Unha Vitoria Anunciada (I)
O día tres de outubro no Perú celebraranse dous feitos históricos: Un aniversario máis do proceso revolucionario que dirixira o Xeneral Patriota Juan Velasco Alvarado que irrompera un tres outubro do año 1968 instalándose no poder tras un golpe de estado que deu curso a un proceso de cambios estruturais na sociedade peruana sementando as bases históricas da futura liberación nacional e, nesa liña inscríbese, a vitoria anunciada de Susana Villarán á Alcaldía de Lima que arrebatará ese bastión de votos que permitiu á dereita peruana sucesivas vitorias; este feito determinou nas últimas eleccións presidenciais que os electores de Lima impedisen o triunfo de Ollanta Humala e das forzas progresistas do país. Ambos acontecementos están marcados por singulares procesos de cambio que operan na rexión sur americana: Venezuela, Bolivia e Ecuador, aos que se suman Nicaragua, Uruguai, O Salvador e Paraguai, cada un coas peculiaridades propias dos seus países e as naturais contradicións que operan en cada realidade nacional. Estes acontecementos marcan a cabeceira principal das loitas antiimperialistas e entregan ao mundo a real posibilidade de cambios alternativos ás nefastas políticas que se implementaran a escala planetaria baixo o signo da unipolaridade imperialista co modelo neoliberal, hoxe estrondosamente fracasado tras a súa secuela de fame e morte e a destrución dos estados no marco da crise sistémica do capital.
As miradas do mundo están postas nos acontecementos que se veñen dando en América Latina e Perú en particular. En América do Sur loitase francamente contra o neocolianismo e a dependencia imperialista. Do seu curso histórico e dos seus resultados os pobos e as súas vangardas políticas deben sacar leccións que lles permita derrotar as intencións da ultradereita capitalista. "Guerra avisada non mata xente", reza o dito popular. Os pobos de Europa e as súas vangardas políticas están notificados. O FMI, o BM e demais axentes financeiros decidiron que a crise por eles creada a paguen os cidadáns máis pobres e así, como ocorrera en Perú, pretenden a esta altura da vida o mesmo, repetir o mesmo sistema neoliberal, como se os nosos pobos ademais de cegos, fosen tamén amnésicos. Os traballadores, en particular europeos, pódense ver nun espello anterior pois en América latina modelouse a sangue e lume o neoliberalismo. Os resultados desas políticas, destruíron, ademais, as súas organizacións populares, políticas e gremiais. No Perú os traballadores perderon os seus dereitos conquistados: desde a xornada de oito horas, a seguridade social, a relativa estabilidade laboral e o total abandono do Estado do sector laboral, que desde o ano 1932 estaba obrigado a protexer por mandato constitucional, figura que se coñecía como "estado tuitivo". A obrigación do Estado era defender ao máis débil, neste caso ao traballador. Implementouse, nese período, a intermediación laboral mediante normas de flexibilización do emprego, impúxose o despido arbitrario que outorga ás patronais mecanismos para a redución de persoal ao seu antollo. Impúxose deste modo a condenable precarización do emprego chegando incluso a niveis de relacións laborais semiesclavistas como actualmente ocorre na agro industria.
As reformas estruturais que foron implementadas por Velasco empezaron a ser desbaratadas desde 1975 polo Xeneral felón Morales Bermúdez e polos sucesivos gobernos peruanos submisos ao chamado Consenso de Washington. Foi a ditadura de Fujimori e Montesinos, 1990- 2000, os que levaron a fondo as receitas neoliberais. Perú asistiu ao desmantelamento do Estado e ao remate das empresas públicas e dos sectores estratéxicos da economía nacional, o país foi testemuña dun festival privatizador. O ente "mercado" pasou a gobernar a vida nacional dando curso a unha política xeral de privatizacións depauperando ao tope aos sectores laborais do país que deberon enfrontar políticas destrutivas da súa calidade de vida. Todo baixo a orde imperativa do FMI cuxo mandato sempre prevalecía por enriba dos Estados, os seus poderes e do malestar xeral do seu pobo. O crime e a corrupción enseñoráronse no país, os peruanos deberon loitar contra o goberno máis corrupto da súa historia republicana. Nese espazo deberon traballar os sectores de esquerda e progresistas para derrotar á ditadura e atraer unha vez máis a democracia. Atrás quedara a experiencia de IU, Esquerda Unida, que enchera toda unha época e que en Lima alcanzara o seu cénit levando á Alcaldía de Lima a Alfonso Barrantes e ocupando a segunda forza electoral a nivel nacional.
