21-O, hora do cambio


Nos últimos tres anos e medio os galegos vimos como moitos dos nosos dereitos foron dinamitados, dende a Xunta ou dende o Estado Español atacaron os piares básicos das persoas como o dereito a unha sanidade pública decente, a unha educación pública e de calidade, ao dereito dunha vivenda digna e ata poder ter un emprego. Destes puntos levamos moito tempo falando, escribindo, debatendo pero agora temos a oportunidade de realmente demostrar que non queremos este tipo de políticas para o noso país, e esta oportunidade chamase 21-O.

O 21-O é o día no que teremos a oportunidade do cambio ou definitivamente nos veremos condenados a días escuros e a un futuro negro e incerto. Cada voto conta e vai sendo hora de darlle a estocada final a este tipo de políticas de derroche caciquil popular e bancario. Non se pode ter complacencia con quen non a ten cara o pobo e menos coa cantidade de “alters ego” que pululan polos xornais partidistas buscando o aborrecemento da cidadanía e so preocupándose de ter unha cadeira onde repousar.

Acórdanse de Galiza dous meses antes de depositar o voto nas urnas, ata de repente aprenden a falar galego e ata intentan poñerlle algo de acento non vaia ser que no centro non lles entendan e de paso aproveitamos para cruzar o charco e visitar a eses “galegos” que din ser galegos porque son netos de emigrantes pero non coñecen a realidade do que aquí acontece, saben os dereitos pero non teñen obrigacións, nin tributan en Galiza, nin consumen en Galiza pero si poden decidir o destino dos galegos que vivimos na Galiza. Unha xeración de votantes desvinculados totalmente co país, pois moitos deles nunca pisaron a nosa terriña.

,Sen embargo a ese grupo de galegos emigrados durante uns meses en Suíza, Alemaña,… que volvan a casa varios meses ao ano e que viven o día a día, ou os nosos mariñeiros que fan mareas longas en caladoiros a moitos kilometros pero que volven a casa a pasar os meses de descanso, consumindo, pagando os impostos como cal quer galego do país, a estes sacámoslle o dereito a decidir non vaia ser que cambien o rumbo na Praza do Hórreo.

Non vivimos tempos para estar contemplando o que acontece ao noso arredor, son tempos de acción e de dicir claramente o que nos gusta e o que non e a cada oportunidade que se nos presente deixar constancia do noso malestar, temos a oportunidade en breve, aproveitémola.

Podo enumerar un gran listado de razóns, de feitos contra o noso país, de promesas incumpridas, de feridas a nosa identidade, de intentos de avasalamentos ao pobo, de ver como sacan o proveito en Galicia pero gozar do beneficio noutras comunidades, de ver como so teñen presente a Galiza para o soldo parlamentar e logo montan as empresas en Portugal, os contratos de portugueses para obras en Galiza porque a man de obra é mais barata que a galega creando así diferencias socias nesa gran casa baixo a que se amparan chamada Europa pero na que non lles queda máis remedio que pregarse ante a líder alemá. Podemos falar de como esta o noso sector pesqueiro, o noso sector naval, o noso agro,... e o que é máis triste o futuro do noso país.

A nosa responsabilidade como galegos é pensar que queremos para o noso país e actuar con responsabilidade pois os tempos de bagoas e de choros xa son pasado, xa ninguén pode escudarse baixo o sabana de que dixeron unha cousa e fixeron outra, ou do engano, os feitos son claros, están hai para comprobalos, e cando falo de comprobalos non me refiro a ler certos xornais que esquecen que estes días hai unha folga de transporte pero si sacan en portada a mesma noticia toda a semana para ver si así alguén acaba de crerse semellante manipulación ou prender a canle autonómica as 8:30 do serán para escoitar o mentireiro de quenda.

Simplemente eu creo no meu país, nas súas posibilidades, en que podemos ter futuro, somos produtivos e temos dereito a producir, temos dereito a poder amosar a nosa valía e por iso o noso futuro vaise decidir o 21-O, a miña aposta é clara, firme e con responsabilidade, sempre me dixeron que o que quere cambiar algo tense que mover, e por iso tócanos movernos, para atrás nin para coller carrerilla, temos que correr o “sprint” final cara o noso futuro. Xuntos podemos cambiar e xuntos si temos futuro.