Unha valoración do acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Marrocos (I)

Unha valoración do acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Marrocos (I)

O pasado día 10 de decembro, o Parlamento Europeo votou favorablemente a ratificación dun novo acordo de pesca, asinado entre a Unión e Marrocos o pasado 24 de xullo, pola que un máximo de 126 buques con licenzas europeas poderían pescar nas augas territoriais de Marrocos durante os próximos catro anos cun canon de 40 millóns de euros; dos que 16 corresponderían estritamente á compensación do convenio, 14 daríanse en concepto de axuda á promoción do sector pesqueiro marroquí e os 10 restantes satisfaríanos os armadores como pagamento polas licenzas. As capturas efectuaríanse, en forma limitada e con fórmulas de carácter tradicional, entre o paralelo 30º 40' N, á altura de Agadir, e o 29º N, que coincide aproximadamente coa desembocadura do río Draa, e, a partir de aquí cara ao Sur, sen límites expresos, en base a un meirande volume de capturas e de forma moito máis industrializada.

A votación efectuada en Estrasburgo saldouse con 310 votos favorables ao acordo, maioritariamente dende as filas do Partido Popular Europeo e do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas, 204 en contra, procedentes da Alianza dos Liberais e Demócratas por Europa, os Verdes e Alianza Libre Europea, a Esquerda Unitaria Europea e a Esquerda Verde Nórdica e dun número significativo de disidentes da posición maioritaria entre os socialistas, e 49 abstencións.

Ata aquí a estrita descrición dos datos e as cifras que ilustran a concisa noticia dun máis entre os moitos acordos intranscendentes que a orientación de de xestión europea obriga a asinar cada día e de aparente escaso contido político e económico.

Pero sempre a realidade é moito máis complexa que as sínteses e resumos nos que nós nos empeñamos en encerrala e no seu discorrer afecta e condiciona asuntos de moi variadas ordes e ata a vida de comunidades enteiras, que se ven afectadas polas irresponsables decisións dos lexisladores (a causa da evidente falta de consecuencias que se segue á comisión de toda unha serie de actos de máis que dubidosa legalidade e notoria carencia de toda xustiza). E unha vez máis, e xa vai sendo unha noxenta repetición cotiá, os nosos parlamentarios desconsideraron a dignidade de todo un pobo e, aínda máis, pretenderon condicionar decisións e acontecementos que nada teñen que ver coa actividade pesqueira propiamente dita, violando os dereitos e contribuíndo a vulnerar a liberdade e aínda a mera protección persoal da poboación saharauí. E, recalco, de toda a poboación saharauí en xeral e ata dos habitantes do Sahara Occidental no seu conxunto.

Porque aínda que no texto do protocolo non se mencione nin unha soa vez o nome de Sahara Occidental ese é o punto clave para a interpretación acerca do valor e as consecuencias de semellante acordo.

En primeiro termo, porque a buscada imprecisión xeográfica fai das augas xurisdicionais , situadas a partir dos 27º 40’ latitude N, dese territorio, considerado como non autónomo e pendente de descolonización por parte das Nacións Unidas, o punto neurálxico para a execución dese acordo con Marrocos. O que supón, de facto, o recoñecemento tácito duns dereitos administrativos sobre ese país que a legalidade internacional nega tallante e reiteradamente. Nin Marrocos é a potencia administradora dese territorio non autónomo, papel que lle corresponde lexitimamente a España aínda cando mire para outro lado, nin a súa ocupación militar deste foi aceptada pola comunidade internacional que a rexeita dende o ano 1975 por moita invocación que os marroquís fagan acerca de "as súas provincias do Sur". E a Unión Europea permítese ignorar o dereito e toda recomendación nese sentido para facer ao Reino de Marrocos responsable de velar polos bens e os intereses da poboación saharauí.

