500 anos de indignidade

Cando un pobo fai apoloxía da renuncia a ser el mesmo, cae na indignidade. O mesmo que as persoas que, con aparencias, pretenden agochar o que realmente son. Esta impostura pode funcionar como consolación compensatoria a nivel individual, pero endexamais funcionará como salvación colectiva, como forma de acceder aos dereitos que temos por ser pobo, nación diferente. O grande problema da Galiza, o problema da nosa conciencia colectiva, segue a ser este, hoxe máis que hai 500 anos.
Hai máis de 500 anos comezaron a se producir fenómenos políticos, censurados e menosprezados pola historia oficial, que foron tecendo a tea de dominio sobre nós, a subordinación do pobo galego a deseños e intereses externos ao país. Houbo moita resistencia interna, moita máis da que a historiografía española recoñece, de máis ímpeto e calidade, máis merecente de consideración e respecto que a que lles concedemos. Foi máis dun século o que durou a nosa resistencia activa contra a integración subordinada e indigna na Coroa de Castela. Desde 1369, o fin do reinado de Pedro I de Galiza, León e Castela, e o exilio de Fernando de Castro a Portugal, até 1486, momento da viaxe dos denominados Reis Católicos a Galiza, após vivir a sociedade galega unha tensa e explosiva situación política, en palabras de García Oro (Galicia en los siglos XIV y XV, I), caracterizada por unha dura represión. A visita dos monarcas pretendía simbolizar a derrota da resistencia popular e a das clases dirixentes internas que non aceitaban a subordinación do Reino a Castela, e que durante máis de cen anos se manifestara constante e multiforme, sendo obxecto de represión con violencia inusitada. Recentemente, e de maneira marxinal, algunha historiografía académica española alude a como a autoridade real se exerceu con vehemencia para liquidar secuelas da guerra de sucesión, especialmente na Galiza. Nesta xeira sitúan as operacións contra o Conde de Camiña, contra o Mariscal Pardo de Cela ou contra o Conde de Lemos. A que se resistía grande parte do pobo galego e a clase dirixente autóctona? Á implantación dunha monarquía centralista, de base oligárquica castelá-andaluza, latifundista e de corte imperial. De feito, o primeiro experimento de conquista e colonización fíxose na Galiza e no reino de Granada, antes de ser aplicado na América. Para a Raíña Católica cumpríase, por fin! o soño dos falsos Trastámaras: ver vencido e subordinado á Coroa de Castela o reino peninsular occidental máis antigo e de maior potencialidade demográfica, económica e cultural, até entón rebelde contra un modelo de unidade monárquica que o afastaba, a cada paso máis, de Portugal e o convertía nunha colonia da Corte castelá, asentada nunha lingua, unha cultura e nuns intereses económicos que nada tiñan a ver cos da Galiza.
Indignamente, o presidente da Xunta, o Sr. Feixóo, vén de facer apoloxía desta doma de Galiza, desta instauración da servidume a deseños externos ao país. A súa reacción perante a masiva manifestación independentista catalá expresou, como adoita pasar cos galegos e galegas renegadas, a españolidade coa que se aspira a agochar o status de inferioridade económica e de marxinalidade e insignificancia políticas ás que o Estado español nos ten levado. Dito doutra maneira, esa forma de renunciar constantemente a sermos, valérmonos e defendérmonos en nome de nós mesmos e os nosos intereses. Deste xeito o xentilicio galego non pode funcionar nunca con independencia, por si mesmo, nin xustificarse por si so no terreo da economía, a política, a cultura, a lingua ou mesmo os sentimentos... A sombra de España debe estar sempre presente até facelo inane, tan impreciso que acabe en saudosa vaguidade ou tan badoco que só evoque comida. A nosa dimensión específica limitaríase a abalar entre o aceno teatral da man no peito feixoniano e a paparotada de quenda. Non fará falta advertir canto acólito senlleiro pertence á confraría gastronómica.
Porque, ai! “la inmensa mayoría de los gallegos nos sentimos españoles”, Feixóo dixit. Natural é, pois, que non lle preocupen a España as veleidades galegas, quimeras, diría Don Juan Carlos. duns poucos separatistas. Claro que tampouco pensa nin lle preocupan os nosos intereses, e aínda máis ás veces até se pode permitir o luxo de facer burla e desprezo de nós. O que non explicou Feixóo é si somos españois por lingua, cultura, símbolos, estrutura económica e social, hábitos psicolóxicos, experiencia da historia, perspectiva de futuro... Moito menos, se nos vai ben, así, tal cal estamos, con esta españolidade esperpéntica ás costas, da que a maioría da clase dirixente fai gala e inocula, con fervor, ao pobo en xeral. Velaquí o problema: a categoría superior do español que non permite agromar, aboiar nin defender a subordinada, dominada e anestesiada categoría do galego. Exercer este tipo de política na Galiza, invocando o seu nome, é unha forma de perxurio, tan van como venal. E para máis inri, faise desde unha institución que, en principio, está para representar os intereses do país. O pago que recibiremos por esta obediente servidume a España será... a irrelevancia. Claro que Feixóo, como todos os políticos galegos á española, ten a súa mente na Corte de Madrid...
