Tres leccións despois do esperpento grego

Tres leccións despois do esperpento grego

Quen participamos en política co obxectivo de transformar a realidade debemos aprender de todas as experiencias propias e alleas, e os acontecementos de Grecia do pasado mes de xullo entendo que nos permiten tirar ensinanzas que poden ser útiles para a nosa práctica.

A primeira é a necesidade de asumir que non hai receitas nin modelos, en política hai demasiada xente e demasiadas organizacións que teñen por norma comportarse como siareir@s de equipos de fútbol, case sempre de equipos foráneos, defendendo a morte os posicionamentos de organizacións políticas que actúan en realidades distintas á nosa e non poucas veces tentando incluso emulalas. Así nas últimas semanas podemos observar como veñen aumentando os siareir@s do KKE (Partido Comunista de Grecia) e por contra as agrupacións e clubs de fans que nos últimos dous anos e sobre todo nos últimos seis meses ondeaban a bandeira do equipo de Syriza chegando incluso a falar de crear as Syriziñas galegas resulta que están en retirada. A uns e a outros non lles viría mal ler os diversos textos elaborados e divulgados polo nacionalismo galego ao longo dos anos ao respecto da actual Unión Europea e das súas anteriores expresións desde o Tratado de Roma e comprobarían que como o equipo da casa non hai outro.,A segunda é a constatación de que o problema non está nin na emperatriz Merkel nin no seu ministro de finanzas Schäuble; esaxerar as responsabilidades e culpabilidades destes dous elementos e apuntar a nosa indignación só cara o goberno alemán significa voluntaria ou involuntariamente facerlle o xogo á estratexia de comunicación da propia Unión Europea afianzando a idea interiorizada aínda por moitas persoas de que a UE é boa pero hai un problema cos seus gobernantes, cos alemáns porque son uns malvados e co resto porque son uns covardes e quererían rematar con estas políticas pero non se atreven. É a propia xénese da Unión Europea a que a converte na estrutura fundamental do imperialismo e dos grandes poderes económicos para executar as súas políticas en Europa.

A terceira é a asunción de que o camiño para mudar a actual situación pasa pola soberanía dos pobos, unha soberanía que curiosamente hai quen reivindica para Grecia mentres di que para Galiza ese non é o tema fundamental pois aquí debemos solucionar a fame e os recortes que sofren segmentos moi importantes da nosa poboación, e polo visto para atallar esa situación non temos outro remedio que subordinarnos ás estratexias que se definan na capital do estado. Curiosa argumentación esa, que ademais non se sostén pois se a Unión Europea impide a Grecia exercer a súa soberanía a Galiza é o estado español o que lle impide desenvolver os seus sectores produtivos básicos e definir o seu modelo social, e non esquezamos que foi España a que no proceso de negociación da adhesión ao Mercado Común no último terzo do século pasado decidiu entregar os sectores básicos da nosa economía, se ben é certo que o sindicalismo e a esquerda española sempre moi modernos e confesionais cun europeísmo pailán daquela chamáronlle reestruturación modernizadora da economía galega cando foi realmente un desmantelamento da nosa capacidade produtiva que en grande parte provocou a actual queda demográfica, a nova emigración e moitos dos problemas sociais actuais. Eu a todo iso chámolle negarlle a Galiza a súa soberanía para decidir o futuro. A nosa opresión por tanto é dobre dado que mentres Grecia ten institucións estatais propias que terían algunha marxe de manobra de contaren cun goberno do pobo nós só contamos con institucións que emanan dunha constitución española que nega a nosa realidade nacional.

Sería bo que despois de termos aprendido estas pequenas leccións actuaramos en consecuencia.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.