2016 foi un ano duro, pero superámolo

2016 foi un ano duro, pero superámolo

Rematamos un ano que foi duro para o nacionalismo galego, un 2016 que empezaba co BNG nunha situación moi delicada ao ter perdido poucos días antes a súa presenza no parlamento do estado despois de vinte anos defendendo alí os intereses de Galiza.

Hai hoxe un ano no artigo que publicaba no Terra e Tempo, xunto con outras consideracións, dicía “...Os resultados electorais é certo que foron moi malos pero tampouco creo que se acabara o mundo o 20 de decembro nin que o BNG ou o nacionalismo galego estean nun beco sen saída pendente a fronte nacionalista só de que lle dean a extrema unción...”, e diante diante dese importante retroceso electoral manifestaba que non debíamos fuxir da autocrítica pero tampouco debíamos caer na auto-flaxelación á que tendemos demasiadas veces.

Estes doce meses demostraron unha vez máis que nunca debemos deixarnos levar polo inmediatismo á hora de tomar decisións, nin diante dun feito negativo nin diante dun feito positivo. A situación de partida o 1 de xaneiro de 2016 e a situación que temos hoxe son un exemplo claro de que cando nos referimos á historia como un proceso dialéctico non estamos recitando un catecismo.

Non prestamos atención aos cantos de serea que buscaban afogarnos aproveitando o atordamento polo que pasabamos, e cando había quen xa estaba preparándose para darnos os coidados paliativos fomos quen de reafirmarnos no convencemento de que Galiza precisa de organizacións propias sen dependencias alleas de ningún tipo. Partindo dese convencemento mantivémonos firmes, iniciando un proceso de reflexión e debate para corrixir erros, mellorar a nosa actuación no que se precise e fortalecer a nosa presenza social; un proceso que chamamos Proceso Adiante e que, sendo desigual no seu desenvolvemento, contou coa participación de centos de persoas que non sendo militantes do BNG consideraron e consideran que deben aportar as súas opinións e experiencias para fortalecelo.

O ano que vimos de deixar deixounos moitas ensinanzas, delas eu destaco a de facernos máis conscientes de que a nosa maior forza está na firmeza ideolóxica e no traballo social. Un traballo que non poucas veces temos esquecido deixándonos levar pola burocracia, pola reunionitis, e pola marabunta dun institucionalismo que moitas veces nos afoga impedíndonos analizar con perspectiva política o noso labor cando temos responsabilidades de goberno municipal pero tamén cando estamos en labor de oposición; e unha firmeza ideolóxica difícil de manter en tempos líquidos como o que nos toca vivir pero por iso máis necesaria.

Temos moito traballo por diante, pero o 2017 ofrécenos unha oportunidade que non podemos desaproveitar; non hai prevista ningunha convocatoria electoral que interrompa os plans de traballo que aprobemos para meternos na tolemia das campañas. Neste ano poderemos centrarnos na mellora desta ferramenta imprescindíbel que se chama BNG, tanto no ideolóxico como no organizativo, mudando xeitos de traballar e dinámicas viciadas, intercambiando experiencias, formando ideolóxica e tecnicamente aos novos cadros para que poidan asumir novas responsabilidades e mellorar a súa comunicación co noso pobo.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.