Que pode pasar en Venezuela?

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Que pode pasar en Venezuela?
«Corte violento de patas, cvt» chámanlle os venezuelanos ao remate dunha relación sentimental cando é a moza a que decide rematala. Os últimos resultados electorais deixaron a revolución bolivariana sen patas, malia non sen mans. Non hai un grande abano de posibilidades políticas na actualidade na gobernabilidade de Venezuela. A posibilidade primeira (e real) é a dunha Asemblea controlada pola oposición que empece a desmontar o corpo lexislativo da revolución, até chegar a minimizalo e que del só fique unha pincelada asistencial. Venezuela, república presidencialista, ao xeito francés pero sen primeiro ministro, ten atribuídos á presidencia todos os poderes de goberno e lexislativos, compartidos coa Asemblea, o que é de facto unha bicefalia lexislativa. Pero esa capacidade lexislativa do presidente ten carácter excepcional mediante o que en Venezuela denominan unha Lei habilitante[1] que lle confire eses poderes extraordinarios a causa de «situacións extraordinarias». A anterior Constitución venezuelana, de 1961, froito dun pacto anticomunista entre os dous principais partidos (Acción Democrática e Copei) ao abeiro dos Estados Unidos e da «ameaza» cubana, suspendeu garantías fundamentais ao día seguinte da súa promulgación; entre estas suspensións estaban as garantías económicas e moitos dereitos fundamentais. ,Venezuela era de facto un país sen garantías económicas nin dereitos fundamentais entre 1961 e a Constitución bolivariana de 1999. A perda de poder por parte da revolución bolivariana (con ou sen Chávez) foi sempre unha posibilidade. O FSLN perdeu as eleccións en Nicaragua, en 1990, cun case un 40% de apoio. Esa perda iniciará unha travesía no deserto até a vitoria de 2006, pero no caso venezuelano, unha vez perdida a presidencia e sen Chávez, esa travesía pode ser eterna. A tentación de gobernar por decreto lei presidencial deixaría a revolución bolivariana, o proceso, á mesma altura da «democracia» da IV República entre 1961 e 1999, baleira de contido e condenada a desaparecer. A solución non é sinxela. Lembremos que a perda do poder por parte dos sandinistas veu precedida dunha guerra de «baixa intensidade» financiada polos Estados Unidos e doutra económico-financeira. A fortaleza do proceso bolivariano radica na súa orixe popular e na exportación de máis de dous millóns e medio de barrís diarios de petróleo. Pero estes ingresos diarios, únicos en Latinoamérica, representan, asemade, a causa principal desta dilatada guerra silenciosa contra este proceso esperanzador. Pase o que pase en Venezuela, incluída a arrepiante volta da aristocracia escuálida venezuelana, lembremos as palabras de Farruco Sesto: «aínda así, perdendo… pagou a pena participar en todo isto». [1] Establecida na Constitución venezuelana, no seu artigo 203 faculta o «cidadán presidente da República Bolivariana de Venezuela a ditar decretos con rango, valor e forza de lei sobre as materias que coide pertinentes segundo as necesidades e/ou a emerxencia do país». ,------------------------------------------------------------------------------------------------- Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.