¿2012 ou 1898?

Chamábase Remedios e traballaba na miña casa, sendo meu pai comerciante e miña nai mestra. Eu era moi nena, así que o recordo esváeseme na memoria, mais a anécdota é tal cal a vou referir. Era fazai, isto é, procedente do lugar ou aldea próxima a Lugo do mesmo nome, Fazai. Para as-os que somos nativos da cidade murada, este apelativo, “fazai”, é ben coñecido, pois funcionaba como sinónimo de amigo do alleo: é un caso ben curioso, como se ve, de lexicalización adxectiva desde un topónimo. Pois ben, esta muller ofereceulle á miña nai a posibilidade de compra de carbón (para a cociña económica ou de ferro, daquela única) abaratada, xa que ela, ao viver perto da estación de ferrocarril, tiña acceso a podelo facer. Non moi convencida, miña nai accedeu, porque tal operación suporía uns ingresos extra para ela, para a vendedora. Isto non empecía a compra habitual (por quintais) de carbón ao carboeiro correspondente, que se gardaba no rocho (outra palabra luguesa) e se ía baixando en queipos de a pouco, repóndose cando minguando o que alimentaba todos os días a cociña. Nun momento dado, Remedios informa de que o carbón do rocho xa se acabara. Miña nai alármase, pois, polas súas contas, sabía que debería durar moito máis. A “solución” do enigma xa a adiviñan as leitoras ou leitores que este artigo tiver: o “gran” negocio de Remedios consistía en lle vender á miña nai o seu proprio carbón, isto é, o que, xa comprado, se amoreaba no rocho; de aí que minguase tanto. Negocio redondo, se non fose porque se descobriu e se rompese, por tanto, a relación laboral.
Lembrei este episodio a raíz dun macrotema de actualidade, cal é a nacionalización do 51% das accións de “Yacimientos Petrolíferos Fiscales” (YPF), por decreto do goberno arxentino. A macrocampaña de rancia españolía que se desatou en esferas gobernamentais e mediáticas da España cañí recordoume de contado anos e atmosfera ben distantes de nós no tempo (que non na ideoloxía reinante), o ´98, o recital de laios e protestas que se expanden, no fin do XIX español, como compensación pola perda das (pen)últimas colonias españolas, Cuba e Filipinas. A guerra provocada pola potencia emerxente daquela, os USA, para se facer coa xoia da coroa española, deita un rosario de amargas lamentacións pola ferida inflixida ao “heroico león español” e é, como se sabe, unha das alavancas de toda a literatura do “noventayochismo”, á procura de novos alimentadores do “ser español” que xa non se podía refuxiar no imperio naufragado.
114 anos teñen decorrido, nada menos, desde aquela e abofé que algunhas cousas semella que non mudaron nada. Mais, por riba e por baixo da, case, unanimidade mediático-política que rodea o asunto nas esferas españolas e españolistas, impóñense, coa súa obstinada evidencia, os feitos. Moi lonxe de min aventurar, con petulancia imperdoábel, cal será a fin dun proceso como o agora iniciado. Se finalmente haberá control chinés ou entrada de corporacións financeiras norteamericanas…, mais, insisto, os feitos existentes son dabondo claros:
1. Estará fóra de discusión que os xacementos petrolíferos arxentinos pertencen á Arxentina.
2. Recordarase que, durante o goberno Menem, a desnacionalización dos “Yacimientos Petrolíferos Fiscales”, por venda á compañía REPSOL, se produciu nunha vaga de privatizacións-vendas de empresas públicas arxentinas, e a un prezo irrisorio.
3. Non é nengún misterio que REPSOL obtivo pingües beneficios como resultado desta operación, vixente durante vinte anos longos.
