17 de Agosto
17 de Agosto de 1936: asasinato de Alexandre Bóveda. 17 de Agosto de 1976: constitución, na Coruña, da Agrupación Cultural que leva o seu nome, animada por unha comisión de persoas nacionalistas, presidida por Margarita Vázquez Veras. 12 de Agosto de 1975: asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras. Ambos, Bóveda e Reboiras, pertencen á mesma estirpe, son elos da mesma loita. A asociación cultural que se recoñece no nome de Alexandre Bóveda cumpre este ano 40 de actividade ininterrompida, mesmo con impasses, dificultades e atrancos de todo tipo por parte de institucións públicas que, malversando a súa natureza e as obrigas a que se deben, nunca atenderon como deberían a actividade cultural galega, feita desde a Galiza, para ela e para o mundo, devolvendo á Coruña -como lembraban o seu presidente actual, Xosé Manuel Sánchez Rei, e María Xosé Bravo no acto celebrado o día 13 pasado- a condición de cidade galega, que se orgulla de selo e así o quer exteriorizar.
Teño á vista unha fotografía de Alexandre Bóveda da que non dou afastado a ollada. Figura no anverso dun tarxetón editado polo Concello de Pontevedra no ano 2003 en que se conmemorou o centenario do nacemento do noso compatriota. De pé, coas mans apoiadas nunha mesa, en disposición de orador inminente. Semella un rapaz fardado nun traxe de adulto: a ollada cálida, franca e intelixente; o sorriso, cordial; a frente, despexada; un traxe, camisa e gravata que me levan ao recordo doutras fotos familiares, de meu pai, en concreto, que tamén nacera o mesmo ano, 1903. É unha imaxe que imanta. No reverso da tarxeta, a homenaxe complétase cuns versos ben elocuentes de Avilés de Taramancos:
Todos
Os que amamos a Galiza
Levaremos sempre
No noso labre,
Como un caravel inmorredoiro,
O nome
De Alexandre Bóveda.
Esa é a súa vitória,
Ese é o noso compromiso...
No mesmo ano 2003, a revista Terra e Tempo, daquela dirixida por María do Carme García-Negro, dedicou o seu monográfico ao noso patriota, sob o título “(Re)coñecermos Alexandre Bóveda”. 17 colaboradores-as encheron as súas páxinas (algúns xa non están entre nós, como Avelino Pousa Antelo ou Francisco Carballo), que incorporaron tamén textos inéditos, como a correspondencia de Bóveda a Ramón Vilar Ponte. Chamabamos a atención Carlos Callón e unha servidora (os responsábeis de darmos a coñecer este epistolario) sobre un uso ben significativo do encabezamento das cartas: Galiza, en primeiro lugar; entre parénteses, o nome do lugar (Pontevedra, por exemplo). Desde aquela, adoptei sistematicamente tal costume. É a ruptura simbólica das malfadadas provincias a que se reduciu ominosamente a nación desde 1833 e que, con grande alarde de “modernez” se manteñen hoxe. Velaí o problema -ou unha das súas faces significativas-: a dilución da natureza nacional en catro anacos de orixe colonial, sen a menor pertinencia xeográfica, económica ou cultural.
Todos os traballos e artigos que integran o número desta revista teñen interese, mais quero salientar a colaboración de Xoán Carlos Garrido Couceiro: “A voltas co concepto de compromiso”, magnífica achega non só á personalidade do homenaxeado senón ao sentido último do nacionalismo galego. O de onte e o de hoxe. Escolmo os seguintes fragmentos:
Coa súa morte, Bóveda meteu todo o nacionalismo nun compromiso. Un galeguista xa non acougará a consciencia no seo dun partido español. De corpo presente nas filas dos dominantes non poderá alegar que a súa alma segue cos dominados porque as balas que atravesaron Bóveda demostraron que cando dispararon contra o seu espírito había un organismo físico ocupando ese lugar. [...]
,Despois de Bóveda un xa non se logra desfacer do corpo, da organización, da autoorganización sen renegar do galeguismo. Despois de Bóveda o galeguismo só pode ser nacionalismo. Un xa non pode librarse da palabra, do “Sempre en Galiza”. En conclusión, despois de Bóveda dicirse nacionalista compromete non só na conciliación entre política e ética na cidade terreal (a cidade de Deus de S. Agostiño con el precipítase no chan desde as alturas), compromete tamén, como queda indicado, no plano da palabra, no plano da verdade, no plano da teoría.
Eis a disxuntiva. Para algúns, a historia é unha especie de “fondo de armario” de que botar man só cando cómpre proceder a un ritual, inservíbel no día a día, no pragmático, nas decisións políticas que comprometen o valor da palabra. Para quen acreditamos en que a historia non é ecuacionábel á arqueoloxía nen ao protocolo verbal dun día, Alexandre Bóveda, Moncho Reboiras, iluminan o presente e alimentan a aspiración a un futuro de liberación. Aquel polo que eles loitaron e deron a vida. Moito a rentes do chao e sen grandilocuencia nengunha, habemos de relembrar o valor irrenunciábel do xa construído, do edificado baixo o principio indelegábel da auto-organización, da confianza nas proprias forzas, da perseveranza nunha loita que vai para longo, pois deriva dunha historia secular que nos negativizou e que nos afixo a unha letal resignación. Resignarse a que continúen a impartir ordes e contraordes desde España, acordos e trasacordos, novos servizos (léase sevicias) aos, como non, serviciais (léase servís) galegos.
O nacionalismo galego de hai cen anos e mais o nacionalismo contemporáneo -que non por casualidade acumula décadas de experiencia e de traballo- ROMPEU esa perversa tradición, tronzou aquela fatal resignación. As-os nacionalistas de hogano teremos de ser os primeiros en sabelo. Os de antano soubérono e aplicárono: o nacionalismo non é unha palabra-comodín, unha vestimenta oportunista. É pensamento, é doutrina, é programa, é praxe, é actitude e é sentimento. Nada disto é intercambiábel ou substituíbel, non sendo que aceitemos compracentemente que a Galiza volva ser menor de idade precisada de tutela exterior e superior.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén