12 de agosto 2012: Moncho Reboiras, 37 aniversario do seu asasinato
O 12 de agosto de 2012 cumpríronse 37 anos do asasinato de Moncho Reboiras. A UPG organizou, como cada ano, os actos de homenaxe ao seu militante e dirixente. O acto público de homenaxe celebrouse en Ferrol, entoando a Internacional e realizando a ofrenda floral ao pé do portal da rúa da Terra onde a policía franquista asasinou a Reboiras. No Cantón tiveron lugar as intervencións poíticas de Iván Ribas Rico, portavoz do grupo municipal do BNG en Ferrol, e de Néstor Rego Candamil, Secretario Xeral da Unión do Povo Galego.
A tarde anterior do 11 de agosto de 2012, tras o acto político organizado polo BNG de Dodro coas intervencións de deputado no Parlamento Galego, Alfredo Suárez Canal, e de Xan García, secretario da unión local da CIG As Rías, realizouse a tradicional ofrenda floral en Imo, onde o corpo de Moncho Reboiras descansa.