UNHA LECTURA DAS ELECCIÓNS PORTUGUESAS

UNHA LECTURA DAS ELECCIÓNS PORTUGUESAS

Portugal vén de celebrar eleccións lexislativas anticipadas nun marco condicionado pola intervención da súa economía pola xa coñecida popularmente como troika (Fondo Monetario internacional, Banco Central Europeo e Unión Europa) co apoio dos tres partidos principais do país, o socialdemócrata PS, o conservador PSD e o dereitista CDS/PP; intervención que ademais de supor unha agresión á soberanía nacional do pobo portugués conlevará o desmantelamento da capacidade produtiva do país, a desaparición do sector público industrial e bancario e a eliminación de dereitos sociais e laborais básicos. Ademais as medidas que se van aplicar lonxe de mellorar a situación económica global do país aumentarán a dependencia externa e os niveis de pobreza dun país que conta cunha das estruturas de clases máis polarizadas da Europa da zona euro coa existencia dunha minoría enriquecida e detentadora de todos os beneficios cada vez máis reducida en número e unha inmensa maioría social nunha situación cada vez máis difícil debido ás dificultades económicas, aos baixos salarios e a un alto nivel de desprotección social que pode provocar en calquera momento episodios violentos froito da desesperación.

Nos resultados electorais, ademais do triunfo dos dous partidos de dereita clásica que en conxunto pasan de 99 a 129 deputados e da forte caída do gobernante PS que perde 23 representantes na Assembleia da República (230 membros), destaca o feito de que nun país en crise e intervido no que a conflitividade social no último ano e medio non deixou de ir en aumento máis do 40% da poboación non exerceu o dereito ao voto, aumentando nun punto os abstencionistas ao respecto das eleccións celebradas en setembro de 2009.

O apoio de máis do 78% dos votantes aos tres partidos que apoian a intervención externa e os recortes sociais conseguintes dá a entender que a poboación portuguesa non albisca alternativa e asume con resignación as medidas da troika, sendo a súa única actuación dar un voto de castigo ao goberno responsábel de negociar eses recortes enviándoo á oposición para con ese mesmo voto situar no Palacio de São Bento ao outro partido que constitúe o núcleo do sistema de alternancia e que ao longo da campaña electoral o único que prometeu foi aplicar os recortes.

Nas últimas semanas lecturas simplistas e voluntaristas da situación falaban da posibilidade dunha masiva contestación nas urnas na liña da intensa mobilización social dirixida fundamentalmente polo movemento sindical unitario; pero á hora da verdade os que defendían na Assembleia políticas alternativas non deron recollido esa contestación. A CDU conformada polos comunistas e os seus aliados ecoloxistas consigue manter posicións con 16 deputados e un 7,94% (aumenta un deputado e case medio punto) pero o Bloco de Esquerda é o outro gran derrotado destes comicios reducindo á metade a súa bancada que queda en 8 deputados ao perder 4,6 puntos e ficar nun 5,19%.

Os resultados de Portugal deben levarnos a reflexionar sobre varios aspectos:

- A falla de translación directa en apoio nas urnas ás opcións que defenden nos parlamentos e noutras institucións as medidas que se reclaman na rúa e a necesidade de mecanismos de politización das protestas.
- O medo a perder o que se ten, aínda que sexa pouco, que leva a importantes sectores da sociedade a caer na esquizofrenia de esixir cambios mentres apoian co seu voto aos responsábeis da actual crise e da perda de dereitos.
- A urxencia de abrir un debate serio e responsábel sobre a conveniencia de saírse do euro como garantía de poder adoptar políticas económicas e monetarias que permitan unha saída propia e progresista á crise.
- A volatilidade das políticas baseadas na preminencia da presenza mediática e do labor institucional.
- A necesidade de crear organizacións políticas sólidas con militancia e introdución social como única garantía para resistir os embates de momentos de regresión ideolóxica e crise económica e social e para avanzar con paso seguro cando sexa posíbel.