Un esperpéntico carnaval de mascaritas no deserto sahariano
O pensador francés Guy Debord, hai xa mais de coarenta anos, pretendía analizala inminente transformación da sociedade capitalista e a súa economía mercantilizada a partir dun proceso alienante desencadeado pola apoteose do espectáculo. Unha nova forma de poder, suplementaria e devastadora que, proxectada e potenciada a través dos medios de comunicación e sustentada nunha información que se confunde coa propaganda e a publicidade, pola súa envoltura desenfadada e sedutoramente atraínte, conseguise desorientar e bloquear á cidadanía contemporánea anulando a súa vontade de defender aquilo que considera lexítimo e ata os seus dereitos básicos ou a mesma liberdade. Unha mercadoría envolvente que, convertida nun servizo público imprescindible, diverso e imparcial, se converte en esencialmente democrático pois se ofrece e dirixe á atención de todos e todas; e que tería a virtude de transmutar o aparente en real e fai do necesario un factor de risco, banalizando as certidumes da nosa experiencia vital transformada en proxección virtual e caseque cinematográfico das nosas apetencias por ser e non en base ao que de certo somos.
Esa versión mutante do mercado actuaría non sobre a mercancía material e a nosa condición de consumidores senón a partir do noso papel como usuarios e en base a unha información presentada como ben útil e beneficioso anulando e deturpando as nosas capacidades perceptivas e intelectivas. Dun principio formulado como "a verdade vos fará libres" a un enganoso "a información vos fará conscientes" que non precisa as características nin as cualidades da tal información. Sinalaba Debord que o consumo inmoderado e caseque bestial deses praceres mediáticos levaría a unha política teatral, a unha xustiza-espectáculo e ata a unha sanidade representada non sei ben si en clave de traxedia ou como comedia. E ao escribilo teño en mente o espectáculo bufo e chocarreiro dos impagos por parte das institucións públicas dos gastos sanitarios aos puntos de venta de produtos farmacéuticos ou os degradantes contratos por servizos cos que se recompensa a entrega e competencia profesional de moitos xóvenes profesionais da saúde.
Un algo desto coido debe de ter aboiado na presente conxuntura como para entorpecer a miña conciencia inquisitiva e a miña capacidade de análise e ter pasado por alto o sinistro esperpento que se ten desenvolvido no deserto arxelino a partir do brutal secuestro dos cooperantes Ainhoa Fernández, Enric Gonyalons e Rossella Urru cando traballaban na atención solidaria das necesidades da poboación saharaui refuxiada nas cercanías de Tinduf. Unha acción absurda e interesada, a un tempo, que conseguise aumentar o número de mercancías coas que traficar no mercado, neste caso super, do crime e da extorsión e que, nalgunhas versións, fai das vítimas culpables da propia irresponsabilidade e é que, xa se sabe, os ciclistas nas carreteiras van coma tolos atentando contra a seguridade dos automovilistas. A transformación da xenerosidade solidaria de ben útil en mercancía de acreditado beneficio ofrecida ao mellor postor nunha nova edición, correxida e mellorada, do tráfico de persoas.
Co paso dos días, o que nun primeiro momento parecía unha arriscada operación de comando protagonizada por un grupo armado integrado por terroristas islamistas radicais se vai trocando nunha chapuceira operación comercial protagonizada por contrabandistas e traficantes de drogas convertidos en mercenarios e intermediarios ao servizo de intereses pouco claros a favor de especuladores con vocación de anonimato.
As noticias nada contrastadas indican, nos primeiros momentos, que os captores e os seus reféns son seguidos por unidades militares arxelinas e da Fronte Polisario que provocan a captura e destrución dalgúns dos vehículos que teñen participado na operación e, con posterioridade, a morte de catro participantes na acción. Sen confirmación.
Mais tarde se fala de dous detidos de orixe saharaui polas forzas de seguridade mauritanas a quenes se identifica como autores materiais do secuestro e se insinúa a existencia dunha célula terrorista nos mesmos campamentos de refuxiados. Sen confirmación.
