17 de maio: Lingua, Patria e Orgullo

17 de maio: Lingua, Patria e Orgullo

Bonita estampa a que puidemos ollar, a toda cor, na primeira páxina do xornal "Galicia Hoxe" do sábado 14 de maio. Sería para escachar a gargalladas, por espectáculo surrealista, se non fora para chorar. Nun acto oficial da Real Academia Galega, con motivo da celebración o 17 de maio do Día das Letras Galegas, observamos sentados nas cadeiras desta institución, con pose marcial, a grandísimos e incansábeis defensores da lingua galega. Xente comprometida coa nobre causa da normalización lingüística e coa devolución dos dereitos, individuais e colectivos, desta vella e castigada nación chamada Galiza.

Aí os temos. A Carlos Negreira (deputado e candidato do PP á alcaldía da Coruña), Jesús Vázquez (Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria), Manuel Vázquez (Secretario Xeral da franquicia galega do PSOE), Salvador Fernández Moreda (Presidente da Deputación Provincial da Coruña), José Luis Méndez Romeu (deputado do PSOE e ex-concelleiro coruñés sob mandato de Fancisco Vázquez), e José Luis Méndez (ex-directivo de Caixa Galicia), entre outros. É posíbel detectar na fotografía dos presentes ese ar entre caviloso e absorto, meditativo e fondamente preocupado polo presente e futuro do noso idioma.

Xa cumpriron. Xa estiveron onde tiñan que estar. Évos cousa dese maldito guión electoral. Mais é xente moi atarefada. Agora teñen que marchar para se adicaren ás súas estresantes ocupacións. Teñen moito aínda por facer. Carlos Negreira, o primeiro, para volver á súa campaña electoral "Ahora La Coruña" e poder atacar ao BNG e ao seu candidato, Xosé Manuel Carril, pola imposición lingüística. Abandona raudo a sede da Academia Galega, despois da correspondente dose de galeguismo, para se centrar no realmente importante: a restitución, por fin, da liberdade toponímica nesa cidade e a oficialización da denominación pola que tanto loitaron os Franciscos Franco (primeiro) e Vázquez (despois). Élle un alivio marchar da Academia: nada a ver coa sensación de acougo e conforto daquela bonita manifestación de Galicia Bilíngue na que participou.... Eran poucos si, mais os mellores.

Salvador Fernández Moreda ten tamén moito que facer. Porque vulnerar a legalidade vigorante en materia lingüística nas áreas da deputación controladas polo PSOE precisa de empeño, obstinación, perseveranza e determinación á hora de desafiar e conculcar a Lei. E de control permanente, non vaia ser que a teima dos nacionalistas por defender o galego (que practican nas súas áreas) acabe por impregnar o conxunto da arcaica institución provincial. Que bo sería gobernar co PP! -semella cavilar o Excmo. Presidente dende a súa cadeira académica- Como nas Vascongadas, como nas Vascongadas..., e facer realidade a tese que defende Paco Vázquez.

Jesús Vázquez ten xa fóra o vehículo oficial, co motor aceso, presto para o transportar a Vigo. Reunión urxente co Secretario Xeral de Política Lingüística. Parece posíbel publicar un outro Decreto que prohiba cuspir e falar en galego en determinados espazos públicos. No ensino xa o fixeron. Na xustiza, dende maio de 2010, a aplicación informática escollida exclúe calquera posibilidade de uso do galego. Nas oposicións xa non hai probas en galego... Bonito acto este da Academia.

Manuel Vázquez, máis que facer, ten que deixar facer. Asume, aínda que descoñece, o obstáculo de función cerebral ou de órganos fonadores que impide que Abel Caballero ou Javier Losada poidan expresarse en galego. Bah. El cre que coa súa presenza neste acto xa cubre a corta de galeguismo do seu partido. E agora está a pensar que organizar o vindeiro 25 de xullo. Algo galego. Moi galego... Un bon xantar, con polbo á feira, carne ao caldeiro ou churrasco, sobremesa e café. E viño. Ao polbo, mellor, chamarlle pulpo, que xa o fixo cando foi alcalde no Carballiño. E para evitar duplos sentidos.

Méndez Romeu, agora fóra do Concello, xa non pode aplicar a política lingüística pacovazquiana. E agora co BNG imposíbel... Pensa naqueles tempos mellores. Igual que un dos responsábeis do actual estado económico de Novacaixagalicia, José Luis Méndez, situación que non ten por certo nada a ver coa "desafogada" condición económica persoal do propio suxeito. A caixa non a salvaría. Mais o seu peto, si. Lembra, mentres escoita algo dun tal Lois Pereiro (ou "Pereira", como figura no convite oficial da EGAP: tamén nos apelidos cumpre aplicar a liberdade!), o acerto en deslocalizar servizos telefónicos desa entidade financeira, aínda que supoña eliminar o dereito de clientes galegos a recibiren información e a se expresaren en galego.

Que bos profesionais da comedia! Baixo esa pose honorábel e respectábel, canta hipocrisía. Unha vez ao ano non fai dano. Teñen outros 364 días (ou 365 en anos bisestos) para rirse, lexislar e actuar contra o galego. Porque conmemorar un día o galego como reliquia histórica tampouco molesta. De facto é precioso na poesía. Outra cousa é na sociedade. Aí si que non se pode permitir. Xa temos días contra o cancro, e damos donativo. Contra a SIDA, e poñemos un lazo. Ou dos defuntos, e imos ao cemiterio. E agora do galego, e imos á Academia. É unha bonita tradición.

Con menos "glamour", e con máis mérito, outros estaremos onde cumpre estar o 17 de maio. Coa Plataforma Queremos Galego. Do lado dos que defenden o galego. O noso. Non por fariseísmo nin oportunismo electoralista. Nin para fechar a lingua nunha vitrina de museo etnográfico e tranquilizar conciencias. Todo o contrario. Por compromiso, por lealdade e por coherencia. Por orgullo do propio. De ser quen somos e vir de onde vimos. Neses máis de medio cento de actos convocados simultaneamente na nación e fóra dela, na emigración, non haberá conselleiros tartufos nin persoeiros farsantes, que cobran do mesmo país que atacan. Estarán mulleres e homes de corazón libre, mais que padecen por viviren nunha Patria encadeada, á que se lle nega o seu propio idioma. Por eles e por nós, Galiza ten futuro. O 17 seremos moitas e moitos. Máis que eles. Mal que lles pese.