A revisión autocrítica da ruptura da fronte unitaria máis importante que construíra o pobo peruano está por facerse; esta experiencia válida e viva aínda, permitirá, se se fai, arribar unha vez máis a reconquistar a confianza que nos quitara o pobo peruano.
Hoxe o taboleiro nacional, onde deberemos enfrontar o porvir, presenta un panorama disímil. Novas identidades insurxen á vida política nacional: os sectores andinos e amazónicos están protagonizando loitas estratéxicas en defensa dos seus hábitat ancestrais, polo pleno dereito a opinar e decidir pola súa propiedade territorial do lugar onde viven milenariamente, hoxe postos en perigo polo goberno actual que lotizou a Amazonía nacional entregándoa en concesións a voraces transnacionais petroleiras e mineiras que arrasan co seu entorno natural sen consulta previa. Desde alí xérase unha loita real polo medio ambiente; sabido é que na Amazonía peruana confróntase por manter incólume o último pulmón de osixeno, auga e biodiversidade necesario de noso planeta. Os esforzos combativos que alí se dan teñen o carácter de loita polos intereses da humanidade e os seres viventes no seu conxunto ademais de engarzarse aos esforzos que se veñen realizando desde moitos países do mundo. Os acontecementos voan no Perú, a loita estala no campo e na cidade. Os mozos, esgotados dos exercicios políticos do criollismo disolvente e atrapados nun país que non lles brinda oportunidades que os destina á máis cruel explotación, insurxen en rúas e prazas pasando do espontaneismo das súas protestas a formas novidosas de organización en loita frontal pola soberanía nacional contra o entreguismo e a corrupción. O reto da nosa esquerda é vitalmente estratéxico, de alí enténdese os esforzos que veñen despregando pola unidade todas as forzas da esquerda nacional. Os últimos acontecementos electorais acaecidos a escala internacional, bríndannos exemplos de sobra: a ruptura por obcecación de sectores social demócratas en Chile abríronlle as portas ao goberno dereitista de Piñeiro. Gran favor ao imperialismo Norteamericano que hoxe forma un eixe vital ademais con Colombia e Perú.
As eleccións presidenciais anteriores perdeunas Ollanta Humala gañando en primeira volta; Lima deulle as costas e toda a dereita unida gañou. Hoxe ponse en evidencia que o noso pobo comezou a dicirlle basta á corrupción, ao entreguismo vende patria, á crecente pobreza e marxinación. Nesas difíciles condicións Susana Villarán, agora candidata da unidade de esquerdas e sectores progresistas, apréstase asumir a alcaldía de Lima. Un feito en verdade de suma importancia histórica, devolve as esperanzas ao noso pobo que agora enfronta á reacción conservadora a pesar da máis sucia das campañas electorais que víramos nos últimos tempos. A súa galopante subida nas enquisas e a súa firme condición de muller fará posible que no 2011 se poida contar con ese bastión electoral, complemento urxente, que o próximo candidato da unidade de esquerdas sume para alcanzar a presidencia da República.
O pobo peruano non esqueceu o proceso de cambios estruturais que dirixiu o Xeneral Juan Velasco Alvarado. Precisamente foi unha madrugada dun tres de outubro do ano 1968 que o Perú recuperou a súa dignidade nacional, recuperou o seu petróleo, as súas riquezas naturais, desterrou os atrasos feudais no campo, nacionalizou os medios de comunicación, creou as Comunidades Laborais nas empresas industriais, reformou a educación, elevou coa reforma agraria a condición humana do traballador agrario e ás comunidades nativas, condición que, como cruel herdanza dos colonizadores españois, se lles negaba. Ignominia que fai pouco tróuxonos ao recordo o desgoberno do imperial Alan García Pérez coa súa detestábel tese decimonónica do can do hortelano onde sen desenvoltura algunha cualifica de mans mortas e cidadáns de segunda categoría aos habitantes andinos e selváticos.
As bases xenuínas da soberanía nacional están sementadas, a unidade patriótica comeza andar e terá o seu corolario de partida o próximo 3 de outubro.
Tradución de Ester Vázquez Vázquez