50 anos ao servizo do Povo e da Patria
Camaradas,
Amigas e amigos,
Delegacións convidadas,
Compañeiro Portavoz Nacional do BNG
Temos ouvido dicir moitas veces, e mesmo repetido algunhas, que o realmente importante son os proxectos políticos en tanto que as persoas somos prescindíbeis. Preténdese con iso enfatizar o carácter colectivo que un proxecto popular debe ter, para alén dos hiper-liderados e dos caudillismos. Andamos estas semanas, ben que nun espazo político moi distante do noso, fartos do Borbón nas primeiras de todos os medios españois nunha nada estraña coincidencia do papel prensa, do cuché e até do salmón. Para que despois falen do culto á personalidade!
Mais estritamente falando é verdade que se un proxecto político está realmente inserido na nación e responde ás necesidades obxectivas do povo, perdurará para alén das persoas que o representen nun momento dado e acabará por triunfar. O noso proxecto é así, nacional, popular e necesario. A razón verdadeira pola que a Unión do Povo Galego é, con moito, a forza política galega de máis longa traxectoria do noso País e ademais mantendo unha actividade política constante, con coherencia en relación aos seus postulados, ao longo de cinco décadas completas é que respondeu e responde a unha necesidade obxectiva do povo galego, da nosa nación e da clase traballadora.
No entanto, sabemos tamén que os proxectos políticos son obra humana, están integrados por persoas e a persoas se dirixen. Por iso mesmo, é preciso humanizalos, pórlles rostro, e con ese rostro razóns e corazón, sentimentos e argumentos, dedicación e vontade, alegría e compromiso. Vimos de escoitar sete camaradas que por si sós, para alén da achega política que veñen de facer nas súas intervencións, dan conta de porqué estamos aquí. De Bautista Álvarez, 50 anos da UPG e 50 anos de militancia activa, desde a fundación até hoxe, até Alba Castanedo, a máis nova militante do noso Partido. Dan conta da coherencia política e de entrega militante, da convicción nos principios, da lealdade ao País, da lucidez política, da capacidade de análise, da valentía intelectual, do esforzo de organización do noso povo, do activismo sindical e da firmeza na loita proletaria, do compromiso feminista, do coidado do medio e da aposta en vivir dignamente no territorio, do entusiasmo e da alegría combativa, da paixón por Galiza e pola liberdade.
As persoas que veñen de intervir representan de forma magnífica o que é este partido e o que é o nacionalismo. E eu dígovos que un proxecto político que ten persoas como estas, que conta con militantes coma vós, ten xa a vitoria asegurada. Estes sete camaradas simbolizan, todos vós, todas vós simbolizades o que representa este proxecto político no País. Temos historia da que nos sentirmos orgullosos e que nos trouxo até aquí para reafirmarmos o noso compromiso firme co proxecto nacionalista que representa o BNG porque queremos un futuro distinto, de liberdade, para a nosa Patria.
Temos historia da que nos sentirmos orgullosos. Non vou desmiuzar os episodios dunha traxectoria política de cinco décadas que non foi fácil nin estivo exenta de dificultades. Mais si sinalar o labor pioneiro que desenvolveu este partido para sentar os alicerces teóricos e prácticos do nacionalismo contemporáneo como hoxe o coñecemos. Pioneiro en recuperar o nacionalismo organizado a actuante após a brutal represión franquista e o entreguismo piñeirista. Pioneiro na análise acertada da situación de dependencia colonial da Galiza e na definicións das alternativas e dos medios de loita. Pioneiro tamén na asunción da condición de partido do proletariado, da clase traballadora galega, desde unha perspectiva nacionalista e por tanto na definición como Partido Comunista Patriótico. Pioneiro na convicción de que era preciso agrupar todas as forzas patrióticas para avanzar na loita de liberación nacional e por iso a aposta no frentismo como fórmula máis adecuada para logralo. Pioneiro na auto-organización do noso povo e en tantos e tantos campos, da loita pola normalización da nosa lingua á recuperación, dignificación e divulgación da nosa cultura nacional.
