21-O: non son unhas eleccións máis

21-O: non son unhas eleccións máis

As eleccións galegas do 21 de outubro son importantes, moi importantes para o país e para os galegos e galegas. O vindeiro mes teremos que elixir un novo goberno da Xunta, que atenda as nosas necesidades e defenda os nosos intereses, no canto de acatar submisamente as políticas de recortes do goberno central, que segue os ditados da Troika e os mercados.
Os galegos e galegas acudiremos ás urnas nun contexto de profunda crise económica, que se agudizará aínda máis en canto o goberno de Mariano Rajoy solicite o rescate que lle están a demandar altas instancias das finanzas mundiais. Un rescate, que será inminente, mesmo antes das eleccións, e traerán novos recortes, cuxas consecuencias son apreciábeis xa en Portugal e Grecia.
E neste contexto, o PP xógase o todo polo todo en Galiza, Feijóo sábeo, e por iso serán contados os actos nos que coincidan o presidente da Xunta e o do goberno central, consciente de que Rajoy pode quitarlle máis votos que darllos. Porén, Feijóo non poderá esconder o que é evidente para a boa parte dos galegos e galegas, isto é, que mentiu, incumprindo as súas promesas electorais de 2009, e que acatou sen inmutarse as imposicións do Goberno Central. E non só iso, senón o máis grave, deixou a Galiza aos pés dos cabalos, mesmo con accións de goberno nos que atacaba a nosa lingua e a nosa cultura, obviando as súas responsabilidades como presidente da Xunta e saltándose as competencias exclusivas que ten o noso País en sanidade, educación, caixas de aforros, etc.
Por iso, por moito que diga La Voz de Galicia, Feijóo ten moi difícil revalidar a maioría absoluta, e hai indicios que o demostran: quere debater co BNG e co PSOE, cousa que non fixo en 2009; consciente das dificultades de arrastre do seu partido, fai a súa proclamación de candidato nun local de aforo escaso, apenas mil persoas, impropio nun partido político que goberna na meirande parte dos concellos galegos, que ten da súa man o goberno de dúas deputacións, o goberno da Xunta e o goberno do Estado, e que nos ten acostumados a grandes eventos multitudinarios.

Por outra banda, hai outro indicio aínda máis claro, a importante cobertura mediática que lle está a dar a TVG á candidatura de Izquierda Unida encabezada por Beiras, amplificada por La Voz de Galicia. Todo con tal de restar votos ao BNG, que é chave para que o PP non consiga a maioría absoluta.

Mais desta volta, as eleccións do 21 de outubro non pasarán desapercibidas alén das nosas fronteiras, sexa no Estado, sexa na Unión Europea e mesmo sexa nas cortes do Imperio, xa que estas eleccións serán tamén un referendo ás políticas de recortes sociais e políticos de Mariano Rajoy, que poden ser un punto de inflexión na aplicación das políticas neoliberais que percorren media Europa, mesmo medio mundo.

Os galegos e galegas acudiremos as urnas con dúas opcións posíbeis: a da submisión aos ditados neoliberais e as políticas de recentralización do Estado que defenden PP e PSOE, ou a da insubmisión aos recortes, as políticas alternativas soberanistas con poder de decisión, que representa o BNG. Non hai máis!

Poderemos considerarnos radicalmente de esquerdas, mais se logo cando están enriba da mesa os intereses da nosa terra, votamos en contra, por exemplo, do levantamento do veto á construción civil de Astano, como fixo Izquierda Unida en 2006, non faremos outra cousa que afondar na dependencia a submisión de Galiza. Do mesmo xeito se carecemos dun financiamento xusto, estaremos presos dos caprichos de Madrid, como o están agora mesmo Andalucía ou Catalunya. Ou se contamos con competencias exclusivas (sanidade, agricultura, educación, ...) o lóxico é que nos lexislemos e teñamos capacidade de decidir en función das nosas necesidades como pobo. Isto é o que nos xogamos o 21 de outubro.
Neste sentido, a nosa responsabilidade como galegos e galegas é clara, escoller o mellor goberno para defender o País. Mais tamén será a nosa responsabilidade frear as políticas neoliberais do PP. Iso só se pode facer votando masivamente ao BNG.,