Trump e CÍA


Se estás a ler isto, é que che interesa a política e que tes acceso a internet. Así as cousas, dificilmente chegarías até aquí sen veres algunha que outra fotomontaxe de Donald Trump, pre-candidato a presidente polo Partido Republicano, vestido de nazi ou co capuz branco do Ku Klux Klan. E para o resto dos mortais, tamén están os medios de descomunicación masiva que non paran de nos bombardear con mensaxes apocalípticas sobre este energúmeno da política made in U$A: coidado coa ameaza fascista que aí vén! Como se a ameaza imperialista actual non abondase xa...

O tal señor Trump, empresario e investidor (por non dicer especulador) millonario para alén de político, xa se estreara na pequena pantalla como apresentador do programa do cal tamén era produtor executivo, The Apprentice, que louva os valores do ‘empreendedorismo’ tan querido do PP e onde se fixo famoso humillando @s participantes coa frase lapidaria “Estás despedido!”, non tan disimilar na súa noxenta filosofía do programa español El jefe infiltrado que emite a canle progre guai La Sexta e que se dedica a explotar a desesperación que causa a precariedade laboral. Mais, en todo o caso, este personaxe realmente saltou às noticias con motivo das primarias; deixo aquí a cuestión de se resultaría conveniente converter a política galega en semellante circo mediático asimilábel a un concurso de popularidade...

Mais, por moi odioso que poida resultar ser Trump, non hai que deixarse enganar: non se trata dunha pugna ideolóxica entre dúas liñas opostas representadas polos orneos dos demócratas frente aos bramidos dos republicanos, senón máis ben dunha esmerada posta en escena financiada polos grandes conglomerados multinacionais que lembra inexorabelmente o predicíbel reparto dos shows televisivos americanos, como Bones ou as innumerábeis versións de C.S.I. que recuncan no sempiterno padrón, onde cada actriz e cada actor desempeñan un papel estereotipado: un personaxe ‘racial’ (negro/asiático, etc.), unha muller (preferentemente guapa), un/ha ‘caucásic@’ (tamén guapo, a poder ser con ascendencia católica irlandesa ou italiana), un sabichón (simpático, mais non tan agraciado)...

Por seguir co símil cinematográfico, coido que non estamos tanto ante un remake d’O bo, o feo e o malo, mais d’O ruín, o funesto e o nefasto... Así, no papel do vilán da película está o Trump co seu distintivo topete amarelento que recorda o peiteado da súa sosia ideolóxica, o alcalde de Londres,
">Boris Johnson. Mais, melenas à parte, non cabe a menor dúbida de que se trata dun reaccionario rancio da pior laia. Non existe nengún tema social sobre o cal non teña vertido unha carca opinión ultraconservadora, desde a súa oposición ao aumento do salario mínimo e ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo até defender que a mudanza do clima non é máis que un embuste. E, obviamente, para el ser ‘pro vida’ (isto é, contra o direito das mulleres a disporen libremente do seu corpo) non entra en contradición con defender a pena de morte. Mais a estrela da súa bagaxe demagóxica non é outra que o seu discurso xenófobo, auténtica baza do seu crescente apoio popular: vixilancia das mesquitas, bases de datos de musulmá/ns e unha prohibición temporal da súa entrada no país, aumento do controlo nas fronteiras e deportacións en masa de inmigrantes sen papeis, aínda sendo est@s unha peza chave da economía.

Frente à pavorosa posibilidade de este elemento saír eleito presidente, en comparación calquera opción parece mellor. E disto se trata, xustamente: crear un coco para espantar o eleitorado e a audiencia internacional para preparalos a tragaren mellor unha cara máis benévola do mesmo imperialismo.

Que hai, pois, de verdade, d@s outr@s candidat@s mediatizad@s? Dito sexa de paso tamén que existen moitos máis, mais, como nas pasadas eleccións españolas, os medios xa ditaminaron que partidos poden competir polo título e cais non. Ante todo, cabe recoñecer que determinados colectivos dentro do corazón do Imperio (persoas LGBTIQ, imigrantes, calquer que non sexa branc@...) vivirían mellor –ou non tan mal– baixo o capitalismo con cara máis humana dunha Hillary que baixo o capitalismo selvaxe dun Trump. Para o resto do mundo mundial, porén, resulta irrelevante, pois a política internacional –na praxe se non na teoría– non vai mudar no esencial. E así o demonstrou tan tristemente o ‘imperialismo liberal’ do goberno de Obama con intervencións militares e despregamento de tropas no Iraque, Libia, Mali, Siria e Somalia e inxerencia directa e indirecta en innúmeros outros países, brindando un apoio incondicional ao terrorismo de estado da Entidade Sionista...

Do outro lado, para situar Hillary no campo intermedio da sensatez, à súa esquerda tamén se axita o monicreque do sacaúntos ‘socialista’ (sinónimo de ‘comunista’ para moitas persoas nos EUA) encarnado no actor secundario Bernie: Coidado, aí veñen os roxos! No entanto, por moi à esquerda da Hillary que estexa (que non é moi difícil), aínda fica tan lonxe de ser socialista de verdade como Pedro Sánchez. E, no plano internacional, apesar dunha certa ambivalencia, ao mesmo tempo que declara que “os ataques israelís que mataron centos de persoas inocentes [...] en escolas, hospitais e campos de refuxiad@s foron desproporcionados (sic.) e a matanza xeneralizada de civís é totalmente inaceitábel”, o señor Sanders (voluntario no kibbutz Sha'ar HaAmakim en 1963) segue a defender o ‘direito’ do Estado sionista “a existir en paz e seguridade” (citacións traducidas do seu sitio oficial).

O bipartidismo estadounidense, modelo da democracia burguesa exportado e imposto no mundo inteiro, é o epítome do lema gatopardista: “Se vogliamo che tutto rimanga come è, bisogna che tutto cambi”: a versión española coñécese como ‘alternancia democrática’, antes a dous e agora a catro. Independentemente de quen estiver à cabeza nominal do goberno, todo seguirá igual sob unha pátina superficial máis ou menos liberal ou máis ou menos conservadora, pois quen manda de verdade nos United $nakes of AmeriKKKa é o capital do big business, do mesmo xeito que no resto dos países capitalistas, aínda que de maneira moito máis descarada. A situación internacional é –e seguirá a ser– extremadamente preocupante, que estiver na Casa Branca un ‘demócrata’ negro ou muller, ou un delirante lunático republicano.

O termo inglés white-washing, que significa literalmente ‘encalar; branquear con cal’, utilizase co significado metafórico de ‘tapar, encubrir’. Por extensión, existen neoloxismos como pink-washing, como se o facto de se organizaren desfiles do orgullo gay en Tel Aviv puidese compensar dalgunha maneira o xenocidio do povo palestiniano. Con que se risque un pouco a capa superficial de pintura, sexa cal for a súa cor –black-washing no caso de Obama ou purple-washing no caso de Hillary– sempre se dá coa mesma estrutura por debaixo. En inglés, existe un refrán que vén moi a conto e que di que non se lle pode sacar brillo a un zurullo.

Como comunistas ou simplesmente como persoas que soñamos cun mundo onde os povos vivan en paz e solidariedade baseado no respeito mutuo e con plena soberanía, os Estados Unidos e a súas filiais (OTAN, UE...) non son –nen poden ser– os nosos amigos e aliados, quen quer que foren os seus ou as súas dirixentes. E non é por que nos repugnen os uns que nos deberían ilusionar os outros.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.