Un ano sen primaveras
Os sumos sacerdotes do pensamento postmoderno non cesan de advertirnos sobre a persistente tendencia do universo á inestabilidade e ao caos, nun incesante movemento entrópico xeneroso e dispendioso. E, en virtude diso, da necesidade de que a nosa observación desa perpetua inestabilidade se mova dentro da necesaria ambigüidade e provisionalidade que garanta a fiabilidade das nosas percepcións e interpretacións, tanto ao nivel do material canto no do noso complexo imaxinario colectivo.
Unha proposta que pretendeu enterrar ao pensamento ilustrado a partir dunha reinvención "crítica" que potenciaba unha nova sensibilidade na que a indeterminación substituía a determinación, o xogo das constantes hipóteses á formulación conclusiva dunhas sempre esquemáticas e limitadas teses, a intelixencia das preguntas á provisionalidade das respostas, o desvelo do sentido das cousas á determinación da súa importancia (do nada é insubstancial ao todo ten idéntica significación e valor)… Se nos ten convidado a pensalo todo (para o que a nosa cabeza, a de calquera de nós, homes e mulleres por xunto, ten potencialmente as respostas) ata conseguir que o noso entendemento deixe de abranguelo e, polo mesmo, dificultando a nosa capacidade de comprender un algo do ilimitado no que nos movemos malia as limitacións que somos e temos.
Unha fórmula que asumiu a pretensión de provocar unha ruptura radical coa modernidade e producir un cambio profundo na tradición cultural da sociedade occidental e que, pasados máis de trinta anos dende as súas primeiras formulacións, constituíu máis ben unha altisonante declaración de intencións que un proxecto efectivo cuxos froitos se fagan patentes e evidentes. E non é tanto pola impertinencia das súas críticas canto pola ineficiencia das súas aplicacións.
E é que a teórica cesura se produce máis a partir dun cambio de perspectiva que dunha reformulación epistemolóxica profunda e necesaria; e non parece que ese cambio de perspectiva afonde a nosa capacidade de observación en base a unha constante ampliación panorámica do campo observado. De aí que confundamos a constatación do existente coa dubidosa certeza dos nosos pensamentos, concibamos o social a partir da nosa narcisista afirmación individual e asociemos o porvir á nosa particular supervivencia, facendo do accidental parte daquilo que cualificariamos de substantivo. Un micromodelo que conseguiu avaliar a nosa máxima capacidade de expresión intelixible en 140 carácteres, iso si espasmodicamente reiterados. E cuxo máximo risco potencial se esconde na incapacidade de evidenciar e denunciar as estratexias de grupo que pretenden canalizar no seu favor o beneficio colectivo, tanto ao nivel económico coma ao sociopolítico. Porque, en esencia, a responsabilidade de todo é do caos que nos rodea.
Unha constatación que trasladada á observación climatolóxica conspira contra nós ao transformar o clima condenándonos á desaparición da primavera na incerteza da espera do verán. Por se todas as nosas crises existenciais non fosen suficientemente desastrosas as percepcións ambientais transmítennos a existencia de anormalidades metereolóxicas que a nosa percepción constata de forma efectiva e que anuncia posibles cataclismos nun bo feixe de milenios, algo, que dende os exipcios ata hoxe se vén enunciando de forma insistente. O cal se contradí por unha parte coa tendencia global ao quentamento do planeta e coa valoración estatística que nega a presunta anormalidade da climatoloxía. E é certo que a dinámica do mundo implica o caos, e que os cataclismos naturais se producen máis alá das nosas intencións e ata das nosas previsións, e que a nosa percepción das alteracións atmosféricas nos altera e inquieta; pero de todo iso non se deduce unha interacción efectiva entre todos eses fenómenos a un tempo e, máis aínda, relacionándoos coas nosas dificultades socioeconómicas, nin nada indica que estas teñan a súa orixe na natureza das cousas senón no desatino interesado das persoas. Argumentar semellantes razóns, ou outras de parecido signo, constitúen unha boa forma para diluír e eludir responsabilidades.