Mais sendo motivo de orgullo este labor pioneiro en anos difíceis, en que todo ou case todo estaba por construír e en durísimas condicións de clandestinidade, tamén o é termos sabido contribuír, á beira de moitas outras persoas desde posicións patrióticas, para construír as máis sólidas organizacións políticas e sociais do nacionalismo, desde a AN-PG ao BNG ou desde o SOG a esa vigorosa realidade que é hoxe a Confederación Intersindical Galega, a máis numerosa organización do nacionalismo galego. Unha central combativa que nunca cesou no seu labor de defensa incansábel da clase traballadora, polo que foi a miúdo albo da represión do poder e da patronal, como está a acontecer agora mesmo en Vigo, polo que, do mesmo modo que a CIG sempre contou co compromiso activo do noso partido, expresamos agora a nosa total solidariedade cos compañeiros de Citroen en folga de fame.
Nese labor de construción do nacionalismo, con humildade, con xenerosidade, mais tamén con decisión e con iniciativa, estivo sempre o noso Partido. Con erros e acertos, con pasos adiante e períodos de dificultade, con vitorias e fracasos. Fracasos, si, porque este partido, como o conxunto do nacionalismo, puido ter fracasado en algúns obxectivos, puido ter sufrido derrotas parciais, mais nunca foi dobregado, nunca se rendeu e o que é máis importante, nunca o fará.
E foi todo ese labor, constante, entusiasta, feito a conciencia e con conciencia, o que nos trouxo até aquí, a esta realidade firme que é hoxe o nacionalismo galego e até este momento complexo mais ao tempo esperanzador que nos toca vivir. É verdade que nestes 50 anos, moitas cousas mudaron na Galiza. No entanto, non mudou o esencial: a dependencia, a situación da Galiza como nación oprimida e colonizada. Por iso o proxecto nacionalista que integra a Unión do Povo Galego está plenamente vixente. Foi preciso adaptar a actuación táctica á realidade do País en cada momento, sempre buscando a eficacia social e política e o avance do nacionalismo. Mais ao mesmo tempo soubemos manter con coherencia os obxectivos estratéxicos e unha liña de actuación que privilexiou en todo o momento a unidade patriótica arredor do obxectivo da soberanía.
Por iso, neste acto en que conmemoramos medio século de existencia, reafirmamos publicamente o noso compromiso claro co proxecto político nacionalista que encarna o BNG, precisamente no momento en que ten de enfrontar unha situación particularmente complexa. Con efecto, sabemos que o nacionalismo pasa por dificultades para lograr avanzar socialmente. Mais sabemos tamén con absoluta certeza que ten bases sólidas, principios firmes e liñas acertadas. Sabemos que posúe unha larga estrutura social e que está ben armado ideoloxicamente. Precisa é ser capaz de despregar todas as súas potencialidades, toda a capacidade de intervención e convicción social para chegar coas razóns da Galiza a cada día segmentos máis amplos da poboación. Para iso, hoxe, a Unión do Povo galego está -como sempre desde 1982- decidida para contribuír con todas as súas forzas á consolidación, fortalecemento e avance do proxecto nacionalista que representa o BNG e a explorar coas compañeiras e compañeiros da Frente as accións necesarias para lograrmos agrandalo.
Estamos nun momento decisivo e socialmente difícil, que ten causa na nosa situación de dependencia: desemprego, pobreza, emigración, perda de dereitos laborais e sociais, roubo de aforros e salarios, deterioro e privatización de servizos públicos, regresión nos dereitos das mulleres, recentralización, degradación da democracia, autoritarismo e represión. En definitiva, pillaxe organizada e legalizada e negación do noso futuro. E ademais, ou como consecuencia de todo iso, crise profunda do sistema político español.
Todo isto conforma un escenario convulso, complexo e ao tempo esperanzador. Un escenario en que Bloque Nacionalista Galego ten por diante o reto de dar resposta e articular politicamente o descontentamento xeral producido polas políticas que ao noso País impoñen España e a UE. E debe facelo con decisión, coa contundencia que o povo que é vítima destas políticas espera de nós, ao tempo que se orienta acertadamente para a única saída posíbel, a soberanía. Por iso, o BNG ten acordado nas últimas asembleas que, sen deixar de presentar propostas tácticas cando for necesario para non caer nun ideoloxismo que pode ser tan gratificante talvez no persoal como estéril no político, é preciso traermos para o primeiro plano a alternativa estratéxica da soberanía.
