Venezuela: a que cheira Obama?

Venezuela: a que cheira Obama?

O presidente estadounidense George Walker Bush, en palabras de Chávez na ONU, cheiraba a xofre, coma o demo. Non é casual que se asocie o demo co xofre. O gas, ácido sulfhídrico, presente no xofre é un dos principais medios para suicidarse nos Estados Unidos (EUA). Pero se Bush cheiraba a xofre, para EUA e a Unión Europea (UE), Chávez e a revolución bolivariana son o demo.

Non é casual que na recente investidura do presidente uruguaio a prensa española se desvivise en gabanzas cara ao presidente saínte Mujica. Chegaron a contrapoñelo a Chávez nun tento de confrontar o ben co mal. O Hipsterstado español está rendido ante a «sinxeleza» deste presidente ancián, bo e nada rancoroso. O dialogante-pacificador (Mujica) contra o trapalleiro-ditador-desnortado (Chávez). Pero Mujica é presidente dun país insignificante para a economía e a xeopolítica mundial e estadounidense. Pobre e minúsculo, cun presidente ancián que dignamente cumpriu o seu mandato e afastado da enerxía revolucionaria do pobo venezuelano e do seu presidente, que mudou toda a escena xeopolítica latinoamericana en poucos anos con palabras, proxectos, feitos e diñeiro. É impensábel esa viraxe cara á esquerda (a de verdade) sen Chávez e por iso a revolución bolivariana, e non Cuba, é o principal problema de Estados Unidos no continente.

Non é casual que agora se dean estas medidas imperiais contra Venezuela por parte de Estados Unidos. É un deses intres nos cales se conxuga «a fame coas gañas de comer». A morte de Chávez, a vitoria por poucos votos de Maduro, a montaxe da oposición sabotando os resultados e organizando terrorismo urbano co fin de desestabilizar o goberno lexítimo de Venezuela e forzar a detención dos líderes opositores ideólogos destes actos terroristas, coa intención de xustificar máis adiante unha falacia segundo a cal López e Ledesma, por citar os dous máis destacados líderes da extrema dereita venezuelana, están presos sen razón ningunha.

,Así, Estados Unidos «esixe» a súa liberación e artella unha serie de «visitas guiadas» á presidencia do Goberno do Estado español das cónxuxes de López e Ledesma para seguir distorsionando a realidade, conseguir un apoio publicitario co vergoñento Parlamento Europeo apoiando o terrorismo venezuelano e lograr unha situación aínda máis inestábel en que a situación económica (baixada dos prezos do petróleo e inflación) unida as sancións estadounidenses colocaría o goberno revolucionario nunha situación moi delicada.

Non deixa de ser un intento máis, dos moitos sufridos por Venezuela, de colocar a súa xente no goberno. Non está desbotado que o logren. Lográrono recentemente no Paraguai e en Honduras. Lograron «traer ao rego» a Brasil e a Perú e non pasou ren… porque non Venezuela?

Se cae a revolución bolivariana cae Latinoamérica. De parte de todos nós, en todos os foros posíbeis, está apoiar a verdade do proceso democrático do pobo venezuelano e sinalar as mentiras en que está sustentada a pretensión do imperio estadounidense e do seu cómplice europeo.,

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.