Un artigo de prensa provoca a destitución do xefe militar dos EUA en Afganistán

Un artigo de prensa provoca a destitución do xefe militar dos EUA en Afganistán

Unha ollada ao Google News confirma que xa se informou en decenas de milleiros de artigos e comentarios do despedimento por parte do Presidente Obama do Xeneral Stanley McChrystal, substituído no cargo polo Xeneral David Petraeus. Destapar así o grao de consternación e desánimo que existe dentro da dirección militar e civil do imperialismo dos EUA abre as portas para intensificar os esforzos encamiñados a obrigar Washington e os seus aliados a se retiraren de Afganistán e pór fin así á guerra e a ocupación ilegal do país por parte dos EUA e da OTAN.

O auxe de novas acerca da guerra en Afganistán suscitou un novo interese na cuestión, e aínda estando de plena actualidade o derramo de petróleo por parte de BP e a incapacidade da economía capitalista para crear emprego, durante algúns días estes asuntos tiveron que competir na prensa co tema da guerra. O imperialismo dos EUA afróntase a un problema fundamental en Afganistán, nomeadamente o feito de a súa táctica actual ter fracasado por completo. Á administración Obama non lle quedan máis que dúas opcións: recoñecer a súa derrota e retirarse de Afganistán; ou ben redobrar a intervención norteamericana, impondo un sacrificio aínda maior para a cidadanía dos EUA e inflixindo á poboación afgá máis sufrimento. É xa hora de escribir, de falar e de actuar cada vez máis encontra desta ocupación inxusta e colonial.

Relátanse a continuación brevemente os acontecementos que levaron á bomba mediática da última semana de xuño.

Este mesmo ano, o Xeneral McChrystal, xunto co seu secretario de prensa e un grupo de axudantes suboficiais permitiron que o xornalista independente crítico coa guerra, Michael Hastings, os acompañase nunha cea interna en París mentres esperaban o seu voo, demorado por culpa da irrupción do volcán islandés.

Durante a cea, os suboficiais fixeron algúns comentarios despectivos ao falaren do Embaixador dos EUA en Afganistán, Eikenberry (el mesmo un antigo Tenente-xeneral), así como do Vicepresidente, Joe Biden, e do Enviado especial para Afganistán e Paquistán, Richard Holbrooke, e chamaron 'pallaso' ao Conselleiro de Seguranza Nacional e antigo Xeneral de exército, James Jones. O Xeneral McChrystal tamén dixo que o Presidente Obama se sentira incómodo nunha reunión celebrada na primavera.

O equipo que rodeaba o Xeneral McChrystal tamén fixo comentarios que indicaban que a estratexia de 'contrainsurxencia' pola que avogan os Xenerais McChrystal e Petraeus non se está a mostrar eficaz na ocupación de Afganistán. O propio McChrystal dixo que a reocupación de Marjah era unha "úlcera sangrante", unha rexión cuxa reconquista se supuña que ía marcar un punto de inflexión na guerra en contra dos talibán o pasado verán. En todos os comunicados de prensa do Pentágono recalcábase a importancia da toma de Marjah, que desde aquela xa volveu caer nas mans da resistencia.

Un dos asesores principais de McChrystal engadiu: "Se os americanos [sic.] mirasen con calma e comezasen a prestar maior atención a esta guerra, tornaríase aínda menos popular". Este comentario marcado polo desánimo destacou o feito de que, na realidade, a poboación dos EUA non apoia a guerra en Afganistán e de se lle chegar a pedir máis sacrificios, o máis probábel sería que se opuxese.

A pesar dunhas frases introdutorias que fixeron que se espallase moi rapidamente pola rede, o artigo consistía en liñas xerais nun traballo esmerado e ben documentado que repasaba as dificultades que entraña a postura dos EUA en Afganistán, mais sen chegar a cuestionar os motivos da ocupación por parte de Washington, nin a actitude agresiva que mantén o Pentágono no mundo.

O xornalista rematou dicindo: "Sexa cal for o enfoque do novo plan [para Kandahar], a demora apunta claramente ás eivas básicas da contrainsurxencia. Após nove anos de guerra, os talibán seguen demasiado atrincheirados para que as forzas militares dos EUA poidan atacalos directamente. A mesma xente que a estratexia de contrainsurxencia pretende gañar para a súa causa -o pobo afgán- non quere que fiquemos alí.".

Desmoralización dos asasinos profesionais

O artigo de Hastings admira o labor de McChrystal, sobre todo a súa capacidade de traballo e disciplina, dicindo que: "McChrystal e os seus homes son os que realmente mandan en todos os aspectos da guerra.". Mais esta descrición da banda do Xeneral contrasta con estoutra: "O equipo do Xeneral consiste nun fato de asasinos, espías, xenios, patriotas, operadores políticos seleccionados a dedo e psicópatas sen paliativos. Hai un ex-dirixente do mando das operacións especiais do Reino Unido, dous membros das operacións especiais da armada (SEAL), un comando de operacións especiais de Afganistán, un avogado, dous pilotos de combate, e polo menos unha vintena de combatentes veteranos e expertos en materia de contrainsurxencia. Falan deles mesmos medio en broma como o 'Equipo América'..." Iso xa se parece máis ao McChrystal que se coñece polo seu historial en Iraq onde traballou baixo o mando de Petraeus, encargado de pór en práctica a política de 'contrainsurxencia' durante o reforzo das tropas en 2007.