Unha actitude irrespectuosa e de todo punto escorregadiza se, á vez, temos en conta o brutal control que o estado marroquí, a través dos militares e policías que constitúen as forzas de ocupación, exerce sobre o conxunto dos homes e mulleres que integran a poboación orixinaria do Sahara e, en particular, sobre quen defenden política e pacificamente o seu dereito á autodeterminación e a independencia ou, simplemente, néganse a aceptar o dominio marroquí de feito como unha autoridade exercida de dereito. Os presos políticos encarcerados polo sistema penitenciario marroquí e as brutais e desproporcionadas condenas que aínda pesan sobre o colectivo de presos xulgados sen ningunha garantía na farsa representada ante a xurisdición militar que constituíu o suposto "xuízo" polos acontecementos acaecidos en torno á destrución do campamento de Gdeim Izik foron desprezados e insultados por unha boa parte dos eurodeputados, cuxos nomes quedaron xa asociados á memoria das inxustizas cometidas contra os e as saharauís. E faise necesario o recordar aquí que a Resolución 1803 (XVII) da Asemblea Xeral da ONU estableceu o principio de "soberanía permanente sobre os recursos naturais" que implica o dereito inalienable dos pobos a facer uso dos recursos materiais dos seus territorios e a dispoñer deles en beneficio do desenvolvemento e do benestar comúns.

Con todo, esa irresponsabilidade non se reparte por igual en todos os sentidos e sobre iso cabe tamén facer algunha reflexión importante. España, país integrante do chamado grupo de "Amigos do Sahara Occidental" nas Nacións Unidas, na súa condición de antiga potencia colonial deste, e cuxa actitude de neutralidade activa e respecto ás actuacións da ONU se veu reiterando como doutrina da diplomacia do estado en relación con este contencioso, se espiu de todos os seus disfraces e constituíu un notorio e eficaz apoio para este basto plácet á ilegalidade marroquí. Unha axuda que xa anunciaba a última visita do Rei de España a Marrocos e que se encargou de executar o goberno popular, coa entusiasta complicidade do Partido Socialista, e que se concretou nas constantes presións dirixidas cara aos eurodeputados españois e doutros países dunhas autoridades que chegaron a confundirse co lobby promarroquí; e nas accións desenvolvidas por Carmen Fraga, dende a Presidencia da Comisión de Pesca, e boa parte dos deputados españois integrados nesta. E é falso que iso se faga en nome dos intereses do Estado pois eses intereses non se teñen explicitado en absoluto nin se chegarán a verbalizar pois son só intereses de grupos económicos definidos; nin tan sequera que se faga, de forma miserable e pedichona, en beneficio dos pescadores andaluces ou galegos xa que o maior beneficio, por outra parte lexitimamente escaso aínda que meirande á marxe da legalidade, é para os armadores e propietarios da frota.

E en maior medida cando no propio protocolo se inclúe unha condición expresa para a súa firma na que se establece a necesidade de axustarse ao artigo 2 de o devandito acordo “relativo ao respecto dos principios democráticos e dos dereitos fundamentais do home". Unha condición imposible de cumprir por un réxime político como o marroquí.

O único certo é que non se pretendeu nin tan sequera consultar aos saharauís, ou aos seus lexítimos representantes políticos, en relación con este acordo nin se estableceu neste ningunha fórmula de compensación ou beneficio destinado aos directos posibles beneficiarios dos recursos do Sahara, tanto no plano económico coma no político. E iso foi así porque a vontade dos negociadores de ambas as dúas partes era a de incumprir as recomendacións que a propia Unión Europea estableceu, mediante acordo parlamentario, en decembro de 2011, no que se decidía a non renovación do acordo anterior polo que supoñía de vulneración do dereito internacional, pola especial condición do Sahara Occidental como territorio non autónomo e pola continuada transgresión dos dereitos humanos por parte do estado marroquí. Tres precondicións negativas que seguen estando vixentes dous anos despois para escarnio da desvergonza dos nosos representantes políticos.