A un tempo, se abona a idea de que a autoría do secuestro compre atribuíla a integrantes de Al Qaeda do Magreb Islámico (AQMI) sen que exista unha ratificación da mesma por esa organización.
Días máis tarde a Fronte Polisaria difunde a información de que soldados do seu Exército de Liberación teñen atacado a un clan de traficantes acabando por reducir aos seus integrantes e matando ao seu cabecilla. Dalgún modo se indica a existencia dunha relación entre este grupo e o secuestro dos cooperantes.
Con sorprendente rapidez, despois do anguriante silencio das semanas anteriores, se producen dúas declaracións contraditorias e unha información explicativa. Na primeira, AQMI se desmarca totalmente da operación e especifica a lista das persoas que seguen a estar no seu poder. Un comunicado inmediatamente posterior reivindica a autoría do secuestro por parte dunha organización totalmente descoñecida que se autodenomina Jamat Tawhid Wal Jihad fi Garbi Ifriqya quen, a través dun comunicado entregado en Bamako (Mali) á delegación dunha axencia francesa de noticias, se adxudica a acción e proporciona probas da retención dos tres cooperantes. Todo elo a partir dun texto desprovisto de toda retórica ou adorno e propio dunha escrita minimalista.
Manifestacións que se completan na medida en que se da a coñecer a existencia duna escisión producida en Al Qaeda coa vontade declarada de trasladar a yihad non só ao conxunto do Magreb islámico senón a África Central e Occidental ampliando considerablemente a área dos posibles atentados. Unha estratexia nada coherente que divide forzas para ampliar considerablemente o hipotético teatro de operacións.
Esa confirmación aparece claramente desmentida cando autoridades saharauis falan de que a intervención militar anterior é continuada por unha serie de detencións que afectan tanto aos posibles apoios operativos como aos participantes na acción e ata identifican á persoa morta nos enfrontamentos como o indutor do ataque. As mesmas fontes sitúan o lugar no que están retidos os tres secuestrados e fala da intención deste grupo de transferir a súa mercancía a AQMI sin ter posibilidade de facelo efectivo polo que a capacidade de negociación e acceso ao mercado se atopa en serias dificultades.
De ser certa esta información, a única que procede de fonte oficial e acreditada, a evidencia dunha escisión en AQMI da que non se coñecían datos pero na que deseguida se identifican hasta aos seus responsables e líderes se ve, cando menos, cuestionada e se impoñen outros novos interrogantes. Se a información se ratifica e confirma... ¿quen difunde ese comunicado e crea esas siglas?... e, sobor de todo, ¿por qué o fai?... ¿con que intencións?...
Máis parecera que as operacións da Fronte Polisaria e o desmentido de AQMI tivera dado lugar a unha manobra de desorientación que agachase aínda mais os posibles intereses que están detrás deste secuestro se non se confirma a acción como unha actuación do terrorismo islámico. Os propios saharauis apuntan a Marrocos e costa pensar que un Estado moderno, democrático e aperturista (segundo os calificativos de diversas autoridades europeas) caiga no erro de manipular a realidade e convertela en espectáculo. Todo elo a costa do sufrimento e da inseguridade para os secuestrados e as súas familias a quenes non esquecemos nen deixamos de apoiar moralmente. Sería indigno que así fose e alguén tería que facerse responsable desa chapuza.
Xa vedes... eu quería facerme eco neste artigo das mareas que moven as diferentes correntes dentro do nacionalismo galego nestes días e, pensando en escribir sobre xeografía, acabei facendo de política. Pero non poden substraerme a sentir como miñas as palabras dun militante saharaui nestes días: "Ya no me voy a volver joven, ni voy a recuperar mi sueño. Así que voy a seguir en la lucha. A ver si otras generaciones pueden evitarlo, porque yo ya no tengo mucho más que perder".