Votar non é democrático, ou a insostíbel levidade do argumentario unionista

Votar non é democrático, ou a insostíbel levidade do argumentario unionista

Hai argumentos que, contra toda aparencia, son difíceis de debater. Votar non é democrático, repiten até saciedade baixo mil e unha formas diversas os medios, militarizados máis que uniformados, que dominan a nosa hora. Tratar de cuestionar desde a lóxica tal exabrupto é como tratar de meterlle o dente a un bocado de vento: non hai substancia nin materia que trabar. Porén, esa inconsistencia non é obstáculo para que o argumento, a base da súa repetición constante, trunfe socialmente. Para que, en definitiva, haxa xente, demasiada xente, que acepte sen maior problema que o referendo catalán, é dicir, o público esforzo para que as persoas que alí residen emitan un si, un non, voten en branco ou se absteñan, supón unha demostración de totalitarismo. Como calquera vía que escollamos para rebater o mantra do referendo antidemocrático acaba rematando no absurdo, é mellor recorrer directamente á ironía e resolver a cuestión. Hai uns días, un medio dixital español daba conta dun trending topic que afirmaba que “Franco non puxo urnas para chegar ao poder porque non quería pasar á historia como un golpista”. Nada máis que engadir.

Algo máis de substancia parece ter outra das cuestións destes días, a da legalidade e ilegalidade, levada polo voceiros do poder ao terreo da filosófica cuestión do ben e do mal para equipararen a supresión do voto coa legalidade -é dicir, co ben- e a organización do referendo coa ilegalidade –isto e, co mal-. A ninguén se nos escapa a existencia por todas as partes de situacións presentes e pasadas onde a legalidade foi e é sinónimo de inxustiza e, polo tanto, de maldade. Aí temos e tivemos fenómenos perfectamente legais como a trata de escravos, prohibir falar en galego asegún y donde, sentar na parte dianteira dun autobús, censurar a quen diga “Galiza” nunha escola, reservar praias, bancos, universidades e retretes públicos para persoas de raza branca, encarcerar opositores pacíficos, contaminar as rías e, agora, prohibir que os e as cidadás metan un sobre nunha urna. Todo legal e todo vivido nun tempo que vai desde o pasado recente á actualidade máis rabiosa.

Mais do que as galegas e os galegos estamos completamente arrodeados é de situacións ilegais normal e comunmente aceptadas na nosa vida diaria, cousas que vemos todos os días e que forman parte da nosa paisaxe habitual a pesar de non responderen á legalidade ou iren manifestamente en contra dela. Refírome a fenómenos como dar as clases en castelán nun instituto tendo por lei que dalas en galego, cobrar en sobres, non respectar a toponimia oficial, manter unha caixa B na empresa ou no partido, plantar eucaliptos onde non se pode, non pagar o IVE ou cargarse pública e notoriamente a normativa urbanística para facer o que a cada un lle dea a gana. Ou manter, pola activa ou pola pasiva, institucións presuntamente democráticas que, como a maioría dos concellos rurais de Galiza, son expertas en saltarse a legalidade sen que lles pase nada. E, se llelo solicitas en tempo e modo, en axudarche a saltáreste ti mesmo esa mesma legalidade para venderche o favor. As galegas e os galegos, sen sermos Foucault, xa sabemos pola práctica que os ilegalismos non se combaten: os ilegalismos xestiónanse, e que esa xestión dos ilegalismos é un recurso infinitamente poderoso para manterse no poder.

Pero hai mais. O túzaro argumentario unionista pon o grito no ceo na inviolabilidade dunha sacrosanta Constitución que, para alén de violarse a diario en aspectos fundamentais como o dereito á vivenda e ao traballo, é reformada con nocturnidade cando lle convén aos poderes económicos. Os que avogan polo encaixe constitucional de Catalunya en España parecen esquecer á mantenta que o intento de facelo foi dinamitado polo Tribunal Constitucional, que, combinando arteiramente o calendario político co futbolístico, comezou esta guerra cando emitiu a súa sentenza sobre o Estatut o nove de xuño de 2010, dous días antes da final do Mundial de Fútbol en Sudáfrica, mentres as rúas das cidades do Estado se inzaban de rojigualda.

Quen avoga pola participación de todos os españois na decisión sobre o futuro de Catalunya está a reproducir o argumento de Blas Piñar e Fuerza Nueva en contra dos estatutos de autonomía dos 80. Quen consagra o Estado de Dereito para non permitir que se vote non fai senón repetir a ladaíña do Estado tardofranquista dos primeiros 70, quen tamén, e para fins semellantes, se consideraba a si mesmo de dereito. De dereitas máis que de dereito, dicíase daquela nas rúas: o ambiente político destes días ten un ar de déjà vu.

A fin de contas, o argumentario co que nos inundan fai auga por todos os lados e só ten unha fortaleza, a da súa reprodución constante sobre o sufrido corpo social, antes chamado pobo. Aproveitando as posibilidades do hipertexto propóñolles que visiten esta páxina onde se enumeran os principios da propaganda nazista do Dr. Goebbels e que me digan cal deles lles representa máis a situación actual. A min, para alén do coñecidísimo principio da orquestración ou repetición constante, sáeme o número 5, que proclama que toda propaganda debe adaptarse ao nivel do menos instruído dos individuos aos que se dirixa. A miña maior alegría a día de hoxe sería que a madureza dese pobo que desprezan provocase que esta xogada propagandística lles saíse mal.