23 anos


Lembraba Castelao, nos anos da posguerra, que eles, os nacionalistas galegos, acabaron sendo máis respeitosos e defensores da República do que os republicanos confisionais, envolvidos en liortas, cando non apoiando o pacto cos monárquicos. Recordeino hogano ao me vir á memoria múltiplas iniciativas lexislativas do BNG no Parlamento Galego, mesmamente para que deixase de ser “autoanémico” ou de “cartón”. Estas definicións son as que se nos apoñen como caricaturas, mais elas non se compadecen co intento mencionado. Proposicións de Lei relativas á necesaria mudanza no financiamento da Comunidade Autónoma; ás obrigas sociais e de capitalización da economía galega das Caixas; á actualización da Lei de Normalización Lingüística; ao sector audiovisual galego; á Lei do libro, bibliotecas e fomento da leitura; á corresponsabilidade familiar e laboral; á transferencia dos estabelecementos penitenciarios… Son só uns poucos exemplos de moitos que calquera que non falar de memoria ou con ficha previa -a lousa dos preconceitos pesa toneladas- poderá verificar nos documentos correspondentes, Boletín e Diario de Sesións do Parlamento.

Este introito vén a conto dunha recordación necesaria, o debate da Proposición de Lei do BNG atinente á modificación da, daquela, lei vixente sobre a interrupción voluntaria do embarazo, de 1985. A defensa desta iniciativa lexislativa produciuse no Pleno do Parlamento Galego o 2 de Maio de 1990; hai, por tanto, 23 anos, e a leitura do debate entón habido é ben ilustrativa das posicións dos intervinientes e os seus grupos políticos, como fala tamén do que cabezas e mans galegas fixeron autonomamente, sen pediren permiso á superioridade española (¡grave pecado!), para obteren a máis rotunda negativa parlamentar, por moito que as súas previsións legais fosen, despois, moi aplicadamente copiadas e postas en valor por partidos españois. Así se escrebe a historia.

Citáramos daquela como principal argumento o dereito das mulleres á súa propria sexualidade e á maternidade, como centro dunha demanda non conceptuada como unha reivindicación senón como unha solución. A Proposición de Lei recollía as propostas de nove organizacións feministas e contara, na súa redacción final, co asesoramento do letrado Baldomero Cores Trasmonte. Tiña tamén o apoio de varias organizacións políticas e profisionais. A lei entón vixente cualificáramola de insuficiente e hipócrita, e aínda agravada por un decreto de 1986, que admitía a obxección de conciencia por parte do persoal médico e a práctica de abortos por parte de clínicas privadas, co cal podía darse o caso de o facultativo correspondente obxectar a realización dun aborto pola mañá e cobrar pola tarde por facelo. Uníase esta modificación da lei española a todo un conxunto de medidas dignificadoras das mulleres, no traballo, na atención sanitaria, nos salarios, nas cargas doméstico-familiares. Encarecíase na súa defensa: “As persoas que defendemos esta iniciativa temos o máximo respeito pola vida humana. Por iso insistimos en que precisamente hai que respeitar en primeiro lugar o dereito das mulleres, xa que, se somos as persoas con capacidade para parir criaturas, temos tamén que ter o dereito de decidir cando e como, o mesmo que a remedialo se non se dá a voluntariedade e se non se dan as condicións de liberdade e de libre opción no momento en que isto se produce”.

Solicitábase que o aborto se puidese practicar cando concorrese a libre e voluntaria petición da interesada, sempre a cargo dun facultativo debidamente autorizado e con todas as garantías de tipo clínico e sanitario, tanto na intervención como na post-intervención. Igualmente, que se garantise o segredo sobre a solicitude e todos os pormenores do expediente clínico. Especificábase como serían puníbeis todos os abortos practicados sen o consentimento da muller afectada, ou todos aqueles practicados con intimidación, engano, ameaza ou violencia ou todos aqueles que se producisen por condicións de traballo lesivas para a integridade da muller. Debería ser tratado con carácter de urxencia e dentro da rede da Seguranza Social. En resumo, solución legal a un problema que non se debía supeditar á capacidade económica da muller en cuestión.

