25 e abril
A data do 25 de abril é para moitos nacionalistas un recordo importante do acontecido no país irmán do sur: a revolución dos cravos. Este vindeiro 25 no noso país tamén se vai celebrar un acontecemento importante para o noso presente e o futuro -que particularmente non gustaría ter que celebrar- pero estamos convocados polo goberno galego na súa teima por mobilizar o país É así que unha serie de organización se tivo que xuntar para promover una manifestación pola defensa dos servizos públicos.
Nunha sociedade avanzada teriamos que estar reivindicando melloras e avances das conquistas anteriormente logradas, pero aquí nesta Galiza gobernada polo PP en vez de avanzar, e seguir mellorando o presente, temos que estar a pelexar por non retroceder no tempo e volver ao pasado: defensa do idioma, defensa dos servizos públicos, etc.
Cando falamos dos servizos públicos como garantía de asistencia de calidade e gratuíta para toda a poboación, e en especial para as clases máis desfavorecidas, gustaría de facer uns apuntes sobre o medio rural, que todos defendemos pero que tamén esquecemos, quizais por aquilo de que somos poucos e moi dispersos.
Para situarnos, compre deixar ben claro que a maior parte da xente que vive no rural son maiores de 65 anos (70-80% aproximadamente), xente que vive soa nun medio no que os servizos non existen (nin públicos nin privados). Explícome: unha persoa maior para ir ao médico precisa dun taxi que o transporte, que non sempre o hai, nese caso terá que falar cun veciño para que o leve, mentres que en moitas ocasións o autobús do colexio pasa por diante da súa casa medio baleiro, pero para que nese autobús poidan viaxar as persoas maiores é preciso un acordo entre os concellos e a consellaría, algo moi sinxelo pero que segundo parece son incapaces de artellar.
Como o que impera no capitalismo é o negocio, as persoas somos simplemente mercadoría e así as nosas administración e o goberno da Xunta vén os vellos das aldeas como futuros “clientes” de fundacións tan sospeitosas como a San Rosendo de Ourense. En vez de crear centros de día no entorno dos maiores e aumentar a atención domiciliaria, a política a aplicar cos nosos maiores é o desarraigo, levalos a centros como o citado anteriormente.
De todos xeitos tamén hai que puntualizar e matizar certo tipo de servizos, e refírome a asistencia domiciliaria, que sendo un servizo gratuíto con cartos públicos son –en moitos casos- os alcaldes os que escollen a dedo os traballadores e tamén os asistidos, coa idea de recadar votos sen ter en conta as necesidades reais da poboación e o criterio dos traballadores e traballadoras sociais, xerándose así situacións -en moitos casos- de autentica inxustiza. Esta asistencia tería que ser regulada dalgunha forma.
Pero non só os nosos maiores do rural están esquecidos, todos os que vivimos neste medio temos que padecer a precariedade de moitos servizos públicos, como o subministro eléctrico, a calidade do servizo telefónico, e en moitos casos a inexistencia de servizos tales como o acceso a rede de internet. Co paradoxo, neste último caso, de que o incremento de antenas no rural non vai acompañado de mellorías no servizo para quen vivimos baixo as súas constantes ondas e radiacións.
En definitiva, no medio rural é preciso artellar urxentemente mecanismos de servizos (públicos, loxicamente) para dar resposta a uns problemas serios e que atallen a incesante perda de poboación no rural.