40 razóns para cesar a Anxo Lorenzo

40 razóns para cesar a Anxo Lorenzo


Apenas dous anos de goberno do Partido Popular na Galiza teñen provocado efectos devastadores sobre o estado de saúde da lingua galega, multiplicando os casos de discriminación lingüística, e relegando -mesmo excluíndo- a presenza do idioma propio de Galiza en ámbitos nos que posuía unha tímida visualización. É este o auténtico bienio negro para o noso idioma no contexto dos últimos trinta anos de andaina autonómica.

O maxistral recital de inutilidade, ineptitude, hipocrisía e frivolidade do Secretario Xeral de Política Lingüística durante todo este tempo non oculta a máxima responsabilidade política que ostenta o Presidente da Xunta, nado -seica- nos Peares, mais campión da apostasía contra a súa propia Terra e Lingua. Contudo, é o Secretario Xeral de política Lingüística quen obedientemente acatou e aplicou os mandatos de exterminio do idioma galego. Aí van algúns -lamentabelmente hai moitos máis- dos "logros" do Partido Popular en tan só dous anos de goberno en materia lingüística. Son, tamén, razóns que de sermos un país "normal" explicarían o cese deste individuo:

1.- Porque laminaron, seguindo unha calculada estratexia de afogo e asfixia económica, oito medios de comunicación (tres en prensa escrita, cinco en formato dixital) integramente en galego, liquidando o noso idioma da prensa escrita e empobrecendo -máis aínda- a democracia.

2.- Porque reduciron ostensibelmente a presenza -xa residual- do galego nos medios de titularidade privada que utilizan o español como lingua vehicular, mentres lles inxectan un importante volume de cartos públicos, paradoxicamente destinados á normalización da lingua. Moitos destes medios subsidiados non permiten nin respectan declaracións ou comunicados en galego, e algúns nin a propia toponimia oficial e xenuína do noso país. E aínda así resultan beneficiados.

3.- Porque impediron, dende maio de 2010, calquera tramitación en galego na administración de xustiza, aínda existindo vontade de todas as partes implicadas nun xuízo, pola incorporación da aplicación informática "Minerva", adquirida polo departamento autonómico que dirixe Alfonso Rueda. Galiza é a única nación do Estado no que a súa lingua non pode ser utilizada na xustiza. Hai menos galego na xustiza hoxe que hai vinte anos.

4.- Porque eliminaron as "Galescolas", substituíndoas por unhas "Galiñas Azuis" que xa non garanten a incorporación do galego na franxa de idade entre os 0 e 3 anos.

5.- Porque impuxeron un Decreto no ensino non universitario que prohibe expresamente a impartición en galego de matemáticas, física, química e tecnoloxía. Segundo os dados existentes, a presenza do galego rondou o 20% do horario escolar, fronte ao 80% do español.

6.- Porque suprimiron no presente ano 2011 as axudas para a edición de libros en galego.

7.- Porque, desprezando a legalidade vigorante (Lei 4/2006), Presidente, Conselleiras, Conselleiros e altos cargos do Goberno exclúen o galego no desempeño público das súas funcións.

8.- Porque por vez primeira realizaron campañas institucionais (valados, cuñas radiofónicas, inserimentos en prensa escrita) integramente en español, eliminando o galego: Galicia Calidade, administración electrónica, prevención da SIDA, campaña de condución segura, etc.

9.- Porque eliminaron o galego como proba nas oposicións e procesos selectivos á administración pública.

10.- Porque utilizaron ilegalmente en documentación e anuncios oficiais da propia Xunta toponimia deturpada e españolizada. Mesmo en sinalizacións de estradas de titularidade autonómica.

11.- Porque ameazaron con modificar a Lei de Normalización Lingüística para oficializar, impoñéndoa, a toponimia deformada.

12.- Porque degradaron o uso do galego, e en ocasións o substituíron polo español, en servizos como Emerxencias 112, Meteogalicia, FIMO-Ferrol, oferta formativa da EGAP, Centro Arqueolóxico de Campolameiro, Xacobeo, etc.

13.- Porque eliminaron no 2011 as axudas para a promoción do galego nos concellos, facendo desaparecer numerosos servizos de normalización lingüística.

14.- Porque utilizaron o inglés como coartada para xustificar a eliminación do galego en parte da programación infantil e xuvenil da TVG: Teletubbies, Xuíza Amy, Dawson Creek, etc.