Interviñeron, en representación do Grupo Mixto, os deputados Sánchez Castiñeiras (Coalición Galega) e López Facal (Esquerda Galega); a deputada Rosa Miguélez, polo PSOE; o PP non interveu no debate e, así, puido usar do turno de explicación de voto, unha vez concluída a votación, na voz da deputada Manuela López Besteiro. Votos a favor: 7 (os 5 do Grupo Parlamentar do BNG máis os 2 de Esquerda Galega). Votos en contra: 64 (PP, PSOE e Coalición Galega).

Paga a pena, créanme, (re)leren o debate. Só vou salientar un argumento de oposición realmente curioso: atrevérmonos, desde o BNG (o que é tanto como dicer desde a Galiza) a querer modificar unha lei española, sen antes solicitarmos acordo previo e, aínda, sabendo que estaría condenada ao fracaso, vista a maioría reinante. Así, o deputado Xoán López Facal perguntábame “que apoio parlamentario pensa vostede conseguir aquí e que utilidade operativa lle encontra a este debate”. Sería paradoxal a aceitación desta iniciativa, ao seu xuízo, despois de que fora rexeitada pola maioría da Cámara a creación do Instituto Galego da Muller [esta iniciativa fora debatida no mesmo día e hora en que os deputados do BNG asistiamos ao enterro de Ricardo Carvalho Calero; pedimos insistentemente que se suspendese o Pleno, en atención a este feito, mais a resposta foi negativa]. Remataba a súa intervención: “E, insisto, en cuestións que atinxen á autodeterminación, neste caso, á autodeterminación individual das mulleres, o noso voto non pode ser outro que votar inequivocamente a favor, aínda que a formulación non nos guste en absoluto”. A deputada Rosa Miguélez advertía defeitos tanto de procedemento como de forma e botaba en falta o “suficiente apoio social e consenso parlamentario para avanzar neste camiño de sensibilización social”. Concluía lembrando que había xa “unha iniciativa de Esquerda Unida no Congreso dos Deputados” que habería procurar o máximo consenso posíbel [a coalición Izquierda Unida apresentara, con efeito, naquelas datas, unha Proposición de Lei sobre esta reforma, que curiosamente era copia nos aspectos principais da por nós defendida]. A intervención do deputado Sánchez Castiñeiras abondara no tema da conciencia individual e a da deputada López Besteiro seguiu o guión coñecido, que paga a pena reproducir: “O Grupo Popular ten neste punto un posicionamento xa coñecido: a defensa da vida. Posicionamento que se manifestou cando, no seu día, o noso grupo presentou no Congreso unha enmenda ao proxecto da Constitución española para amparar este dereito de todos os seres humanos. Dereito que, posteriormente, levou ao Tribunal Constitucional a definirse protexendo o que a Constitución declara. Aínda por riba, este non é un tema que afecte de xeito diferencial á poboación galega, polo que non se xustifica a toma en consideración dunha lei destas características”.

23 anos. 23 anos de retroceso ou 23 anos de inicio dunha evolución, segundo se mire. Mentres o Presidente do Goberno español, acompañado da súa señora con mantilla, entregaba unha camiseta da selección española de futebol asinada polos xogadores e mais un facsímil da obra De aetatibus mundi imagines, realizada por Francisco de Holanda en 1500, o presidente da Conferencia Episcopal española, monseñor Rouco Varela, disparaba a súa artillaría sobre a lei de interrupción do embarazo, sobre os matrimonios homosexuais e sobre a “imposición de materias impregnadas de relativismo e ideología de género”. Bravo! As esencias da España cañí imposíbel fotografalas mellor nun mesmo pacote: futebol; clericalismo; dogmatismo reaccionario; antifeminismo; obsesión polo sexo imposta polos que non o poden practicar se son cumpridores da súa norma (Rosalía de Castro dixit). Só faltaron as touradas no mesmo lote. Talmente como en 1500, abofé!

De cando en vez, asoma aos meios de comunicación o grave problema da baixísima taxa de natalidade galega, unida á emigración da xente nova e a unha poboación maioritariamente vella. As crianzas son poucas e as mulleres que as paren cada vez o fan máis tarde. O ano pasado, por exemplo, lembramos a publicación dunha reportaxe onde interviñan un historiador, un xinecólogo-obstreta, un pai de familia numerosa, un economista e un cargo público: a secretaria de Política Social. Ela, muller, representaba, por tanto, o 20% do total dos perguntados sobre tema tan grave. Está ben. Só coxea un pequeno detalle ou pregunta: ¿el será posíbel que a muller grávida se ocupe un 20% da xestación e delegue o resto nos expertos? De se valorar esta posibilidade, a comodidade sería, desde logo, notoria: das cuarenta semanas lunares que dura o embarazo humano, á xestante só lle corresponderían oito. Ficaría en pé, non obstante, un pormenor non banal: ¿a quen lle adxudicamos o parto en si?

