Tempo de espera ou de esperanza?

Tempo de espera ou de esperanza?

Os medios de comunicación nos asaltan e reclaman estas últimas semanas cun reconto pormenorizado dos acontecementos que se están a suceder de forma primordial, aínda que non exclusiva, dentro do mundo árabe: Túnez, Exipto, Xordania, Bahrein, Yemen... pero tamén Palestina, Libia, Irán, Marrocos ou Arxelia parecen terse instalado entre as prioridades dunha actualidade informativa europea na que, polo de agora, somente semellaban ter o privilexio de entrar pola vía dos atentados terroristas ou como consecuencia de imprevistas catástrofes naturais.

Esa insólita desatención para a dinámica política e a evolución social dun conxunto de terras, pobos i estados entre os que están aqueles que constitúen, co seu dominio das costas meridionais do Mediterráneo, a nosa fronteira e vecindade máis próxima e inestable que sempre me ten resultado sorprendente se torna nunha narración pormenorizada, e ata con retransmisións en rigoroso directo, dos acontecementos que provoca un rosario de sublevacións populares nos diferentes países. Unha sorte de fantasía xeopolítica que dise lugar, para satisfacción e contento dos analistas, a un fatal dominó que parecese executar os movementos xustos que as súas cabezas insignes era capaz de imaxinar como un harmónico ballet.

E esa parece ter sido a ocasión para que nos interesemos de que a gran maioría destes réximes, incluídos algúns que non facían senón que presentarse como os garantes da estabilidade na zona, coa satisfacción expresa da Unión Europea e dos Estados Unidos ratificada mediante pactos de apoio político e acordos de relacións preferentes no plano comercial, carecían de calquera representatividade críbel ou impoñían enormes restricións á participación política dos seus habitantes, cando non os tiñan sometido a rigorosos controis por parte dunhas forzas de seguridade que só pareceran traballar para asegurar a perpetuación das estruturas e mecanismos de poder vixentes. O que hai que ver.

E ata hai quen insinúa, a propia prensa norteamericana, que a Administración demócrata xa tiña serios indicios, grazas a rigorosas avaliacións requiridas polo propio presidente Obama, dese futurible, e xa foran quen de confeccionar un ranking de países en disposición de rebulir con acerto pleno na previsión das súas apostas; e, aínda máis, que o elemento detonante das revoltas semella estar nun círculo de devotos internautas xurdido das redes sociais convencionais. O soño de calquera tecnoloxía que se prece no século XXI: ser non tanto un instrumento de uso para a sociedade canto o elemento indispensable para as transformacións sociais. Revolucións nos mundos periféricos en base a estratexias futuristas cunha miga de ficción científica. Parecera que as nosas consideracións se baseasen nunha mestura de soño e realidade.

Mentres tanto pasan a un segundo plano os indicadores verdadeiramente decisivos. Resulta irrelevante que miles de saharauis, ata alcanzar a un décimo da súa poboación, levanten un campamento, en nome da Dignidade, e se manteñan pacificamente nel pese a todo tipo de presións (que inclúen a restrición de todo tipo de alimentos, medicamentos e auga e incluso a morte asasinado dun menor de 14 anos Nayem Elgarhi) ata ser violentamente desaloxados do mesmo por unha actuación represiva que produciu un número aínda indeterminado de mortos, decenas e decenas de feridos e unha persecución e represión continuadas que incrementou en outros centro trinta e sete o número de presos políticos nas cadeas de Marrocos. Poucos foron os que se atreveron a ver nesta acción un precedente do clima da revolta, cicais porque non constaba non informes secretos divulgados, aínda a pesar do protagonismo que na organización e desenvolvemento do mesmo, nos meses de outubro e novembro do pasado ano, tiveron os xoves e os parados reclamando dereitos sociais pero tamén políticos.

Como irrelevante parecera ser a inmolación do mozo tunecino Mohammed Bouazizi, con estudos universitarios, quen se queimou publicamente cando a policía decidiu privalo do único medio de vida e recursos que tiña, un modesto posto de venta de froitas e verduras, porque carecía de licenza. Nin sequera polo feito de encarnar como símbolo dunha humillación colectiva diariamente sentida y experimentada pola grande maioría da poboación non só tunecina.

Non menos insignificante que o feito de que, de forma xeneralizada, teñan aumentado notablemente os prezos dos produtos alimenticios básicos no mercado mundial tanto polas desiguais colleitas, afectadas por condicións climáticas cambiantes, como polo aumento do consumo e, sobor de todo, pola entrada dos mesmos no mercado da especulación. Un incremento dos prezos que está a afectar de forma patente ao mundo non desenvolvido e a unhas poboacións en límites de subsistencia.

Como as ringleiras de mortos e feridos que balizan as diferentes protestas, números fríos para unha estatística obxectivante e desapaixoada.

Como o indicador que supón a evidencia de reivindicacións contra da corrupción, o autoritarismo e a miseria e favor dunha distribución máis equitativa dos bens e dunha meirande participación da sociedade na vida política e cidadán.

Como o de que a xuventude reclame un protagonismo social que se lles nega ou as mulleres, no Islam señores e señoras, reclamen unha presenza social definida.

Tempo de espera ou de esperanza o que nos agarda?

Pois si avaliamos a cuestión en nome da globalización ou pensando que esas reclamacións teñen que ver coas nosas conquistas democráticas xa envellecidas estaremos a traducir o futuro en base a confortables pero pouco esperanzadores desexos. Chamalos ao noso anquilosamento político e condenalos á ratificación dos poderes económicos. Cambialos e occidentalizalos para que nada cambie.

A política da globalización, que non as decisións ou os compromisos da sociedade civil dos países desenvolvidos, é a que ten agudizado esta situación na que a integración económica destes países nun mercado mundialista ten agravado as diferenciais sociais preexistentes, provocando unha fractura política entre os estados, representación exclusiva das elites, e unha poboación limitada á loita pola supervivencia cotián. Non sei si o argumento sería manexado nos informes do Departamento de Estado.

Estamos ante unha conxuntura de incerteza. É este un momento de renovación para o mundo árabe? Lograrase a posibilidade dun cambio real? Chegarán, por fin, as sociedades árabes á súa verdadeira soberanía? As revoltas establecerán a posibilidade de cambios pacíficos noutros réximes? Ou a resposta dos poderes establecidos fará posible estrangulalos ou desvialos dos seus lexítimos obxectivos?

A actitude espontánea dunha poboación convocada pola xuventude parece ter dado, a día de hoxe, ás a unha reclamación crecente en favor da dignidade, da liberdade, da participación política e do benestar. Un movemento que pode prender ou non tardar en ser defraudado e producir unha situación de absoluto desespero nos sectores máis activos da poboación.

Podería ser dobremente perigoso para o futuro de todos nós, do mundo árabe e dos outros mundos deste mundo, que esa esperanza se vira totalmente frustrada ou traizoada