Unha deriva naturalista e falaz é a que cualifica de primavera ás revoltas no mundo árabe mentres denomina indignados aos que no resto do mundo se senten manipulados cando non claramente traizoados polos seus sistemas políticos ou os seus xestores económicos. Un curioso xeito de percibir as disfuncións nos estados contemporáneos. Unhas traen a promesa do cambio e outras, pola contra, e porque os nosos analistas así o deciden, son a evidencia do inconformismo radical e inefectivo. As cousas son así ou é deste modo como queremos velas?
E neses diferentes movementos sociais contemporáneos temos tendencia a priorizar os factores endóxenos sobre as influencias esóxenas e a considerar como particulares os diferentes procesos sen valorar interrelacións nin estratexias globais como non sexa en clave conspiradora. E observamos en idéntico plano a Libia e e máis a Túnez, por moito que as consecuencias derivadas de ambos os dous procesos sexan ben distintas. Dá o mesmo que se produza unha contestación popular que se leve a cabo unha loita entre fraccións pola toma do poder; á fin e ao cabo, pobo somos todos... ata os nosos malfadados plutócratas.
De aí que a guerra civil en Sirya se explique basicamente por esa tensión xeneralizada no mundo árabe e se silencien ou se minimicen as intervencións de terceiros países a favor dun ou outro contendente, cuxa lexitimidade se sitúa en idéntico plano. A guerra militar ten o seu correlato nunha guerra mediática de maior calado pois ela é a que crea e condiciona a opinión pública nun ou outro sentido; pero os mortos son sirios e a vitoria depende das forzas combatentes e a súa capacidade armamentística. Importa moito menos a opinión do presidente israelí Simón Peres acerca da continuidade de Bashar el Assad no poder que a axuda que, hipoteticamente, poida prestar Israel ao bando rebelde, aínda que sexa de forma indirecta e secreta.
A perplexidade e a indiferenza con que asumimos calquera despropósito e a sensación de impunidade que iso crea nos que asumen a toma das decisións máis absurdas fixo que pasemos por alto a alianza conxuntural creada nas Nacións Unidas entre Francia e Rusia para opoñerse á solicitude presentada polos Estados Unidos de que a Misión para o Referendo do Sahara Occidental asumise a protección dos dereitos humanos da poboación saharauí, vulnerados ata a saciedade pola práctica impune do dereito de conquista practicado nese territorio por Marrocos. Unha torpe manobra política interesada que contou coa complicidade de España, a responsable máis directa tanto do conflito coma da posible solución deste, por entender que esa salvagarda desequilibraba a balanza entre os implicados e dificultaba? a desexable conclusión do contencioso. Que alguén manexe ese tipo de argumentos sen ruborizarse é unha proba máis das inmensas posibilidades da caótica do mundo postmoderno. Sobran as razóns con tal de que existan os argumentos.
Unha decisión dos chamados países amigos avalada e ratificada polo Consello de Seguridade que contradí a citada solicitude e as valoracións emitidas no informe previo do Secretario Xeral e que, curiosamente, foi acollido polo goberno marroquí (integrante dese mesmo Consello de Seguridade, a pesar de ter un contencioso internacional pendente coas mesmas Nacións Unidas) como unha rotunda vitoria diplomática. E que importa se son os dereitos humanos os que perden? E que se con iso aumenta o sufrido sacrificio da poboación saharauí dos territorios ocupados? Eses valores non cotizan en bolsa e, polo mesmo, non son cuantificables. E, namentres, non cesan as torturas nin as ameazas para a integridade física e a dignidade dos encarcerados.
O que non é obstáculo para que, Marrocos sega premendo os visitantes do territorio e dificultando a toma de contacto coa poboación local coa ameaza de expulsións inmediatas que executa de forma arbitraria e discrecional. E todo elo non impediu que os saharauís festexasen o 40º aniversario da fundación da Fronte Polisaria e a realización da súa primeira acción armada contra o exército colonial español. Unha celebración axustada ás precarias condicións de vida dos campamentos de refuxiados e ás limitacións económicas dun tempo de crise pero que evidencia a capacidade de resistencia e a vontade de loita dun pobo que se resiste a deixar que se secuestre a súa capacidade de decidir sobre si mesmo e o seu futuro.
