Terrorismo aquí... e aló

Terrorismo aquí... e aló

Nun interesante artigo de Carlos del Castillo no xornal Público leo que España exportou no 2016 material de defensa por valor superior a 4.000 millóns de euros, dos cales, 116 millóns foron para Arabia Saudí, unha monarquía absoluta onde se violan os dereitos humanos e que encabeza a coalición internacional que apoia a un dos bandos da guerra civil no Iemen. Esta cifra (4.051, 8 millóns de euros exactamente) representa un 8,9 % máis que o ano anterior. E mais datos: as exportacións de armas multiplícanse un 400% desde 2006 e Arabia Saudí segue sendo o principal socio da industria a pesar das probas atopadas de que o armamento que España lle vende acaba nas guerras de Siria e Iemen.

Só as grandes potencias exportadoras superan a España en venta de armas: EEUU, Rusia, Alemaña, Francia, China e Reino Unido. Na primeira lexislatura de Raxoi á fronte do goberno as exportacións de armamento víronse notablemente reforzadas, pasando de 2.153 millóns de euros en 2012 a 3.720 millóns en 2015. A política de favorecer esta exportación é mantida tanto polo PP como polo PSOE.

Hai unha importante resistencia popular a esta política, mais non está declarada e recollida na medida coa que se actúa mediaticamente con outros conflitos. Unha política de enriquecemento empresarial armamentístico só pode producir a morte, e os mortos vítimas da mesma son moitos millóns. Non é isto terrorismo? Son poucos os casos que se airean de oposición práctica á mesma, e lembro neste momento o daquel bombeiro vasco que en marzo deste ano se lle encargou o traballo de custodiar no porto de Bilbao, xunto con outros compañeiros, un cargamento perigoso con destino a Arabia Saudí. Pola numeración dos contedores decatáronse de que era armamento bélico. Inazio, que así se chama o bombeiro, negouse a facer ese traballo e abandonou a custodia ordenada. A Deputación de Biscaia abriulle un expediente que non sabemos como rematou.

E por suposto, os recentes atentados de Barcelona que, coma sempre, se utilizaron para inxectar medo e inquedanza á poboación e foron, son presentados practicamente de xeito unilateral favorábel aos idearios imperialistas. Debates sobre métodos que eviten a acción criminal dos terroristas, como ese de poñer bolardos por todos os sitios, que se máis policía, que se endurecer as leis... é dicir, máis represión para os cidadáns e cidadás, os pobos: recorte de liberdades e odio potenciado sobre outras culturas e idiomas. A utilización españolista dos feitos foi vergoñenta. E cando alguén se atrevía a centrar o tema incidindo na causa fundamental dese terrorismo, é dicir, nas guerras e invasións, nos negocios de armas, na política da monarquía española e saudí, no apoio occidental a eses países que arman aos chamados xihadistas e axudan as invasións con espías, persoal militar e asesores; cando alguén quería meter o dedo na chaga, logo, daquela incendiábanse os insultos e o asalto á razón de forma agresiva. Como naquel debate da Radio Galega cando un nacionalista tratou de mostrar o problema por este lado; os turiferarios-as do PP case lle baten, interrompéndoo e alzando a voz para ordenarlle que non pronunciase unha palabra máis.

A historia énchenos de exemplos de atrocidades cometidas polos exércitos invasores nos países asoballados: roubos, asasinatos, torturas, estafas, persecucións... e sempre sempre o lavado de cerebro como educación para os pobos dos gobernos invasores: cando os invadidos se revelan son malos, rebeldes, fanáticos... terroristas. E unha vez que os inocentes e manipulados cidadáns e cidadás temos esa ladaíña metida na cabeza, a invasión fica asegurada. A primeira consciencia que tiven destas actuacións inxustificábeis foi o espolio durante anos ou mesmo séculos de nacións como Arxelia, Vietnam, Palestina... ou aquel Congo escravizado polo rei belga Leopoldo II e que o desfrutaba como leira particular, as bombas atómicas de Hiroshima e Nagasaqui botadas polo terrorista maior da historia universal, o presidente Truman (hai algún outro país que se atrevese a tal acción?), ou xa, escaldado por estes crimes de exterminio contra os que sempre loitamos, Iraq, Iemen, Siria, Libia, Malí... por falar dos máis recentes.

Son cidadán galego, e como calquera cidadán-á do mundo teño dereito a que o goberno do meu país me protexa. Podo en calquera momento ser atropelado por unha furgoneta branca, ou asasinado cun coitelo, ou por un tiro. Fagamos o que fagamos para defendernos o terrorista mata e eu teño que pensar en defenderme e no por que o fai, de onde é e que pintan no seu país exércitos e políticos estranxeiros. Non escuso o crime, veña de onde veña, e por iso pido que posto que todos os habitantes do mundo somos iguais se faga xustiza para todos por igual tamén Se a historia mostrou tanta barbarie o lóxico, se somos demócratas e civilizados é que non andemos polo mundo vendendo armas e matando. Como se pode xustificar unha guerra nun país que non é o noso? Por Deus e a civilización, como facían os vellos (e novos) misioneiros? Pola democracia do capitalismo, como fan os gobernos das metrópoles europeas encabezadas polos EEUU, responsábel maior das atrocidades?

E ao que eu ía realmente: como é posíbel que sempre se busque o inimigo fóra e nunca os gobernos occidentais rompan a política de dominio e extorsión sobre outros países soberanos ricos pero empobrecidos por aqueles? Non son os seus negocios os nosos senón os desas empresas que comercian co horror. E se nós, os pobos de Europa seguimos poñendo a aguerridos capitalistas insaciábeis nos gobernos a roda seguirá: furgoneta branca, tiro, coitelo... pero tamén guerras e invasións, vítimas aquí e aló en distinta proporción... Mais o problema está en que as vítimas son sempre as xentes humildes e pobres, os desherdados da Terra, non os traficantes nen quen política e obxectivamente os representan.