Unión dos movementos inmigrante e obreiro nos Estados Unidos de América
No pasado Primeiro de Maio, o movemento obreiro dos EUA deu un importante paso adiante ao se xuntaren organizacións de inmigrantes e de traballador@s en moitas cidades do país co gallo do Día Internacional do Traballador, con marchas exixindo a legalización para persoas inmigradas e a fin da represión sindical e dos ataques contra a clase traballadora, incluída a derrogación da cruenta lexislación antiinmigrante e antiobreira en trámites ou xa aprobada en varios estados.
En Milwaukee, máis de 100.000 persoas participaron nunha das meirandes marchas e mitins da historia de Wisconsin e a máis grande de todo o país. Contou coa presenza de Richard Trumka, Presidente da Federación Americana do Traballo e Congreso de Organizacións Industriais (AFL-CIO), que acudiu para expresar a súa solidariedade coa loita d@s traballador@s inmigrantes e coa loita en contra da represión sindical en Wisconsin.
Para alén da marcha de Milwaukee, celebrouse tamén unha outra manifestación multitudinaria en Nova Iorque cos seus 10.000 participantes. Foi nesta cidade máis grande do país e coa poboación inmigrante máis importante onde se puideron ver con maior nitidez os cambios que se deron ao longo deste pasado ano e que permitiron que se fose fraguando a solidariedade entre o tradicional movemento obreiro e o movemento polos dereitos das persoas inmigradas. Tras manifestárense pola cidade de Nova Iorque, estes dous movementos confluíron e pecharon os actos cun intercambio de representantes sob o lema: "O Primeiro de Maio é o día d@s Traballador@s".
Grazas á anovada vontade de unidade que xurdiu a partir das bases sindicais tras as manifestacións que se convocaron por separado o ano pasado en Nova Iorque, este ano as organizacións responsábeis reuníronse varias veces na procura dunha mensaxe unitaria. De feito, non só se realizou un intercambio de representantes ao final dos respectivos mitins, senón que a Coalición do Primeiro de Maio que saíu da Union Square decidiu desfilar dous quilómetros até Foley Square co fin de facer confluír @s traballador@s que participaban en ambos os actos.
Nese domingo soleado de primavera, milleiros de traballadores e traballadoras -moit@s del@s membros das comunidades de inmigrantes de Nova Iorque- xunto con activistas sindicais e representantes dos barrios, do movemento en contra da guerra, membros da comunidade LGBT, grupos de mulleres e outras organizacións, desfilaron polo centro de Nova Iorque, desde a céntrica Union Square cara ao sur até Foley Square en Manhattan.
No mundo enteiro, o Primeiro de Maio é o día do pobo traballador, unha data estreitamente ligada ao movemento socialista. Malia ter as súas orixes nos EUA, até a súa recuperación consciente polo Movemento da Marcha do Millón de Traballador@s en 2005, o papel do Primeiro de Maio como festa do pobo traballador levaba anos suplantado polo 'Día do Traballo' que se celebra no mes de setembro, imposto pola clase dirixente nos primeiros anos da Guerra Fría nun afán de rachar os vínculos internacionais e comunistas do movemento obreiro estadounidense.
A co-coordinadora da Coalición do Primeiro de Maio para os Dereitos d@s Inmigrantes e d@s Traballador@s, Teresa Gutiérrez, deixou claro desde o principio que o grupo que representaba ía traballar ante todo para reforzar a unidade entre @s afiliad@s dos sindicatos obreiros e @s traballador@s inmigrad@s, d@s cales 100.000 xa foron deportad@s desde que Obama tomou posesión como Presidente. A Coalición optou por terminar a súa mobilización na Union Square para poder reunirse despois co acto convocado polos sindicatos.
Coas súas orixes na mobilización masiva en 2006 de traballador@s inmigrad@s que chegou a parar o anteproxecto de lei antiinmigración de Sensenbrenner, este ano marcou o sexto ano consecutivo en que a Coalición do Primeiro de Maio convocou unha manifestación na Union Square. Como nas edicións anteriores, na marcha participaron non só moit@s representantes das comunidades hispanoamericanas, senón tamén de case cada nación do mundo cuxas xentes chegaron a Nova Iorque para viviren e traballaren.
Solidariedade en todo o país
Imprimíuselle un marcado carácter nacional aos actos programados co gallo do Primeiro de Maio ao convidar dous dirixentes sindicais afroamericanos cuxa acción sindical está a indicar a dirección que ten que tomar o movemento obreiro para contrarrestar os continuos ataques por parte da patronal e da banca.
O Presidente da Federación Americana de Empregad@s Públic@s (AFSCME) da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, Gilbert Johnson, retratou a situación actual da loita obreira no Wisconsin: desde que o Gobernador de Wisconsin, Scott Walker, aproveitou os recortes orzamentarios como escusa para desmontar todos os sindicatos do sector público, a resposta sindical masiva non tardou en facerse sentir en todo o Estado, con accións sindicais e políticas case acotío. Johnson declarou que: "Se o Estado e os políticos están en quebra, tócanos aos traballadores e ás traballadoras amañalo".
