Sudáfrica: transición á española
Nin o pasado Mundial de fútbol, nin a súa pertenza aos países emerxentes, nin a «igualdade» no exercicio dos dereitos políticos trouxo benestar material, liberdade e independencia aos surafricanos negros.
Iso sábeo ben a historia. Cando a Guerra Civil estadounidense, os «liberados» negros do sur tiñan máis valor como mercadoría e como man de obra na Confederación que como homes «libres» na Unión (norte). Moitos destes «liberados» decidiron volver ao sur e tiveron que esperar até ben entrados os anos 60 para que o réxime de segregación racial estadounidense concedese os mesmos dereitos políticos e sociais a negros e brancos.
Pero o recoñecemento de dereitos políticos, elixir e ser elixido, é só un dos moitos dereitos entre tantos que pode exercer e sustentar un cidadán nunha sociedade igualitaria e libre.
No momento da transición política, o remate do apartheid, os brancos surafricanos cederon o poder político á maioría negra, recoñecéndolles o dereito a elixir e ser elixidos, pero o poder financeiro en Sudáfrica, que non ten ningunha calidade democrática, quedou desde logo fóra da repartición e permanece na súa totalidade na man da minoría branca.
Por iso non é de estrañar o descontento entre a poboación maioritaria negra ante un poder político negro, representado polo African National Congress (ANC), que durante todos estes anos non foi máis ca un monicreque do poder financeiro branco surafricano e occidental.,Por iso non é de estrañar que foran asasinados pola policía máis de 35 mineiros negros, pertencentes ao sindicato Asociación de Mineiros e Traballadores da Construción (AMCU nas súas siglas en inglés), opositor ao sindicato gobernamental do ANC, Sindicato Nacional de Mineiros de Sudáfrica (NUM en inglés) e que aos sobreviventes lles fora aplicada unha lei dos tempos do apartheid que os inculpaba por asasinato.,A guerra de independencia en Latinoamérica non deixou de ser unha guerra civil entre unha clase social e racial dividida en dúas partes: brancos peninsulares (co poder político) e brancos crioulos (co poder económico). Os segundo gañaron e quedaron con ambos os dous. Durante case 200 anos a poboación latinoamericana sufriu ese outro xugo da plutocracia branca que representaba poderes ao servizo do exterior.
Por moitas homenaxes que mereza Nelson Mandela, a verdadeira liberdade dos surafricanos está por desaloxar o poder branco e estranxeiro do poder financeiro e os seus representantes, o ANC, do poder político. Entrementres, todo será propaganda e unha transición á española: seguirán mandando os mesmos de antes, representando os intereses dos de sempre a custa dos incautos que cren que o seu voto representa algo.