7 candidaturas á reitoría, un mesmo modelo

7 candidaturas á reitoría, un mesmo modelo

Nos últimos anos e consecuencia en grande medida do chamado Proceso de Boloña, a universidade estase a converter nun dos lugares idóneos para a rendibilidade da empresa privada. A explotación encuberta de estudantes á hora de facer prácticas obrigatorias, os Créditos Brandos, ou o feito de ter que ir facer o carné universitario ao Banco Santander, son algúns dos exemplos cos que as e os estudantes deste país temos que lidiar no día a día da vida universitaria.

Pois ben, parece ser que pase o que pase hoxe ou o o próximo día 24, na segunda volta das eleccións á reitoría, isto seguirá a contar co visto e prace da equipa reitoral da USC, pois ningunha candidatura propón no seu programa un proxecto transformador encamiñado a facer desta, unha universidade pública, galega, democrática e de calidade. Sete candidatos e candidatas que se presentan para satisfacer o seu propio ego, e que en realidade representan un mesmo modelo de universidade.

Así, quen está a dar o apoio a algunha das candidaturas, está apostando por un modelo de privatización e elitización da universidade, pois debemos ter todos ben claro que cando un candidato fala, por exemplo, da captación de financiamento externo, está a falar de pór a universidade ao servizo das empresas privadas, para que fagan e desfagan ao seu antollo segundo o beneficio económico que poidan acadar. Ou que haxa quen propoña a creación de lugares dentro das facultades para xantar e así adecuarse ao novo sistema de universidade. É iso o que queremos? Xa me vexo levando a comida nun tupper para a facultade e xantar ao máis puro estilo Ianqui... Pois estes son algúns exemplos das grandes propostas para mudar a USC.

Isto é apostar por Boloña. É apostar pola profesionalización do estudantado, pola obrigatoriedade das aulas e entender a universidade como un lugar no que a formación só se adquire nestas, procurando, unha vez máis, a desmobilización do estudantado. Fronte a isto, temos que apostar por unha universidade na que a formación se adquira, tamén, fóra da aulas, e na que o movemento estudantil galego -peza clave para algún día poder acadar a emancipación nacional e social do noso país- estea organizado e poidamos traballar xuntos nun proxecto común para unha universidade verdadeiramente pública e galega.

Outro dos aspectos, que a min, como nacionalista, me leva a votar en branco nestas eleccións, é desgraciadamente o trato que a lingua galega está a ter na Universidade. É incríbel que cos ataques que a nosa lingua está a recibir dende os sectores máis españolistas desta sociedade e dende o propio goberno da Xunta de Galiza, non haxa nin un só candidato que faga algunha proposta no seu programa para poder avanzar na normalización do uso do galego na USC. É triste, moi triste, que en ningún programa se faga unha mísera referencia ao maior símbolo de identidade na nación galega.

Mais, a todo isto, non hai que esquecer que non é só a ou o reitor o que se vai escoller hoxe. Eu, coma estudante, teño a oportunidade de votar por un proxecto ben diferente, un proxecto colectivo, que vai representar a voz do estudantado galego no claustro e que loita no día a día por unha universidade pública, en clave nacional tal e como fixeron no seu día ERGA ou os CAF e como fan a día de hoxe os Comités.