O dirixente do Sindicato de Estibadores, Clarence Thomas, contou como, o 4 de abril, os obreiros pecharon durante 24 horas os portos de Oakland (California) e San Francisco en solidariedade cos traballadores e traballadoras de Wisconsin. Dixo que aínda que "está ben organizar marchas, mitins e concentracións, a patronal non ten por que lles facer caso. Mais cando @s traballador@s decidimos retirar a nosa forza de traballo, aí está o noso poder real".
Malia os ataques contra as persoas inmigradas que levou a 100.000 deportacións desde 2008, a marcha caracterizouse polo seu espírito militante e alegre, animada por unha banda e varios grupos que cantaban sen parar, acompañados polo ritmo dos tambores.
Peóns, xente que vive da venda ambulante e do traballo doméstico, desfilaron xunto con activistas sindicais detrás das faixas das súas respectivas organizacións. Na marcha participaron un cento de afiliad@s da asociación de vendedor@s latinoamericanos ('Vamos Unidos'), xunto con outros grupos como a Unión de Traballador@s Doméstic@s, 'Jornaleros Unidos', o grupo filipino BAYAN, o Centro de Desenvolvemento das Mulleres Dominicanas, o grupo que representa os intereses da comunidade con orixes sudasiáticas 'Desis Rising Up and Moving', grupos de traballadores/as do sector da saúde, o Comité en contra da Violencia Antiasiática, o sindicato dos camioneiros, o Workers World Party, 'Las Buenas Amigas' e o Movemento d@s traballador@s Independentes.
Ao chegaren á Foley Square, @s manifestantes uníronse ao mitin sindical onde milleiros de sindicalistas estaban a gritar a consigna: "Os traballadores unidos, xamais serán vencidos!". O grupo reunido na Foley Square contaba coa presenza de sindicalistas do sindicato de peóns, o sindicato dos camioneiros, empregad@s do sector de servizos, traballador@s do sector alimentario e comercial, empregad@s da City University de Nova Iorque, d@s transportistas e moit@s afiliad@s da Federación Americana de Empregad@s Públic@s (AFSCME).
Avaliación da acción
A pesar da confluencia, ficaban patentes as diferenzas políticas entre @s dirixentes das dúas coalicións. Mesmo tras a chegada da comitiva da Coalición do Primeiro de Maio, @s representantes sindicais limitaron a súa solidariedade a reivindicaren unha "reforma da política de inmigración" que ficaría dentro dos límites que xa se marca a política do Partido Demócrata sen cumprir, nin de lonxe, coas necesidades reais das persoas inmigradas indocumentadas. O ton que adoptaron tamén era marcadamente máis pro-EUA e menos orientada a animar a loita de clases. No entanto, o intercambio de representantes permitiu á Coalición do Primeiro de Maio facer ouvir a súa reivindicación de que cesen as deportacións e de que sexan 'legalizadas' as persoas inmigradas, ao colocar sobre a mesa a posibilidade de levar a cabo folgas solidarias, e mesmo a necesidade de atacar o sistema capitalista para facer avanzar a loita.
Dirixíronse aos dous mitins as seguintes persoas: Teresa Gutiérrez, pola Coalición do Primeiro de Maio, Chris Silvera polo sindicato de camioneiros (IBT), Julia Camagong pola Alianza Nacional polos Asuntos Filipinos e Clarence Thomas, polo Sindicato de Estibadores (ILWU).
En palabras de Teresa Gutiérrez : "Máis unha vez @s traballador@s inmigrad@s desafiaron as ameazas de deportación para exixiren a legalización da súa situación, a fin das redadas e o dereito de se organizaren. Hoxe milleiros de traballador@s inmigrad@s e afiliad@s sindicais celebraron o Día Internacional do Traballador nos EUA ao se manifestaren xuntos para alzaren a súa voz en contra dos recortes e a favor do emprego. En Nova Iorque, Os Ánxeles, Milwaukee, Buffalo e outras cidades e vilas, os dous movementos uniron os seus esforzos para resistiren o recruamento dos ataques en contra da clase traballadora. Ao se uniren, estas dúas forzas lograron consolidar as súas relacións de solidariedade mutua e reforzar o movemento en contra dos recortes, dos despedimentos e os embargos. Hoxe as comunidades de persoas inmigradas contan con máis aliad@s na súa loita para combater o programa racista de Barrios Seguros promovido polo Departamento de Seguridade Nacional. E, ao mesmo tempo, os sindicatos afianzaron as súas alianzas na loita para manter a negociación colectiva. En 2006, o movemento d@s traballador@s inmigrad@s recuperou o Primeiro de Maio neste país, e agora está a ser recollido pola clase traballadora no seu conxunto".
(Tradución de Robert Neal Baxter)