15.- Porque, en colaboración co PSOE, pretenden pór en marcha un novo marco legal regulador da CRTVG que non garante o uso do galego na TVG e Radio Galega.

16.- Porque permitiron a vulneración da lei por parte de numerosos concellos e pola Deputación Provincial de Pontevedra no tocante ao uso do galego.

17.- Porque enviaron cartas ameazantes aos concellos (o Director Xeral de Administración Local, ex-candidato falanxista) ameazando con impugnar calquera proba de selección de persoal que incluíra criterios lingüísticos.

18.- Porque calan e iníbense cando se producen situacións de aberrante discriminación lingüística sufridas por persoas do noso país, que fican abandoadas e en situación de plena indefensión institucional.

19.- Porque permitiron que os bancos e as entidades financeiras incumpran a lei en relación co uso do galego.

,20.- Porque se negaron a aplicar o Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) no cinema, impedindo así a exercer o dereito a podermos asistir á exibición de filmes en galego nas salas comerciais do noso país.

21.- Porque suprimiron o envío de libros en galego a centros da emigración, para evitar a aprendizaxe do noso idioma polos descendentes dos emigrantes galegos.

22.- Porque enviaron instrucións internas, dentro da administración galega, en español, contrariando a normativa existente.

23.- Porque censuraron, caricaturizaron e manipularon nos medios públicos as actuacións en defensa do galego. Porque impediron, de xeito inquisitorial e sectario, ao Presidente d'A Mesa, Carlos Callón, presentar o libro "En castellano no hai problema" na Casa de Galiza en Madrid.

24.- Porque eliminaron as axudas ao "Correlingua", carreira popular na que participan milleiros de dúceas de mozas e mozos na defensa do galego.

25.- Porque permitiron a vulneración das cláusulas de concesión de emisión ás televisións privadas "Popular TV" e "V Televisión" no tocante ao uso do galego.

26.- Porque abandoaron completamente ás comunidades lingüísticas galego falantes actualmente fóra dos lindes administrativos da Comunidade Autónoma de Galiza nas comarca do Eo-Navia, Bierzo e As Portelas de Seara. Similar trato no caso dos tres concellos estremeños de fala galega.

27.- Porque non quixeron garantir a atención en galego, telefónica ou presencial, nas dependencias da propia Xunta. E aínda existen formularios en español na administración autonómica.

28.- Porque degradaron e reduciron os cursos CELGA. Mesmo os suprimiron en comarcas enteiras.

29.- Porque se negaron a promover campañas de coñecemento da realidade galega e de dominio lingüístico en galego á comunidade inmigrante na Galiza.

30.- Porque no combate contra o galego non practicaron a "austeridade", e gastaron un enorme volume de cartos públicos na substitución do galego polo español: en libros de texto, na realización de "consultas" no ensino, na sinaléctica de "galescolas", etc. Esta política antigalega sáenos moi cara.

31.- Porque hoxe, no ano 2011, na Galiza, non somos libres para nos expresar e recibir atención en galego.

32.- Porque se lles nega a nenas e nenos do noso país o seu dereito a aprenderen e a se formaren en galego.

33.- Porque o Partido Popular pretende exterminar o uso do galego na Galiza a fin de aniquilarnos como pobo diferenciado, impoñendo así o seu proxecto político imperial.

34.- Porque foron quen de impoñer as medidas máis agresivas contra o galego dos últimos trinta anos.

35.- Porque non lles valeron nin os acordos nin os consensos unánimes en torno ao PXNLG (2004).

36.- Porque practicaron o terrorismo lingüístico, facendo crer que o galego estaba imposto na Galiza, e reproducindo os peores esquemas de autoodio na nosa sociedade, segundo os cales o galego non é idioma apto para calquera lugar, circunstancia ou ámbito social.

37.- Porque renegaron da súa Terra, vendéndoa ao servizo dos seus amos de Madrid.

38.- Porque nos dixeron que o uso do español era un acto de liberdade e o galego imposición, convertendo ás vítimas en verdugos.

39.- Porque non tiveron escrúpulos á hora de manipular e prostituír a memoria de patriotas galegos como Daniel Castelao, chegando a traducir ao español fragmentos do "Sempre en Galiza" en intervención oficial no Parlamento Galego, mesmo insinuando que Castelao e Rosalía, de viviren, farían parte do PP.

40.- Por todo iso, e por outras máis de 2.700.000 razóns máis. Unha por cada habitante desta nobre, castigada e digna nación galega.