Venezuela: a crise dos «40»

Venezuela: a crise dos «40»

O barril de petróleo venezuelano caeu ao prezo de 46,97 dólares. Cunha produción diaria de 2.300.000 barrís diarios, dos que exporta 1.700.000, Venezuela foi reducindo a súa produción paseniñamente, un millón menos de barrís desde que Chávez chegou ao poder, debido a que gran parte da produción estaba en mans estranxeiras e non contribuía á riqueza do país. Venezuela, cos prezos actuais, ingresa 80 millóns diarios de dólares en concepto de venda de petróleo. A catro millóns pretendía acrescentar a súa produción en 2014 e a seis millóns de barrís diarios para 2019. Pero as circunstancias do mercado non permiten incrementar a produción, que require de grandes investimentos, e o mercado mundial non está en capacidade de consumir reducindo aínda máis os prezos dun produto tan inestábel nos mercados internacionais. Malia esta rebaixa de ingresos, Venezuela é o primeiro país do mundo en reservas comprobadas de petróleo, entre un 15 e un 18% do total mundial, e o segundo fornecedor de petróleo a Estados Unidos xunto con Arabia Saudita, situación que se mantivo malia a aberta confrontación ideolóxica entre o goberno venezuelano e o estadounidense.

Por moito que se repita nos media e entre os analistas «entendidos» na materia «Venezuela», a redución nos ingresos petroleiros de Venezuela non «pon contra as cordas» a revolución socialista bolivariana. Ben que os investimentos en programas sociais e as cantidades que se poderán repartir entre a súa poboación serán inferiores, seguirán existindo. Os orzamentos do Estado do segundo goberno de Rafael Caldera, 1994-1999, fixéronse cun prezo do barril de 9 dólares, pero a cuestión na Venezuela de antes da revolución bolivariana non era que estivese a 9 ou a 130 dólares o barril, senón que esa riqueza non repercutía na vida do venezuelano ou nas infraestruturas do país.

Para nos facer unha idea do valor do petróleo venezuelano, a 9 ou a 40 dólares por barril, abonda con comparar a situación dos seus veciños latinoamericanos.

A «estrela» colombiana, lugar de preferencia para emprendedores hispanos, símbolo da sociedade «modélica» que pretenden para Venezuela desde Europa (UE) e Estados Unidos (EUA) polos seus acordos comerciais e «colaboración», arrastra un 34% de pobreza, inferior ao 36% de México (outro dos países «estrela» para a UE e EUA), situándose no 9 posto segundo a CEPAL.

Barato ou caro, Venezuela ten un produto de exportación privilexiado, único, volátil e indispensábel. Vemos a cantidade de problemas que teñen outros países latinoamericanos, afíns ás políticas entreguistas europeas e estadounidenses, para colocar os seus produtos. As froitas e viños chilenos sofren de altos aranceis[i], a carne arxentina foi vetada en Europa durante o andazo das «vacas tolas» e o seu substituto, a soia, ten o seu valor polo chan. A maior parte dos Estados latinoamericanos deben sufrir para poder colocar os seus produtos en Europa, como foi o caso dos plátanos ecuatorianos, vetados pola Unión Europea por non estaren dentro do Convención de Lomé[ii]. A lista sería interminábel, pero no que coinciden todos estes países latinoamericanos é que, na posibilidade de exportar os seus produtos, os prezos (fixados na maior parte das veces polo comprador) e o valor das exportacións non abondan para facer políticas sociais que muden a situación de pobreza da súa poboación.

Cun petróleo barato, Venezuela aínda ten posibilidade de facer políticas sociais. Non está exportando plátanos como Ecuador, mazás como Chile ou pelotas de polo como a Arxentina. Non terán o mesmo alcance pero non desaparecerán. Pero o que subxace nesta guerra dos media en que Venezuela «está contra as cordas» é a evidencia de que detrás do goberno venezuelano, das súas políticas, hai un pobo que apostou decididamente por un goberno diferente, estea o petróleo a 2 ou a 200 dólares o barril, e aí non hai cordas que amordacen senón que enlazan cun compromiso que non ten que ver co prezo do petróleo.

[i] Desde o 1 de xaneiro de 2015 Estados Unidos, China e Australia eliminaron os aranceis aos produtos chilenos ao abeiro dos tratados de libre comercio.
[ii] Convención de Lomé.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.