90 anos da chegada do nacionalismo e do galego a un Salón de Plenos Municipal

90 anos da chegada do nacionalismo e do galego a un Salón de Plenos Municipal

Algunha ou algún de vos sabe o que é o Midsommar? Pois é a festa sueca do inicio do verán, que miles de galegos e galegas, sobre todo nenos e nenas coñecerán en poucos días, coa chegada da multinacional sueca do moble sen montar, pois organizará actividades de ocio no seu centro comercial da Coruña, para entreter aos/ás pequenos/as mentras os seus maiores consumen. Pola contra, cantos/as galegos/as saben quen é Lois Peña Novo ou leron algunha vez a Rosalía?

Non é que pensemos que os/as coruñeses/as vaiamos cambiar as sardiñas asadas polos filetes de arenque en escabeche, mais si é un exemplo para confirmarmos a grande necesidade que temos de coñecermos a nosa historia e de difundir os nosos principais sinais de identidade.

Nun mundo cada vez máis globalizado, no que somos meros consumidores e no que o capital está cada día máis concentrado nunhas poucas mans é, para a nosa nación fundamental que o nacionalismo galego exista con fortaleza, xa que somos os únicos que podemos frear a españolización e o capitalismo máis salvaxe que sufre a maioría social deste país.

Aínda sabendo que se nos pode acusar de sermos a "forza política que máis visita os cemiterios" consideramos un acerto, o acto cívico e reivindicativo en lembranza do translado dos restos mortais de Rosalía de Castro, o vindeiro 15 de xullo en Compostela, co que tamén poderemos reivindicar, unha vez máis, a necesidade de que pase a patrimonio público o Panteón de Galegos Ilustres.

E como non somos uns/unhas acomplexados/as e pensamos que divulgar a historia de Galiza é unha parte importante da acción política para chegar a novos/as, menos novos/as e pensionistas, desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e o Concello da Coruña, imos recordar que fai 90 anos o galego xa era utilizado oficialmente no Salón de Plenos do Pazo de María Pita, polo concelleiro nacionalista Lois Peña Novo.

Lois Peña Novo naceu en Vilalba o 5 de agosto de 1893 no seo dunha familia labrega. Estudou no Seminario de Mondoñedo e despois estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, o cal rematou en 1915. Traballou como profesor auxiliar de Lois Porteiro na mesma Facultade, con quen mantivo un gran vínculo.
En 1916, participou na Irmandade da Fala de Compostela e foi cofundador da Irmandade de Vilalba. Ese mesmo ano, trasladouse á Coruña, onde viviu os próximos 10 anos da súa vida. Primeiramente, traballou de pasante no bufete do señor Durán García e logo tivo un bufete propio até que se trasladou como secretario do Concello de Vigo no ano 1926.
A súa primeira intervención pública na Coruña foi no Nadal de 1916 na "Festa dos Luíses". As crónicas da época recordan o seu discurso "Saúdo á Virxe" por ser a lingua galega a utilizada por el, algo pouco habitual neste tipo de acontecementos sociais.

Con só 23 anos, participou en Lugo, o 28 de xaneiro de 1917, no primeiro mitin das Irmandades da Fala, onde compartiu atril con Lugrís Freire ou Antón Vilar Ponte. Despois do éxito da súa intervención, participou en innumerables actos. A súa segunda conferencia na Coruña pronunciouna na Real Academia Galega e trataba sobre os problemas xurídioco-económicos de Galiza. A esta seguiuna, o 24 de abril de 1917, unha intervención no mitin celebrado en honor aos mártires de Carral, en que falou sobre os beneficios do cooperativismo agrario. Foi colaborador asiduo de A Nosa Terra, onde escribiu sobre os principais problemas do agro galego, os foros e a necesidade da creación dun Banco Agrícola que axudase a canalizar os beneficios do aforro galego no medio rural.

O 31 de maio de 1917 foi elixido secretario da Irmandade da Fala da Coruña e en agosto de 1918 fíxose co premio dos "Xogos Frorais" celebrados en Betanzos cun importante traballo "O problema agrario de Betanzos. A súa resolución". En abril deste mesmo ano, pasou a posuír o cargo máis importante das Irmandades na Coruña ao ser elixido conselleiro primeiro na Asemblea Xeral.

Por iniciativa de Lois Porteiro, convocouse unha asemblea dos nacionalistas en Lugo en novembro de 1918, para definir o seu programa. Un exemplo do gran vínculo que unía a Porteiro e a Peña Novo era a carta que recibiu este último, xa morto Porteiro, en que lle falaba do carácter que habería que lles dar ás conclusións desa Asemblea Nacionalista de Lugo; tamén evidencia o importante papel que tivo Lois Peña Novo na redacción do Manifesto Nacionalista.

Lois Peña Novo fora un dos que máis defendera, dentro das Irmandades da Fala, a necesidade da intervención política dos nacionalistas; resultou ser o primeiro membro do nacionalismo galego que ocupou un cargo público. Ás eleccións municipais do 8 de febreiro de 1920, presentáronse polo Concello da Coruña dous homes de gran prestixio das Irmandades: Antón Vilar Ponte e Lois Peña Novo. Saíu elixido Lois Peña Novo mais non tomou posesión até 3 meses despois, por ser anulada a súa acta na comisión provincial, acto contra o que este recorreu no Ministerio de Gobernacion, que estimou o recurso de Peña Novo.

O 7 de xullo de 1920, Lois Peña Novo tomou posesión da súa acta de concelleiro no Concello da Coruña, data que xa naquel momento os membros das Irmandades consideraban histórica por levar por primeira vez a lingua galega a un Salón de Plenos.

Así expresaba este feito o xornal A Nosa Terra:

"Dende a perda das nosas libertades non se tiña falado na lingua patria de xeito oficial até esta data, na que posesionóuse do cárrego de concellal cruñés Lois Peña Novo, o primeiro edil nacionalista galego."

Sirva esta homenaxe para recordar a todos os homes e mulleres que desde A Coruña traballaron por unha Galiza máis xusta, dignificando a nosa língua e procurando levala a todos os eidos. Lois Peña Novo foi un deses bos e xenerosos que A Coruña tivo a honra de acoller facendo así do Concello da Coruña o primeiro en Galiza no que se utilizou a lingua galega.

90 anos despois, podemos celebrar o esforzo das Irmandades da Fala por dignificar a lingua e a cultura galega así como o seu compromiso social en defensa das clases populares.

Os actos previstos nesta homenaxe terán lugar o vindeiro mércores 7 de xullo ás 18.00 h, co descubrimento dunha placa na rúa Lois Peña Novo, no barrio do Martinete, para recordarmos que nese mesmo día de 1920 un nacionalista tómaba posesión por primeira vez dun cargo de representación levando así o galego a un Pleno Municipal. Xa o xoves 8 de xullo ás 20.00 h no Salón da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda terá lugar unha conferencia de Ramón Roca Cendán, que é a persoa que máis ten estudado ao noso homenaxeado.