,Máis escolar e libresco resultou o Presidente, cando sentenciou que Catalunya e Galiza eran España desde había 500 anos. Neste aspecto, debemos recoñecer que a súa españolidade foi moi cauta. Hai xa quen, nada menos que desde cátedra universitaria, afirma que España existe desde hai 3000 ou 2000 anos, polo menos. Feixóo aínda non se deixou arrastrar por tanto entusiasmo retrospectivo. No tema prefire seguir ao pé da letra a información imperante no sistema educativo español, como non podía ser menos tamén no galego, sempre ao servizo da adulación e a subordinación servil, desde moito antes do franquismo até os nosos días. Alumno avantaxado e chapón, Feixóo está disposto a repetir como papagaio o tópico mentirán, inventado precisamente para construír a idea dunha España tan grande como excluínte, agora democraticamente impartido. Nesta cuestión non atende nin ao revisionismo crítico de historiadores conservadores como Antonio Cánovas del Castillo, xefe do Partido Conservador na Restauración Borbónica do século XIX. Cánovas puxo de manifesto que a unificación de España, concepto xeográfico inicialmente, polos Reis Católicos foi de feito un mito. A verdade, a realidade, era caracterizada polo historiador e político conservador, malia fose con intencionalidade negativa, así: caos de leis, costumes, privilexios e exencións... Nós diríamos pluralidade aínda de reinos-nacións, culturas, costumes, foros, leis... e uso social vivo dos idiomas que non eran o castelán, por moito que este fose o de uso obrigado na administración da monarquía centralista e por todas as oligarquías locais civís e eclesiásticas. Galiza seguía a ser reino, nación en puridade, coas súas institucións, hábitos e costumes, se ben é certo que sometida a colonización. Catalunya, como parte da Coroa de Aragón, non recibiu o impacto político directo até o século XVIII, após a Guerra de Sucesión, como moi ben se encargou de subliñar Castelao no seu Sempre en Galiza, Libro Segundo, XIV, para aclarar racionalmente o por que da diferenza de conciencia nacional entre o pobo galego e o pobo catalán: “Pode explicarse o menor grado de vontade política de Galiza en relación con Cataluña e o País Vasco. Primeiramente porque foi asoballada antes -con séculos de diferencia- e despois porque lle faltaron os órgaos vivificadores da conciencia nacional”.
En todo caso, a idea de España como concepto político, como Estado, como nación única, foise construíndo desde comezos do século XIX, en especial na segunda metade: o mercado único, a nación española das sucesivas constitucións, a bandeira en 1843, o sistema estatal de escolarización en español, o himno e o servizo militar xa entrado o século XX, a declaración de monumentos “nacionais” non hai máis de oitenta anos. O instrumento burocrático de maior uniformidade superestrutural, que acabou por ter tamén maior incidencia social, como único idioma oficial da Monarquía, da Igrexa e dos seus servidores, e máis tarde do Estado liberal e centralista, foi o castelán. A historiografía oficial desde o século XIX cumpriu un papel fundamental para construír a idea de España como única nación, proxectábel retrospectivamente, eliminando o problemático e discordante no pasado ou manipulándoo. Desta operación foi Galiza, o seu papel, a súa historia, a principal damnificada. En puridade, o sentimento de españolidade foise construíndo e encirrando contra os diferentes ao longo do século XIX e XX para fortalecer o dominio, o poder dun Estado centralista, oligárquico, confesional católico e antidemocrático, que non recoñece a existencia de pobos, de nacións diferentes ao que denomina pobo ou nación española, de base castelá-andaluza, tal e como se pode comprobar tamén na vixente, obsoleta e reaccionaria Constitución española.
Feixóo practica a táctica de consolidar a ignorancia sobre nós e a nosa historia, coa arrogancia do mentirán que se sabe protexido polos poderosos. O grave é que non desaproveita ocasión para cavar aínda máis fondo, desde dentro, na ignorancia, na indignidade e submisión dos galegos e das galegas a unha idea de España, da que son, somos, as principais vítimas, no económico, e non digamos no psicosocial e mental. Na estúpida espiral de irracionalismo chegamos ao argumento, Mario Conde dixit, de que grazas a España e ao castelán podemos andar de emigrantes por todo o mundo, especialmente en América. Nada menos. Nunha palabra, que grazas a ela podemos aspirar a ser cidadáns do mundo e vivir, usando a expresión castiza española, de “puta madre”, e, con expresión máis finita, termos unha perspectiva de futuro fantástica, de cine... Nós non necesitamos, como os cataláns, saber canto pagamos por impostos na Galiza, a carga fiscal que soportamos. Xa se encarga “la madre patria” de administrarnos... E Feixóo, de xestionar como lle mandan...
Felizmente, o noso Jorquera contestou moi ben. Nada de envexar a ninguén, nin de imitalo; orgullo de sermos quen somos, mais conciencia das andrómenas, ignorancias, mentiras e dominios que sufrimos, e afán, vontade, de superalos e rachalos...