25 de novembro


Chegamos ao 25 de novembro, a data instituída para reivindicar a eliminación da violencia contra a muller. Cada ano paramos nesta semana e facemos reconto, mobilizámonos, realizamos actos en memoria das vítimas, reparamos nas contradicións desta sociedade que non acaba de asimilar que temos dereito ao espazo, e sinalamos todas e cada unha das agresións e dos malos exemplos que non axudan a avanzar neste camiño longo e lento, que contribúen a manter a violencia.

A violencia forma parte das nosas vidas. Aínda hoxe, a xustificación da violencia exercida contra as mulleres segue nas mentes de moitas persoas. Cando se informa da indesexábel morte doutra muller, hai nalgunha casa un home que segue dicindo con rotundidade: "a saber que faría". Xa, un brután, un analfabeto, unha persoa sen formación, sen recursos... Ou non, porque a violencia contra as mulleres é verdadeiramente transversal, aféctanos a todas, independentemente da nosa clase social, grao de independencia, formación ou ideoloxía.

Hai semanas morría asasinada unha moza de Vigo. As primeiras informacións foron confusas e absolutamente desafortunadas. Foi escandaloso ver como se recolleu a información nalgúns medios, pois incluíron valoracións sobre o carácter da vítima. Como é posíbel que un medio de comunicación se salte as normas que deben guiar a elaboración desta información e nos sitúe no terreo do "a saber que faría"? De que serven as medidas formativas e correctoras cando un medio de comunicación colabora na agresión á vítima? Aínda temos que volver dicir que non existe causa ningunha que xustifique o asasinato violento dunha muller?

Temos un problema cos exemplos.

Co exemplo dese medio de comunicación que reaccionou igual que o machista insensíbel que sigue dicindo "a saber que faría".

Como temos un problema co exemplo da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza que esta semana sae poñéndose a medalla de que en 2012 van realizar unha colaboración coa Consellaría de Educación para, nos centros de ensino, formar para eliminar a violencia contra as mozas. Interesante iniciativa, en principio e en abstracto. Mais pregúntome: como se pode, ao mesmo tempo e desde a mesma administración, manter a un número moi elevado das súas traballadoras sen convenio colectivo, negándose reiteradamente á negociación?. Acaso pensan que iso non é unha agresión, agresión aos dereitos das mulleres. Refírome, naturalmente, ás traballadoras dos distintos servizos que dependen do Consorcio galego de servizos de igualdade e benestar. Hai unha contradición maior ca esta, que ás traballadoras dos servizos de Igualdade non se lles respecten os seus dereitos laborais, eses sobre os que moitas delas teñen que asesorar a tantas mulleres? Que pensan as usuarias dos servizos cando saben que a persoa que as asesora non ten convenio colectivo? A desigualdade, a negación dos dereitos é a base sobre a que se asenta o maltrato.

Mais que imos agardar dun partido que ten entre as súas destacadas dirixentes a mulleres que botan por terra as reivindicacións das traballadoras? Tras tantos anos de reivindicación e loita, sufrimento e negociación para acadar os cativos dereitos que as mulleres temos en materia de maternidade, dereitos que deben ser revisados e ampliados, é insultante ver que a que algúns sinalan como probábel vicepresidenta do goberno do Estado español estea desenvolvendo a súa actividade política sen gardar as seis semanas de permiso obrigatorio despois do parto que prescribe a lexislación. Que imaxe se quere trasladar con isto? Pretenderá o empresariado no futuro pór de exemplo a quen se incorporou á súa actividade habitual mesmo aos once días de parir? Algúns escusan o seu comportamento no feito de que formar parte do goberno non sucede moitas veces na vida. Non nos vale, se o goberno dun estado prescinde das persoas polo único feito de estaren de permiso de maternidade, entón mal goberno nos queda, moi mal goberno para a igualdade e os dereitos das mulleres.

Mal exemplo. Mal exemplo nunha organización que mesmo pretende darnos leccións sobre maternidade e familia.

O 25 de novembro está vixente. Hoxe, mañá ou o ano que vén. Denunciar as agresións das que aínda somos obxecto, reivindicar o exercicio dos nosos dereitos, acadar o espazo que nos corresponde, é aínda a tarefa urxente de mulleres e homes.