Esa decidida loita pola súa afirmación política viuse ratificada recentemente a nivel de Galicia coa declaración institucional do Parlamento Galego do pasado 12 de xuño na que, por unanimidade, acordou que se ínste ao Goberno español para que leve a cabo o recoñecemento dun estatuto diplomático para a representación da Fronte Polisaria en España e se promovan todas as accións tendentes á busca dunha resolución do conflito que recoñeza o lexítimo dereito á autodeterminación do pobo saharauí á vez que pide esíxase de Marrocos o escrupuloso respecto dos dereitos humanos no territorio ocupado, a inmediata liberación dos presos políticos e de conciencia e a finalización do espolio dos recursos naturais do país ao tempo que se pide o desmantelamento do muro defensivo que divide as terras do Sahara por máis de dous mil setecentos quilómetros impedindo a libre circulación de persoas e bens tanto pola barreira establecida coma pola sementeira de varios millóns de minas antipersoas. Un documento que invito a reproducir e difundir a partir do seu texto recollido na páxina web do propio Parlamento. E cuxa aparición foi silenciada por toda a prensa libre de Galicia que priorizou as festas de fin de curso e os actos caritativos promovidos por prestixiosas damas da nosa sociedade en detrimento dun acto político de tan escaso valor e transcendencia, aínda que só fóra polo feito de ver o noso Parlamento pronunciarse sobre algo por unanimidade.
Pero, xa se sabe, o mundo, o noso mundo cercano tamén, é un caos en permanente inestabilidade e desgaste enerxético. Algo tan incomprensible e ignoto como estas mesmas reflexións destiladas nun ano sen primaveras pero, iso si, con esperanzas certas e inconmovibles.,Escrito do Colectivo Saharauí de Defensores dos Dereitos Humáns (CODESA) firmado por un dos seus directivos Hmad Hammad
acerca da situación dos presos de Ait Mellul
O silencio é cómplice
Cárcere de Ait Mellul, Marrocos.
O 7 de maio, a folga de fame de El Bourhimi levouno á morte.
El pedía que o trasladasen ao tristemente coñecido Cárcere Negro, preto da súa familia, Nel aaiún, Sahara Occidental ocupado.
Non foi un feito relevante para a prensa española, nin para a televisión, a diferenza da cobertura doutras folgas de fame no estranxeiro. A quen lle importa? Total, un número máis entre tantos saharauís mortos e ignorados.
Si o foi para os demais presos saharauís dese cárcere, máis de vinte entre comúns e políticos. Son presos esquecidos.
Á 1,30 horas desta noite do 15 de xuño, chegoume unha chamada de socorro.
Dende o falecemento de El Bourhimi, as torturas dos presos saharauís son constantes, terribles. O director do cárcere de Ait Melloul, Abdelkader Sofi, non encaixou esa postura de forza e dignidade tan común nos saharauís. A súa vinganza tenos sumidos no terror. Aumentou a frecuencia e a crueldade das torturas. E reclúenos en celas de illamento, de dimensións mínimas.
Todo ese sufrimento é estéril porque non transcende. Ninguén o sabe. Ninguén os pode axudar. Por iso a chamada desta noite era tan dramática. Facede algo! Dicide o que nos está a pasar!
Pedimos a intervención urxente da Comunidade internacional sobre a situación en xeral dos dereitos humanos e o seguimento das condicións en cada un dos cárceres tanto en Marrocos coma no Sahara Occidental ocupado.
É necesario que haxa observación e protección internacional dos dereitos humanos do pobo saharauí. A solución só pode pasar pola autodeterminación.
Madrid, 14 de xuño de 2013.
Hmad Hammad
Anexo: Declaración de Compostela 12 de xuño de 2013