Porque nós queremos un futuro distinto, de liberdade, para a nosa Patria. É por iso que, desde a convicción de é preciso romper a dependencia para podermos construír un día no noso País unha sociedade socialista, asumimos plenamente o reto do BNG de levantar, fronte a esta situación dramática que vivimos, a bandeira da República da Galiza.
Estamos conscientes de que nos encontramos coa dificultade de que a moitas persoas, e mesmo partillando este obxectivo, a día de hoxe pode parecer unha utopía. Temos que dicirlles que non o é, senón en todo o caso, unha absoluta necesidade. Con todo, tamén sabemos cal é a función das utopías: o máis belo proxecto social ou político non será nunca realidade se primeiro non somos capaces de concibilo e de soñalo. Mais creo que é preferíbel explicalo con palabras que son nosas. Deixou escrito o poeta e patriota Avilés de Taramancos nun fermoso verso: a camelia existe porque dicimos o seu nome. A plasmación desa capacidade marabillosa da palabra para crear mundos e realidades visíbeis. Tamén nós dicimos o nome da República da Galiza e usamos a palabra para tornala visíbel aos ollos do povo galego, para comezar a facela real. Falamos dunha república nosa, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; nos dereitos das mulleres; no traballo, na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo.
Porque temos a certeza de que só con soberanía podemos comezar a mudar as cousas e a convicción de que independencia nacional representa a oportunidade de rompermos a un tempo coa dominación española e os ditados da Unión Europea e co capitalismo, de nos librarmos dun sistema que nos oprime como nación e como persoas, un sistema corrupto e depredador, ao servizo da oligarquía financeira e da explotación da clase traballadora.
Amigas e amigos:
Cincuenta anos é un período moi curto da historia da nosa nación. Mais é tempo suficiente para deixar sentado que temos un proxecto político sólido e con vontade de vencer . Un proxecto que non é flor dun día ou moda pasaxeira, que representa a vontade colectiva de sermos libres, de reescribirmos o futuro que outros teñen pensado para nós e de contribuírmos desde aquí, desde este pedazo de terra onde o mundo se chama Galiza, a mudarmos o rumo da historia. De contribuírmos, modestamente, desde nós, a crear un mundo máis xusto, de povos e nacións libres.
Cincuenta anos é pouco na historia da nosa nación. Mais o noso proxecto ten raíces profundas, raíces que nos ligan con nomes e con vidas como a de Castelao ou Rosalía . Nós vimos de aí e sabemos de que falamos. E coa mesma contundencia con que defendemos a súa obra e o seu pensamento, rexeitamos a utilización impúdica, a manipulación perversa e a deturpación vergoñosa por parte dos inimigos confesos de todo o que representaron, deses corruptos que ademais están -co dixo o poeta- incursos en delito de apropiación indebida.
Fixémolo en 1984, cando quixeron enterrar o pensamento de Castelao xunto co seu corpo, facémolo hoxe e farémolo sempre. Precisamente porque nós nos sentimos lexitimamente herdeiros daquel Castelao que nos advertía, desde a súa amarga experiencia política nos anos da República, daquela república española que frustara cantas expectativas creara, que os galegos só podíamos confiar en nós mesmos e que a Galiza apenas comezaría a ser verdadeiramente libre cando aprendese a vivir con absoluta independencia dos españois. Sentímonos herdeiras daquel Alexandre Bóveda que soubo morrer con dignidade, proclamando diante do Tribunal Militar que a Galiza era a súa única Patria e pedindo ser enterrado coa súa bandeira en canto Filgueira Valverde -a quen aínda hoxe algúns que se din de esquerda queren homenaxear- se poñía ao servizo dos asasinos. Ou daquela Rosalía que á altura de 1863 afirmaba rotunda que a Galiza non podía chamarse nunca española. Que contundente afirmación patriótica, valente e consciente hai xa máis de 150 anos! E aínda, alén no tempo, esas raíces profundas lígannos á indómita rebeldía daquela mocidade que nun abril de 1846 converteu esta mesma Compostela na capital dunha Galiza rebelde e libre, farta -en certeira expresión de Faraldo- de se resignar a ficar convertida en colonia da Corte.
