Unha valoración do acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Marrocos (II)
A firma do acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Marrocos constituíu, pois, un virtual respaldo político á política represiva e de desprezo dos dereitos humanos e civís da poboación autóctona do Sahara Occidental levada a cabo polo reino alauita e supón unha intervención activa neste contencioso por parte dos parlamentarios europeos que trata de desequilibrar a posición de ambas as dúas partes, reforzando o papel de Marrocos, ante unha posible negociación acerca das solucións. Non esquezamos que o Estado marroquí propugna a concesión dunha autonomía fronte á recomendación dun referendo de autodeterminación que aconsella a descolonización pendente e defenden os representantes políticos do pobo saharauí.
Nese novo posicionamento destacan os analistas, e moi especialmente o profesor Ruiz Miguel na súa valoración acerca da votación, que o número de votos favorable á posición marroquí se incrementou levemente (nun número total de 14 parlamentarios) mentres a defensa da actitude lexitimista a favor dos dereitos da poboación autóctona do Sahara Occidental sufriu un retroceso máis que considerable, pasando de 322 votantes (en 2011) a 204 (en 2013) os que se pronunciaron por esa opción. O que supuxo, xa que o número das abstencións practicamente se mantivo con tan só unha lixeira baixa (49 fronte a 56), que a participación descendese moi considerablemente: non asistiron, nesta ocasión, 202 eurodeputados fronte aos 82 que se ausentaron na votación anterior.
Esa diminución do apoio ás teses contrarias á firma do Tratado faino dicir, na súa valoración, que a votación “non a gañaron os partidarios de Marrocos... senón que a perderon os defensores do Sahara Occidental"; chegando a preguntarse acerca daquilo que se puidese facer mal para que as cousas sucedesen así.
E nesa valoración resulta de moita clareza a estimación ponderada dos votos correspondentes aos eurodeputados españois e, en particular, a aqueles que representan aos intereses de Galicia dentro da eurocámara. Se a consideramos no seu conxunto, resulta moi elevada a porcentaxe de votantes a favor sobre os que o fixeron en contra e pouco ou nada consistente a opción daqueles que se abstiveron, nalgúns casos despois de votar de forma negativa na sesión de 2011, cuxa renuncia non fai senón incrementar o voto favorable á proposta. Nese sentido, España é un dos países nos que o voto promarroquí foi maior, por enriba mesmo dun país, como Francia, que sempre se situou política e diplomaticamente en contra do independentismo saharauí e dos intereses dun pobo cuxa identidade se nega a recoñecer; talvez porque se lle enfrontaron nunha guerra dilatada e encarnizada que se levou a cabo entre 1904 e 1934, protagonizada polo Chej Ma El Ainin e os seus descendentes.
Nesa votación, os votos españois favorables foron 29 dun total de 54 votantes, fronte aos 4 que votaron en contra e a outras 4 abstencións o que supón un 57,5% do total xa que o número de votos favorables debe de incrementarse en 2 posto que dous deputados ausentes manifestaron a posteriori a súa intención de voto, aínda que este non se contabilizase.
Deles os 15 (máis os 2 emitidos despois da sesión) corresponden ao partido do Goberno fronte a tan só 6 ausencias, dun total de 23 eurodeputados. Algo menor foi a proporción de votantes do PSOE no que 14 parlamentarios emitiron o seu voto a favor por 1 en contra (aínda quedan, por fortuna, algúns socialistas coherentes e con dignidade) e 9 ausentes. Dos restantes houbo 3 votantes en contra (IU, ICV e Aralar) e 4 abstencións (CDC, PNV, UDC e UPyD).
De todos eles, 8 son integrantes da Comisión de Pesca como titulares ou suplentes, correspondéndolle a Presidencia desta aos populares Gabriel Mato Álvarez e Carmen Fraga Estévez, esta última relatora e negociadora do tratado euromarroquí e vinculada a Galicia por lazos políticos e familiares.
Os parlamentarios e parlamentarias de orixe galega, a mencionada Carmen Fraga, Francisco José Millán Mon e Antolín Sánchez Presedo (representante, á súa vez, do PSOE) votaron de forma unánime a favor do acordo, comprometendo, en certo modo, o voto da cidadanía galega nese mesmo sentido. Que saiban que non contan en absoluto coa miña adhesión persoal e a de moitos galegos e galegas, que rexeitan sen dúbida ningunha unha decisión tan ilegal como indigna, e que no seu haber débese de anotar tamén o desprezo dos e as saharauís, nenos e maiores, parte de cuxos padecementos e angustias contribuíron a aumentar coas súas respectivas actuacións. A súa memoria, que é extensa como a súa tradición de loita, non deixará de anotar e reter esta ofensa a toda esa comunidade e recordársella cando sexa necesario.