4. No ano 2011, Arxentina tivo de importar-comprar petróleo, sendo unha produtora neta do mesmo.
5. Dáse a circunstancia de que, con este decreto de renacionalización, o goberno arxentino goberna, isto é, exerce competencias e facultades de que o goberno español, por exemplo, ten abdicado, por se converter en obediente seguidor e cumpridor das directrices da troika. Isto é, o “atrevemento” arxentino constitúe un magnífico contraexemplo para un goberno que fai entrega da súa soberanía a instancias superiores e exteriores a el proprio e que só se digna recordala cando se trata de esmagar ou de entorpecer competencias autonómicas.
6. Ao igual que a Cuba de antano para España, YPF era a xoia da coroa para a multinacional: un terzo do beneficio bruto da mesma procedía da explotación arxentina. Á vista de novos e produtivos novos xacementos, ¿que ten de estraño que o Estado arxentino tome cartas no asunto?
7. O goberno español, tan calado e resignado cando se trata de defender intereses galegos e/ou españois na Unión Europea ou no mundo mundial, reaxe cunha contundencia verbal digna de mellor causa. Verbal, digo, porque, mesmamente, diplomática ou estritamente política, non se coñece. Considera o acto gobernamental arxentino unha “agresión a España”, sen revelar que nen sequer o capital maioritario da multinacional REPSOL é español. Mais, en todo caso, trataríase dunha empresa privada, cando ese mesmo goberno fai defección da obriga de defensa de intereses públicos e de notorio interese social, chámese naval galego, pesca, sector lácteo…
8. Máis unha vez, compróbase o hipócrita carácter declamatorio que ten o suposto recoñecemento do principio da igualdade para as mulleres. O rosario de deostos, bulras e caricaturas que, desde emisores político-mediáticos españois, mereceu a presidenta Cristina Fernández, afilíanse á máis repugnante tradición misóxina e revelan até que ponto é feble e oportunista aquel principio na aplicación de moitos dos seus propagandistas: “monigote” é o máis leve dos que ovimos-lemos…
9. “Por qué no te callas?!”: non hai tanto tempo que un Xefe de Estado, monarca herdado do rexime anterior e con perigosas afeizóns cinexéticas, bradou desta maleducada forma, nun foro público do máis alto nível internacional, contra o presidente dun país soberano como Venezuela. Misoxinia excluída neste caso, por ser elemento barbado Hugo Chávez, os improperios mediáticos afilíanse ao racismo bruto: indio, retrasado… e por aí fóra. Tanto arruallo cos subordinados de antano e tan pouco cos “socios” europeos de hogano!
10. Para alén do insulto e da aldraxe bruta, o xuízo político máis repetido foi a atribución de “populismo”: e, perguntámonos, ¿que ten de mau o “populismo” como lóxica reacción liberadora para tanta ración de colonialismo e neocolonialismo?
,
En fin, todo isto non son máis que recordacións esquemáticas e cáseque vulgares, non sendo porque abafa a persecución contra o goberno dun país soberano que cometeu a incríbel ousadía de exercer de tal, o cal espella un retrato moi pouco decoroso do goberno vociferante. En tertulia recente na radio galega, Xavier Vence, que explicou feitos como os descritos neste artigo, foi obxecto dunha virulencia na contestación por parte dos outros contertulios realmente asombrosa. Sintomática, desde logo, de que resortes de ofendido españolismo grandilocuente son os que moven a resposta de opinadores galegos-as tan ardidos defensores das políticas gobernamentais. Non os sentín nunca, con tal grau de irritación e de alporizamento, cando se tratou ou se trata dun asunto de interese galego, das sucesivas mutilacións nos orzamentos públicos, na anulación pura e dura de axudas para as asociacións culturais nos orzamentos do Concello da Coruña, na ofensa financeira inflixida á Real Academia Galega no proxecto de orzamentos do Estado, na constante discriminación da pesca ou da construción naval por parte da Unión Europea… e tantos asuntos máis.
Roubar carbón á súa dona para despois venderllo como se dun bon negocio se tratase… Tal retratei nas primeiras liñas desde artigo. Apliquémoslle todas as correspondentes lupas de aumento e teremos una idea aproximada do proceder habitual das multinacionais no mundo mundial.
----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------