Taiwán: O imperialismo sacode o vespeiro máis unha vez
Após a retirada das tropas ianques do Afeganistán co rabo entre as pernas, o novo rexime dirixido polo ‘demócrata’ Biden retoma as rédeas do auto-outorgado papel dos EUA como xendarme mundial, flexionando os seus músculos de novo no cenario internacional.
Encanto os países occidentais axitan a ameaza dunha guerra nuclear lanzada por unha Rusia aloucada e irresponsábel, coincidindo co 77 aniversario dos bombardeamentos de Hiroshima e Nagasaki que se saldaron con até 226 000 mortos civís, aos ianques non lles treme a mao ao sacudiren un novo vespeiro xeopolítico nunha situación xa de por si extremadamente tensa.
Tras levar tempo aguilloado o oso ruso e ateando a guerra en Ucraína grazas á punta de lanza do imperialismo que é a OTAN, o país que fracasou en Corea, Vietname e tantos outros sitios agora non dubida en tirarlle do rabo ao tigre chinés.
A decisión final que tomou a Presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, de visitar a Illa de Taiwán, a primeira visita oficial destas características nun cuarto de século, lembra as disputas de patio de escola: despois do primeiro anuncio da intención de visitar a illa, sen contar ambigua e duplicitamente nen co visto e prace nen coa desautorización do Presidente Biden, a China reaccionou máis que previsibelmente do único xeito posíbel, ao condenar esta nova provocación ianque e avisando que quen xoga co lume corre o risco de se queimar. Todo indica que, na mentalidade infantil ianque, foi este aviso por parte da República Popular o que tornou irrenunciábel a visita para non ceder e perder a cara ante a China. Unha irresponsabilidade de tal calibre resultaría pateticamente risíbel se non fose que está a pór en perigo unha cada vez máis fráxil paz mundial con potenciais consecuencias nefastas para a humanidade toda.
As guerras do século 21 líbranse tanto no campo da infoxificación mediática como na primeira liña de batalla, polo que tais xestos son todo menos causais e triviais. Resulta esencial mover a maquinaria propagandística para difundir a narrativa do pensamento único occidental neoliberal. E, ao mesmo tempo, calar toda voz discrepante ou mesmo calquera matización. Para isto, facendo realidade a distopía orweliniana, censúranse caisquer meios discordantes en nome do ‘pluralismo democrático’ para poder bombardear o público con desinformacións monocromáticas enviesadas as 24 horas do días. A partir de aí, destílase un potente discurso simplista e reducionista ad absurdum: Zelensky bo vs. Putin mau e China tamén; OTAN boa, portanto suba das despesas militares tamén boa.
Traio ao colofón un artigo de opinión que saíu recentemente no xornal Ouest France con data do 10 de agosto, toda unha lección en manipulación condensada nunhas escasas tres media columnas. Ao tratarse do xornal de maior tiraxe do Estado francés, o seu alcance é de lonxe de ser insignificante. Non sería difícil atopar artigos similares na impresa escrita ou nos meios audiovisuais de calquer país da órbita occidental otanista.
O primeiro en que fai falta reparar é o facto de que, apesar de se tratar dun artigo de opinión, figura na portada do xornal. Así, calquer ‘información’ propriamente xornalística que apareza a continuación nas páxinas internacionais hase interpretar inevitabelmente através deste primeiro filtro que dista totalmente de ser imparcial ou obxectivo. Noutras palabras; a opinión marca e predetermina a información.
O segundo facto de relevo é quen asina o artigo, nomeadamente Philippe Le Corre, é unha persoa de aparente renome, un perito na materia, citado como investigador en Relacións Internacionais do Harvard Kennedy School e da francesa Escola Superior das Ciencias Económicas e Comerciais. Deixo às leitoras e aos leitores indagar sobre que tipo de institucións se trata en canto à súa ideoloxía. O pretenso efeito é que quen lea o artigo non vaia ousar levar o contrario a tan egrexio señor; se o di un experto na materia, abofé que todo o que di ha de ser certeiro, como se @s expert@s non tivesen unha axenda política.
Para dar o ton, a terxiversación comeza xa desde as primeiras liñas, facendo crer que a provocación procedese da China e non do lado ianque: “Unha semana após a visita a Taiwán [...] encabezada pola súa presidenta demócrata Nancy Pelosi, aínda é demasiado cedo para facer un balanzo das perigosas xesticulacións orquestradas ao redor da illa polo exército popular de libertación”. O uso intencionado do ELP como sinónimo do governo chinés permite asemade asignar falsamente un comportamento belicista ao rexime comunista.
Despois de enumerar as presións informativas, económicas, políticas e mesmo militares da China contra Taiwán, o autor pasa a critica o ‘embargo’ ao que estaría suxeito a illa. Sen mencionar, claro é, que se trata das mesmas medidas que os EUA e os seus lacaios levan aplicando a Cuba desde xa hai tempo e agora á Rusia entre outros moitos países ao longo da historia. A hipocrisía é clamorosa.
Segundo este artigo e o resto dos meios occidentais, todo vén sendo o resultado dunha cábala orquestrada polo despótico Xi Jinping para se manter à frente da República Popular após o vindeiro XX Congreso do Partido Comunista, pretendendo que o cerébro do público chinés fose lavado pola maniquea propaganda comunista a tal ponto que mesmo cre que a provocación procedese dos Estados Unidos. Que incrédul@s!
Nen aquí nen en calquer outro sitio se menciona o facto de que tras a súa invasión e a toma de poder de Jiang Jieshi (Chiang Kai-Shek) en 1949, non houbo multipartidismo nen eleccións libres até 1996 no ‘democrático’ Taiwán. Detúrpase intencionadamente a historia ao pretender facer crer que dalgún xeito a Illa de Taiwán sempre fose soberana e independente do resto da China e, ao falar do ‘povo’ taiwanés, nunca menciona a populación aborixe austronesia. Un monte de mentiras para sustentar un revisionismo histórico ao servizo do imperialismo occidental e o neoliberalismo.
Ao igual que se ‘esquece’ mencionar o matriz abertamente nazista de grupos como o Batallón Azoz na Ucraína (descrita como ‘lendario’ e ‘heroico’ pola BBC...), tamén se obvia que Taiwán alberga a sede da Liga Anti-Comunista Mundial (agora chamada Liga Mundial para a Liberdade e a Democracía), un auténtico niño de neonazistas da pior laia.
A linguaxe é, polo resto, florida e sectaria: o governo chinés ‘viola os direitos humanos’ (à diferenza de moito amigos de Occidente), profere ‘ameazas’, ‘aterroriza’ o povo taiwanés e ten a ‘vontade de se impor na Asia’ (moi lonxe das aspiracións imperialistas occidentais que loitan pola liberdade dos povos...).
A modo de conclusión, todo indica que as agresións cometidas polo tigre de papel imperialista e auto-proclamado campeón da ‘democracía’ e o rexime neoliberal que representa só se sustentan se se encobren con mentiras destinadas a distorcer a opinión pública.