125º ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE CASTELAO

125º ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE CASTELAO

Este 125º aniversario do nacemento de Castelao será para o nacionalismo unha boa ocasión para repararmos debidamente no seu pensamento político e poñelo en relación coas circunstancias que nos toca vivir na actualidade, cunha 2ª Folga Xeral contra os recortes sociais do Goberno e cunhas eleccións municipais á vista. Os nacionalistas galegos, conscientes da vixencia do seu pensamento e obra, teremos que seguir sendo os seus máis activos divulgadores. As coincidencias co noso ideario e coa nosa práctica, cambiando sempre o que for preciso cambiar, son aínda sorprendentes por exemplares.

Non sería intelixente pola nosa parte converter a efemérides nun ritual rutineiro reducido á data do día 30 de xaneiro. Cun necesario esforzo, cómpre aproveitarmos o contexto de loita e comezarmos cun acto masivo e de mensaxe resoante, o domingo 30 de xaneiro, ás 12 no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval, onde repousan os seus restos mortais. Na mesma liña e organizadamente, tamén temos que esforzarnos en realizar unha campaña de difusión, con actos públicos do audiovisual que vai editar o BNG sobre o pensamento político de Castelao e a súa pervivencia no tempo.

Cando van cumpridas tres décadas da aprobación do Estatuto de Autonomía e da instauración do réxime autonómico, non está demais facer memoria e decatármonos que nada se fixo por engrandecer a figura de Castelao. Non se fixo nada desde os poderes públicos por popularizar a súa obra, nomeadamente o Sempre en Galiza, por algúns chamado "biblia do galeguismo", con edicións axeitadas ao grande público. Tampouco vai ter cabida dentro da Cidade da Cultura un espazo referencial para a súa obra plástica, que seguirá dispersa, como se non tiver valor ningún e como se for allea a todos nós.

O único que promoveu o poder autonómico neste tempo foi a cerimonia da traída dos restos mortais desde B. Aires, nun premeditado e aleivoso "botarlle terra" aos ollos do seu significado e vixencia. Non nos enganemos, nada vai vir desa parte orientado a converter a Castelao en símbolo da nosa dignificación como pobo. Desde o goberno da Xunta de Galiza actúan en sentido contrario a como o faría Castelao e a como o faríamos nós, erosionando a nosa identidade, anulando a nosa cultura e a nosa lingua, como furibundos españolistas que nada máis precisan un lene "verniz galeguista" de vez en cando. Para iso o utilizarán se for o caso.

Resulta ilustrativo e aleccionador aínda hoxe en día -tamén na evolución de Castelao- a maneira como descubrimos Galiza e como chegamos a recoñecernos a nós mesmos. Seguro que, no substancial, haberá coincidencias coa de calquer nacionalista, sexa galego, irlandés ou de calquer nación oprimida do mundo. Tamén Castelao tivo unha mocidade inadaptada, españolizante e un chisco bohemia. Mais soubo descubrir, a carón dos homes das Irmandades da Fala, que era fillo dunha patria privada de liberdade, Galiza, e que non ficaba máis alternativa que loitar pola súa liberación ou ficar convertido nun renegado e nun colonizado.

Imaxinarmos a Castelao na Galiza de comezos do século vinte, nunha etapa crítica da historia da humanidade e da súa evolución, é imaxinarmos un mozo que soubo pór os pés na terra, abaixarse á realidade do seu pobo, vivir a carón da natureza, reparar nas angurias dos traballadores. Que soubo contrastar o que vía con outras realidades nacionais, con outros pobos e con outras culturas. En síntese, que soubo ser dunha terra e dun tempo. Non foi unha aprendizaxe desde arriba, desde o esquematismo das grandes ideoloxías, libresca e mimética; foi unha reacción desde abaixo.

Partindo do principio de que Galiza é unha nación (territorio diferenciado, idioma propio, cultura e problemática económica específica), constatará, ao longo dos anos trinta, que o carácter unitario e centralista do Estado español era contrario á liberdade das nacións que o compoñían, entre elas Galiza, á que non se lle permitía o libre dereito de autodeterminación. En consonancia cunha doutrina federalista avanzada, calquer reformulación do Estado español que partise do recoñecemento deste dereito, habería de facerse desde as partes, desde o recoñecemento da personalidade das nacións que o conforman e da liberdade para pactaren unha unión que se desenvolvese en pé de igualdade. Neste sentido, o réxime republicano, se quería superar as vellas tiranías, había de camiñar cara a unha Confederación Ibérica na que tamén se integrase Portugal.

A actividade de Castelao, como deputado das Cortes Constituíntes e como Secretario Político do Partido Galeguista, sustentouse nunha modélica combinación de principios estratéxicos e pasos tácticos. Concibiu o proceso de autodeterminación como un proceso dinámico no que había que empezar por lograr maiores apoios populares no camiño da autoorganización do pobo galego, conseguindo tamén avances tácticos no recoñecemento da nosa personalidade nacional e na defensa dos nosos sectores produtivos. Non de outro xeito hai que entender a esixencia dun decreto de cooficialidade para que o galego tivese presenza no ensino ou o mesmo Estatuto de Autonomía, plebiscitado en 1936.

En síntese, Castelao non concibe un futuro esperanzador para a humanidade dentro do sistema capitalista e do liberalismo económico. Os grandes estados, unitarios e imperialistas, aséntanse na dominación das vellas comunidades nacionais. Non podía simpatizar, pois, co modelo dos EUA nin tampouco cos Estados europeos (Alemaña, Francia, Gran Bretaña). Tampouco sería do seu agrado unha Unión Europea onde as liberdades fundamentais se ven sometidas ao poder do Mercado, que mesmo supedita a soberanía dos Estados. O seu internacionalismo e o seu pacifismo serían antagónicos coa orde mundial sustentada no militarismo de que fan alarde potencias como os EUA, que destinan nos últimos tempos para o orzamento de Defensa máis de 500.000 millóns de dólares por ano, incrementándose en 2010 a 636.000 millóns.