Si, ben sei que o tema non dá para brincadeiras, así que voltemos ao rego serio. Onte, coma hoxe, estase a desprezar olimpicamente a centralidade da muller como axente decisor da súa sexualidade e da súa maternidade. Esta é a nai do año. Toda boa lei sobre o aborto non é “abortista”. Conceptúao como un remedio practicábel, non como un método anticonceptivo, e, por certo, tanto protexe a muller que, nas condicións aconsellábeis medicamente, desexe facelo, canto ampara igualmente que o aborto non lle sexa practicado contra a súa vontade (e no mundo hai lacerantes casos de que tal acontece: a euxenesia forzada, por exemplo, contra fetos femininos).

Vivemos tempos de inmisericorde extremismo involucionista. Botamos as mans á cabeza cando comprobamos como a LOMCE ou proxecto de lei de educación aprobado recentemente polo Consello de Ministros vai para atrás da Lei Villar Palasí, de 1970! Non é que sexa anti-constitucional: é pre-constitucional, e quen me ler saberá abondo que non serei eu quen defenda a Constitución española; é só unha referencia temporal. A vaga reespañolizadora é totalitaria e quer arrasar con todo o que dificultosa e difucultadamente fomos quen de construírmos como galegas e galegos.
Esta recordación histórico-contemporánea que aquí recollín ten por único obxecto pór en valor o que mentes e mans galegas elaboraron e defenderon ben atrás no tempo. Sen pedirmos permiso, iso si. En beneficio da nosa propria historia, porque supoño que conviremos en que as galegas e os galegos non viñemos a este mundo para lles facilitar a vida aos demais. Non foi o BNG, en fin, quen debilitou ou banalizou un Parlamento Galego xa de seu eivado por un marco competencial cativo e vixiado adoito. Saibamos, ao menos, que a marca Galiza (e desculpen a cursilada) existiu e existe (no último Pleno do Parlamento Galego, defendeuse de novo, por parte do BNG, unha iniciativa relativa ao tema do aborto). Xa que tanto se fala de memoria histórica, cumpriría aplicala sen retallar ou silenciar a nós mesmos e á nosa historia contemporánea. Máis un exemplo e conclúo. No ano 2003, o BNG defendeu en solitario unha iniciativa atinente ao ensino do portugués na Galiza, moi semellante á ILP que agora se aprobou por unanimidade. Daquela, o PP votou en contra; o PSOE abstívose e só recebeu, loxicamente, o voto a favor do grupo proponente, o BNG. Aledámonos do resultado positivo que agora se obtivo, como asinantes que fomos da mesma. Dez anos tiveron de se pasar para que tal cousa acontecese. Está ben. Debémonos dotar non da paciencia que recomenda o sr. Raxoi, senón da bíblica do santo Xob. Mais non desesperemos. A este paso, dentro de dez anos, os estaleiros de Ferrol estarán cortando folla de lata para envases de conserva; haberá crianzas galego-mexicanas; contaremos cun trencito entre A Coruña e Betanzos e un outro a Ferrol só para xubiladas-os; e, en fin, colocaremos nun AVE parado os idem, isto é, as desempregadas-os que en masa, haxa ou non viaxeiros (a onde?), poden ser metidas-os dentro como atracción turística, para iren e viren correndo a Madrid e desde Madrid e, así, parados xa non estarán: moveranse moitísimo, a alta velocidade! ¿Que máis poden pedir?

Non. Non estou baixo os efeitos de nengunha beberaxe. Só me lembro dun cómico (cómico para min; para o dono era serio) rótulo comercial dunha tenda de alimentación próxima á miña morada anterior á actual. Rezaba: “MINI SUPERMERCADO”. Pois iso. Así é a política gobernamental: mini- e super- ao mesmo tempo. Pasen e vexan.