O artigo apareceu na rede o 21 de xuño e todos os medios de comunicación xa falaban del, antes mesmo de que se chegase a publicar en formato papel, xerando así un enorme conflito co goberno. Unhas 36 horas despois de o artigo se facer público, Obama aceptou a dimisión de McChrystal. Sen pedir desculpas, nin ofrecer ningunha explicación, McChrystal parecía case aliviado ao ser destituído do seu mando, marcada a súa dimisión repentina pola mesma actitude de desánimo que caracterizou a cea do 'Equipo América'. Estaban a perder a guerra coas forzas das que dispuñan e pensaban que o goberno refusaría asignarlles máis tropas e máis tempo como eles querían.

Non sería de estrañar que o Xeneral preferise marchar antes de ser culpado de perder a guerra, fronte ás discrepancias internas que dividían os oficiais estadounidenses que a dirixían, a ofensiva case fallada que se anunciara para Kandahar, o anuncio por parte dos Países Baixos e Polonia de que seguirían adiante coa retirada das súas tropas, a oposición cada vez maior á guerra en Alemaña e no Reino Unido, as baixas cada vez máis numerosas entre as forzas da OTAN e dos EUA, a pouca fiabilidade do Presidente fantoche, Hamid Karzai, e a clara negativa da poboación dos Estados Unidos a intensificar a guerra.

O debate que se deu nos medios de comunicación corporatistas centrouse sobre todo nos conflitos entre as forzas armadas e a poboación civil e nos problemas que atinxían a ocupación de Afganistán e as diferentes estratexias para acadar a vitoria dos EUA. Ningún deles, pola contra, rozaba sequera a verdade fundamental de que a intervención estadounidense en Afganistán non pretende 'erradicar o terrorismo', senón que serve para agrandar o alcance dos intereses xeopolíticos do imperialismo dos EUA.

Se ben nun principio Washington apoiaba grupos como Al-Qaida na súa loita en contra das tropas soviéticas invitadas polo goberno progresista de Afganistán nos anos 80, até permitir que o réxime militar de Paquistán colocase os talibán no poder, máis tarde os EUA invadiron Afganistán en 2001 sob o pretexto da suposta"guerra contra o terrorismo".

Hoxe por hoxe, a guerra xa durou máis tempo que a guerra en contra de Vietnam, con máis de 1.000 baixas nas filas estadounidenses, sen falar das que aínda fican por chegar. Os talibán pasaron de ser un goberno reaccionario e antipopular a se converteren nunha das principais forzas na guerra de resistencia do pobo afgán.

Mentres que se pode describir o 'equipo' do Xeneral McChrystal como unha banda de asasinos a soldo, iso non quer dicir que os seus opositores sexan menos perigosos, pois tanto os oficiais militares como os civís estadounidenses están empeñados en perseguiren os intereses imperialistas dos EUA: o propio Petraeus é un Xeneral de alto rango e foi un dos creadores da estratexia de 'contrainsurxencia' en Iraq; tanto Eikenberry como Jones tamén son antigos xenerais de alto rango; Biden, un oficial civil, foi quen ideou a estratexia de dividir Iraq mediante a creación de milicias étnicas e relixiosas, sementando a miseria para millóns de civís iraquís; e Holbrooke, o 'Tsar de Afganistán-Paquistán', é un oficial de alto rango do Departamento de Estado que participou na Guerra Fría e ideólogo da guerra de agresión da OTAN que esnaquizou Iugoslavia.

Todo indica que Petraeus tamén está comprometido co plan de contrainsurxencia e avoga por seguir adiante coa política estadounidense en Afganistán. No entanto, as súas declaracións máis recentes indican que está disposto a reconsiderar as 'regras de intervención' impostas no seu día por McChrystal. Mais, sen dúbida, estas mudanzas non farían máis do que implicar a morte de civís.

Pór ao descuberto o alto custo que supón a guerra

A maioría destes oficiais civís e militares -por non dicir todos eles- serían susceptíbeis de seren xulgados por crimes de guerra nun mundo onde o poderío militar e económico dos EUA non fose quen decida o que está ben e o que está mal.

Como os gobernos anteriores, a actual presidencia dos EUA está presa da avasaladora maquinaria militar do país no que se refire á política exterior, do mesmo xeito que está presa de Wall Street e da banca no tocante á política económica, e tamén presa das grandes compañías petroleiras nas cuestións ambientais. Na pasada primavera, o Pentágono obrigou o goberno a incrementar a guerra ao filtrar os plans de contrainsurxencia aos medios de comunicación antes de os presentar ao propio Presidente. E o despedimento do Xeneral nada mudará nesta relación de forzas.

Neste clima de recortes orzamentarios sen precedentes nos servizos sociais e nos subsidios de desemprego, resulta máis fácil que a poboación -sobre todo @s traballadore@s, @s oprimido@s e @s moz@s- se decate de que a custosa guerra en Afganistán constitúe un desperdicio e un crime. Así, a confusión que existe na dirección da guerra abre as portas para unha loita de masas que podería inclinar a balanza para pór fin á guerra en Afganistán, mais tamén leva implícito o perigo de o imperialismo estadounidense tentar intensificar a guerra ou mesmo lanzar unha guerra noutro sitio onde estaría nunha situación de superioridade grazas á súa capacidade aérea e ás súas armas estratéxicas. A pregunta que fica por responder é: Como vai reaccionar a poboación dos EUA?

Texto baseado nunha conferencia impartida en Nova Iorque o 2 de xullo co gallo do foro do Workers World Party. (Tradución de Robert Neal Baxter).