Mais para alén de nos alimentar desta seiva, soubemos beber tamén doutra igualmente vigorante. Somos patriotas e somos comunistas. Somos nacionalistas e somos internacionalistas. En nós xuntamos o máis valioso e o máis valente de dúas liñas políticas que fixeron súa a causa da liberdade e que ergueron a bandeira da rebeldía d@s oprimid@s: a que representa a Galiza libre, o amor á patria, o compromiso coa nosa xente, con este País. E a que encarna a paixón libertadora dos escravos e das escravas da terra, d@s traballador@s do mundo.
E aquí xuntamos as dúas bandeiras: a da Patria, que nos vincula na Terra a millares de homes e mulleres cos que partillamos afáns e ideais e loita, e no tempo co labor impagábel daquel@s que nos precederon. E a Vermella, que nos liga á epopea libertadora de povos por toda a parte, do Outubro que abalara o mundo a Dien Bien Phu, onde o colonialismo foi derrotado sob a mesma pulsión patriótica e revolucionaria que nos move a nós; da comuna de París e os mártires de Chicago aos espartaquistas, da Patagonia rebelde á Serra Maestra. Que nos vincula, por tanto, a todos os povos que loitan pola xustiza e a liberdade.
E a estas xuntamos aínda outras bandeiras, que simbolizan causas que son nosas, causas que están no noso ADN revolucionario, porque non desistiremos nunca de derrubar barreiras e de conquistar dereitos, para a nosa nación e para a nosa xente.
Cincuenta anos son moi pouco tempo na historia dun País, mais é moito na traxectoria dun Partido como o noso. Son millares de vontades a traballar e a loitar, son vidas de dedicación e vidas sacrificadas. Son esforzo xeneroso e alegría combativa. Son pequenos triunfos e tamén fracasos. Mais a principal, a primeira, a máis grande das nosas vitorias é que aínda estamos aquí, con máis forza, con máis capacidade e con máis vontade. E que estamos aquí non con espírito de resistencia, de sermos expresión testemuñal dun obxectivo fermoso mais inalcanzábel. Estamos aquí con azos para resistir, mais tamén con vontade de avanzar e, sobre todo, con firme determinación para triunfar.
Por tanto, que ninguén desista, porque temos a razón connosco e teremos a historia da nosa parte. Este non é o momento da resignación, nin da rutina, nin tampouco da tentación de acomodamento. É o tempo do compromiso activo, do combate, de pór en evidencia as contradicións do sistema e de mover as conciencias de todas aquelas persoas coas traballamos no día a día para convertelas tamén en activas defensoras da nación e da soberanía.
Amigas e amigos:
Permitídeme -a pesar de que o quixemos deixar por escrito no documento que tendes entre as mans- que acabe manifestando, máis unha vez, e lonxe da auto-compracencia, o orgullo que sentimos, como Partido, do labor desenvolvido ao longo destas cinco décadas. Orgullo do exemplo de entrega e compromiso da militancia da UPG, a custa sempre de renuncias persoais e até, en circunstancias difíceis, da liberdade e da propia vida, como foi o caso do noso camarada Moncho Reboiras. Orgullo por tanto de todas as persoas que nestas cinco décadas de combate político intenso teñen dedicado moito do seu tempo, dos seus esforzos e das súas vidas ao proxecto político que representamos. Orgullo particularmente de termos contribuído, á beira de moitas outras persoas desde a militancia patriótica, para dotar a nación das ferramentas políticas precisas para se tornar mañá nunha República libre. Mais sabemos que fica moito camiño por diante. E estamos decidid@s a percorrelo desde a vontade de mellorarmos a nosa capacidade de incidencia social, de sermos aínda máis activ@s e por iso máis útiles ao avance do nacionalismo.
Farémolo, en todo o caso, como fixemos ao longo de 50 anos , desde a permanente lealdade ao País e ás clases traballadoras. Desde a confianza no povo galego. Desde a xenerosidade coa que sempre contribuímos para a creación dun amplo movemento patriótico. Desde o compromiso que acredita unha longa traxectoria de loita ao servizo do povo e da Patria galega. E, claro, desde a coherencia con que sempre actuamos para camiñar na dirección certa, a da liberdade e a soberanía da nosa Patria.
Viva a Unión do Povo Galego,
Viva o Bloque Nacionalista Galego,
Viva Galiza Ceibe e Socialista
* Texto do discurso pronunciado no acto de conmemoración do 50 aniversario da UPG, que decorreu o 5 de xullo de 2014 en Compostela