Un espectro percorre Europa: o espectro do anti-comunismo!

Un espectro percorre Europa: o espectro do anti-comunismo!

Desde moi nov@s, a escola ao servizo da clase dominante procura inculcar unha idea negativa do comunismo, sinónimo sempre de ‘totalitarismo’ –como se a ‘democracia’ burguesa non fose unha ditadura para o povo traballador–, equiparando de xeito maquiavélico comunismo e nazismo, Stalin e Hitler. Esquécese, asemade, de lembrar que os EUA e os seus aliados loitaron no mesmo bando que a URSS e pásase por alto o papel fundamental que desempeñou a Unión Soviética na derrota no nazismo na frente do leste, onde deixaron a vida máis de 10 millóns de soldados do Exército Vermello.

Casualmente, tamén non se menciona nos libros de historia que non foron nen os rusos nen os chineses quen deron acubillo a 1,500 cientistas e enxeñeiros da Alemaña nazi, entre eles membros do Partido Nacional Socialista como o Sturmbannführer da SS Wernher von Braun, que traballou para a NASA. Nen figuran nas súas páxinas os comunistas alemáns, portador@s do triángulo vermello, que foron as primeiras vítimas do campo de concentración nazi de Dachau. Habería que preguntarse quen é o verdadeiro inimigo e quen o verdugo. Eu teño moi claro quen son os meus herois e as miñas heroínas; de que lado estou.

Curiosamente, os libros de historia tamén non fan moito fincapé en que a Unión Británica de Fascistas chegou a contar con 50,000 camisas negras nas súas filas entre 1932 e 1940 e que o Partido Nazi (Bund) estadounidense xuntou 22,000 persoas nun mitin en 1939. Nada disto importa. Que non nos digan logo que os aliados loitaron por razóns ideolóxicas, mais do que por razóns xeo-estratéxicas claramente imperialistas.

E é que a hipocrisía dos paladinos do capitalismo non ten limites no seu afán de manter o seu dominio e protexer os seus intereses de clase, pois, ao mesmo tempo que denuncian os reximes ‘totalitarios’ e ‘ditaduras’ socialistas no nome da liberdade, nen se inmutan cando o Ku Klux Klan, que linchaba negros até 1981, pasea impunemente polas rúas dos E$tados Unidos da AmeriKKA. Ao mesmo tempo que berran ‘liberdade’, perseguen e criminalizan persoas polas súas (supostas en moitos casos) conviccións políticas, tanto internamente coa caza de bruxas do marcartismo, como no exterior, onde non dubidan en patrocinar o Instituto do Hemisferio Occidental para a Cooperación en Seguridade (‘Escola das Américas’), ou mesmo arrasar países inteiros como o Vietname, sementando terror e morte a golpe de napalm, e levando a cabo masacres de civís sospeitos@s de seren comunistas na Corea na súa loita contra o avance do ‘perigo vermello’. Os masacres anti-comunistas cometidos na Indonesia, a ‘purga vermella’ no Xapón, a Operación Condor en varios países da América do Sul, sempre co visto e prace dos EUA... E nunca esquezamos que aquí tamén os fascistas mataron Moncho Reboiras a tiros polos ideais comunistas e patrióticos que defendía.

Eis o historia negra do imperialismo que aínda falta por escreber e que non figura nos manuais escolares.

E encanto o sinistro dúo Ánsar-González, lucindo os seus cargos (?!) de ex-presidentes, se poñen de acordo para condenar Venezuela, en Madriz se aproba a Lei mordaza: Será que a liberdade de expresión só lles vale cando se expresa o que eles queren.

E encanto se escandalizan alporizados ante a iconoclastia do denominado Estado Islámico e dos Talibán no nome da relixión islámica (como se o cristianismo nunca tal fixera...), os ‘demócratas’ do mundo ‘civilizado’ son os primeiros en aplaudir ao se derrubaren estatuas de Lenine, aínda cando hai promotores neonazistas detrás. Claro, hai unha diferenza fundamental: a relixión promete a libertación e o paraíso no outro mundo, e o socialismo (o verdadeiro, non o do P‘SO’E e outros usurpadores do nome) promete construílo neste.

,Quérennos facer crer que o comunismo é cousa do pasado. Mais se así é, non se explica por que se empeñan tanto en combatelo aínda hoxe. E se tanto o odian tantas forzas reaccionarias, será que o comunismo segue a ter algo de bo, situado nos antípodas ideolóxicos das forzas da reacción. Eles sábeno moi ben: o comunismo nunca deixou de loitar para derrubar esta prisión.

O anti-comunismo, desde logo, non é cousa do pasado. Xa en 2006 a Resolución 1481 da Asemblea Parlamentar do Consello da Europa abeirouse na mentira do ‘totalitarismo igual dos dous bandos’ para “condenar enerxicamente os crimes dos reximes comunistas e totalitarios”. Apesar da historia, nunca cansan de fomentar a idea de que o comunismo e o fascismo son o mesmo. O mesmo político sueco que promoveu esta resolución tamén promoveu a Declaración de Praga sobre Consciencia Europea e Comunismo de 2008. Na Letonia, é vedado a toda persoa que militase no Partido Comunista despois de 1991 concorrer como candidat@ às eleccións do país, como no caso da eurodeputada e co-presidenta da Unión Rusa da Letonia, Tatjana Ždanoka. Os símbolos comunistas xa foron prohibidos por lei na Hungría (revogado en 2013), a Polonia, a Lituania, a Letonia, a Xeorxia e a Moldavia (revogado en 2013). Tamén o tentaron na República Checa e na Estonia. Como sempre, en todos os casos sen excepción, a prohibición escudouse no manido e falaz argumento que equipara o comunismo co nazismo.

E agora tamén na Ucraína, co visto e prace da Unión Europa. E malia se condenar en teoría o nazismo tamén, ao mesmo tempo se aprobou unha outra lei que honra como resistentes que loitaron pola liberdade e a independencia nacional membros de grupos de extrema-direita como a Organización dos Nacionalistas Ucraínos e o seu brazo paramilitar, o Exército Insurxente Ucraíno, que participou na limpeza étnica da povoación polaca da Galicia.

Ao tempo que os lacaios reaccionarios que defenden o American way of life, que non é outra cousa que capitalismo e imperialismo, seguen ocultando e manipulando a verdadeira historia da humanidade, sementado medo e morte na persecución implacábel de quen ousa erguer a voz na súa contra, a estrela vermella seguirá a ilusionar os escravos da terra coa promesa dun novo día e a esperanza de os povos asoballados do mundo se ceibaren do xugo da explotación que saquea o seus recursos naturais e humanos, chuchando o sangue do povo traballador.

O inimigo non se vai deixar derrotar facilmente e o camiño non vai ser fácil. Mais, como as heroicas lexións que seguiron o Grande Timoneiro na Grande Marcha, a nosa visión dun mundo mellor onde reinan a paz, a igualdade, a xustiza e a amizade entre os povos guiaranos e daranos a forza de persistirmos inexorabelmente, desde o primeiro paso até a vitoria total.

Xa van vinte anos desde que entrei a militar con moita honra e moito orgullo na Unión do Povo Galego, partido patriótico e comunista que loita pola emancipación social da Patria e que este ano celebra os seu quincuaxésimo aniversario. E alzaremos durante cincuenta anos máis e os que fixeren falta a bandeira estrelada da libertación nacional e popular.

Viva Galiza ceibe e popular!
Viva a amizade entre os povos!
Até a vitoria sempre!


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.