Un Israel só para os xudeus: a lei que estabelece oficialmente o apartheid

Un Israel só para os xudeus: a lei que estabelece oficialmente o apartheid


O pasado 19 de xullo foi aprobada en Israel unha nova lei con 62 votos a favor e 55 en contra, coñecida como “Lei do Estado-Nación”, que define Israel como un estado-nación xudeu, identificándoo cunha identidade étnico-relixiosa xudía. Xa que Israel carece dunha Constitución, esta pasa a integrarse nas chamadas “leis básicas” que exercen como tal non só no territorio oficialmente recoñecido, senón nos territorios árabes ocupados ilegalmente. Esta lei de claro carácter sionista supón serias implicacións: en primeiro lugar, que ao ser Israel o estado dos xudeus, os árabes (palestinos) pasan a ser oficialmente recoñecidos como cidadáns de segunda, aínda representando o 20% da poboación (moitos deles palestinos que non marcharon como refuxiados no 48), ademais de outras minorías como cristiáns, drusos e beduinos. En segundo lugar, a lingua árabe deixa de ser unha lingua oficial para pasar a ter só un “status especial”, quedando o hebreo como “lingua nacional”. En terceiro lugar, só os xudeus teñen recoñecido o dereito de autodeterminación nesta lei, non así os árabes. En cuarto lugar, a lei promove explicitamente o colonialismo de asentamentos (settler-colonialism), defendendo o asentamento de familias xudías en territorios ocupados e usurpados aos palestinos. E en quinto lugar, recoñece unha “Xerusalén unida” como capital de Israel, decisión que contradí os acordos internacionais e que está en concordancia coa política actual de EEUU neste aspecto. Despois de coñecerse este documento, arredor de 50 000 persoas se manifestaron en Tel Aviv para mostrar o seu rexeitamento a esta lei, que foi definida pola oposición árabe como a “morte da democracia”.

Esta lei, que segundo voces da oposición puido ter saído agora e non noutro momento como baza política nunha posíbel contenda electoral (gañando o apoio dos sectores máis ultras da dereita sionista), supón un punto de inflexión na política de ocupación do estado de Israel contra Palestina e os palestinos. Tras anos de forte propaganda mediática e da procura dunha imaxe “progresista” de Israel no mundo occidental, finalmente o sionismo quita a súa carauta publicamente e móstrase sen complexos como o que é: un movemento colonialista, que promove o apartheid contra as minorías árabes e establece unha supremacía étnica do autodenominado povo xudeu, consagrando unha política que xa era a realidade diaria dunha gran parte da poboación. O movemento sionista atópase impune á hora de proseguir co seu agresivo avance, asfixiando cada vez máis ao povo palestino, e é lóxico supoñer que isto non rematará aquí: un dos deputados sionistas chegou a afirmar que esta lei “deixa claro que [os árabes] non estiveron aquí antes que nós e tampouco permanecerán aquí despois de nós”, deixando a porta aberta á expulsión de minorías do país.

Como podemos observar, esta lei responde ao discurso colonial do opresor: todo o territorio que se atope dentro das nosas fronteiras perténcenos, independentemente de que tales terras fosen a patria orixinaria de outras nacións sen estado. Os palestinos non teñen dereito a vivir como palestinos no territorio reclamado por Israel, sendo como máximo tolerados como israelís de segunda categoría, como meros inquilinos aceptados sempre que acepten a súa inferioridade nacional, lingüística e identitaria. Xa que logo, o povo xudeu é o suxeito político de pleno dereito, mentres que os árabes son o “outro”. Este discurso repítese con distintos niveis de intensidade e violencia por todo o mundo, dende outros casos de povos ocupados militarmente como o saharauí (por Marrocos), comunidades nativas historicamente reprimidas e negadas pola colonización europea (caso das nacións orixinarias en América do sur e do norte, ou dos aborixes en Australia) ou, noutra magnitude distinta, as nacións sen estado que loitan pola súa soberanía política. Son distintos contextos, distintas condicións materiais e distintos tipos de loita, mais todos teñen en común a mesma idea: que somos estranxeiros na nosa terra, que esta non nos pertence e só nos permiten vivir nela mentres aceptemos as normas.

Como comunistas e nacionalistas, e por tanto antiimperialistas e internacionalistas, non podemos facer menos que apoiar a loita do povo palestino pola súa liberación e a do resto de povos do mundo, condición indispensábel para crear unha nova realidade onde as nacións poidan ter relacións fraternais en pé de igualdade, e non mediante a dominación, sumisión e asimilación. É a nosa obriga, por tanto, apoiar a loita pola autodeterminación palestina, apoiando tamén o boicote contra o estado sionista e colonialista de Israel a todos os niveis. Palestina vencerá!