non resolución completa dalgunhas contradicións nas que incorre a práctica institucional da fronte nalgúns ámbitos.
A consecutiva perda de respaldo electoral non é unha tendencia iniciada en 2009. O ciclo descendente arranca mesmamente coa chegada ás principais alcaldías nos albores do presente século, e agudízase na recta final da primeira década dos anos 2000, coincidindo co goberno galego bipartito. A súa principal causa non ten a ver co cambio de liderados, senón fundamentalmente cunha progresiva desafección social coa oferta política dun nacionalismo desvirtuado.
O resultado obtido por Esquerda Unida no noso país, preocupante sobre todo nalgúns ámbitos urbanos, vén a confirmar que esa desafección aséntase en boa medida en que unha parte do noso pobo non visualiza ao BNG como a alternativa galega de esquerda real que é. E nesa falta de crédito pesa aínda o lastre da experiencia de goberno na Xunta, que malia ser globalmente positiva frustrou -por homologación- as expectativas dun segmento importante da base social do BNG. Pesa tamén a falta de correspondencia entre o actual discurso nacional da fronte, re-encardinado coa elección de Guillerme Vázquez como Portavoz en chave de neta esquerda nacionalista, con prácticas institucionais en ámbitos coma o municipal, pouco ou nada consecuentes con este.
Os votantes perdidos e os novos votantes non conquistados, non nos están a demandar unha nova viraxe ao posibilismo electoral. Non nos reclaman transmutar un proxecto transformador nun sucedáneo homologábel. Nunha impostura con acento. O noso pobo precisa dunha forza que impulse un proxecto emancipador en chave social e nacional para o noso país, máxime no vixente contexto de crise do capitalismo neoliberal que bate con crueza contra a maioría social.
É preciso, polo tanto, insistir no actual discurso do BNG. Debemos profundar e consolidar, desde a credibilidade dunha praxe coherente, o perfil da fronte nas coordenadas da firmeza ideolóxica (esquerda real, autodeterminismo, antiimperialismo) asentada no triplo eixo soberanía-democracia-traballo, do compromiso firme e insubornábel coa maioría social que constitúen as clases populares -suxeito fundamental do noso proxecto-, e da complicidade cos movementos sociais e o sindicalismo nacionalista na procura de sinerxías que enraícen ao BNG mesmamente na base do pobo galego.
Non se trata de ser unicamente forza de goberno, aspecto que ninguén discute. Tŕatase de sermos ou non unha alternativa efectiva ao neoliberalismo que nos oprime e á súa socialdemocracia cómplice. Neste escenario indignante onde as clases dominantes, o capital, están a resolver de xeito obsceno a crise ao seu favor a costa de multiplicar a miseria, debemos teimar en seguir a ofrecer unha alternativa esperanzadora que promulgue un cambio radical da realidade en favor da maioría.
O contrario será unha nova e decepcionante viaxe a terra de ningures, que o noso pobo xa non se pode permitir