Nunha actitude na que se mesturan as orixes marroquís dalgúns, coa traxectoria como vellos partidarios da causa saharauí doutros, ao lado de simples veraneantes con intereses preferentes en Marrocos, de traxectorias diplomáticas magrebís, ejercicios de responsabilidade ou simple chalanería ao servizo dos intereses do Estado... pero... de cal Estado? Iso aínda non nos quedou demasiado claro...
Porque a pregunta de: a quen favorece este Tratado? ten unha contestación enormemente clara. Escasamente aos intereses da Unión Europea, obrigada á compra sistemática da relativa seguridade das súas fronteiras fronte ao fluxo migratorio africano. En maior medida, aos do noso Goberno que respira por un tempo nas súas relacións magrebís e pode presentar a súa aprobación, non sen certa demagoxia, como unha acción política en beneficio dun sector de parados mentres manifesta a súa máis absoluta indiferenza polos colectivos máis necesitados. Quizais poida representar unha mínima inxección de beneficios para os armadores e propietarios dunha frota en receso en todos os caladoiros do mundo e sobre a que flotan perigos parellos aos da minaría.
Pero a quen, sen dúbida ningunha, se lle reservan a maior parte dos beneficios é ao Reino de Marrocos quen, en primeiro termo, pode presentar este acontecemento como un éxito da súa política internacional nun período no que a súa estimación política a nivel interno e exterior decaera ata os niveis máis baixos. Un logro que, a xuízo da prensa oficialista de Marrocos, lle tería dado unha lombeirada á súa política anexionista e autonomista; como se a súa posta en práctica dependese máis da aceptación a nivel internacional que da súa capacidade de convencemento sobre a poboación saharauí. Craso erro do que busca vencer sen importarlle convencemento algún. De aí que crea ilusoriamente que a Unión Europea pode recoñecerlle de facto unha lexitimidade e unha soberanía que non pode recoñecerlle de iure e que non conseguiu senón que imposibilitar radicalmente coa súa conquista baseada no sometemento, o terror e as humillacións e torturas. Os que máis radicalmente rexeitan a súa inxerencia no Sahara son os mozos nacidos baixo a ocupación marroquí e eles saben moi ben cal é a causa desa radical fractura.
Aínda, o mesmo día en que os nosos europarlamentarios aprobaban o protocolo de pesca pensando en favorecer a pacificación e a estabilidade do Sahara, como condicións máis favorables á resolución do contencioso acerca da súa soberanía, os habitantes De El Aaiún, Smara e outras localidades do Sahara Occidental saían á rúa para manifestarse en protesta pola firma dese acordo que os compromete negativamente sen ter capacidade de decisión ningunha sobre este. E o democrático Estado marroquí cheo de gozo polo seu triunfo, obsequiábaos con agresións múltiples, con paus, patadas e empuxóns provocando preto de 100 feridos, entre os que se encontraban algúns manifestantes europeos procedentes das Illas Canarias, retidos pola Policía por unhas horas. Grazas, señores e señoras, deputados e deputadas, por ocuparse das nosas necesidades... mellor tería sido que non o tivesen feito en modo ningún e que se tivesen preocupado de poñer orde na súa propia casa.
Pero a dinámica histórica non se fai só dende os manexos nin os plans, dende os despachos ou os pazos, e pode que o que hoxe poidamos converter en diñeiro ou en peixe que chegue aos nosos mercados mañá se transforme en rexeitamento e indignidade. Polo menos miremos os billetes con coidado, probemos o peixe con prevención. pode que estean contaminados coas bágoas dun pobo, co sangue xa seca dos seus desaparecidos, cos berros dos seus torturados e torturadas, co desespero dos seus presos, cos cuspiñazos de simbólica saliva coa que lles gustaría obsequiarnos. Aínda que, non hai coidado, os billetes teñen menor nivel de contaminación que os alimentos.
Dende hai tempo Christopher Ross, o enviado especial do Secretario Xeral das Nacións Unidas para o Sahara Occidental, veu insistindo no serio perigo de radicalización dos sectores xuvenís nunha loita que, ata agora mesmo, foi prodixiosamente pacífica malia a resposta sempre intimidatoria do opresor. Unha chamada na que insistía, nestes últimos días, a activista saharauí e presidenta de CODESA Aminethu Haidar, ao referirse á crecente dificultade de facelos percibir as vantaxes inexistentes dunha loita non violenta.
Aínda que quizais, cabe formulalo, esteamos a chegar ao momento en que o seu destino estea marcado non por seguir a ruta do martirio dos seus avós, a loita contra os seus inimigos, senón por construírse e levantar o seu futuro en liberdade á fronte de todo o seu pobo, a superación de eles mesmos. Un camiño igualmente longo e difícil pero prometedor e posible. Ogallá que, nesta viaxe, non se lles xee a alma.