Segredos a voces
Nunca na historia da humanidade, dende que o home descubriu o horizonte erguéndose sobre as súas patas traseiras e os testemuños escritos nolo evidencian, se emitira tal cantidade de palabras e signos, ben que nunha linguaxe cada vez máis esquemática e empobrecida (quizais unha das consecuencias colaterais da tan reiterada crise?) para tan escasa substancia narrativa. A nosa contemporaneidade está tan chea de argumentos como carente de ideas que aborden os problemas formulados por unha existencia a cada paso menos coñecida por máis desfigurada e borrosa.
Os persoeiros, os sabios académicos, as grandes corporacións, os sindicatos, os partidos políticos e ata a vontade transcendente evidente na linguaxe común do noso tempo, parecesen estar atacadas polo virus dunha interlocución formalista e sonora que trata de expresarse a través de nomenclaturas de aparencia cientista que non van máis alá de servir como xergas ou baralletes que intentasen, sin conseguilo, describir esa mesma realidade que a cada momento se lles escapa máis e máis.
Esa tendencia reformativa que non reguladora, e en si mesma banal, leva á confusión de crer que, porque os sociolingüistas estiman que os cambios sociais determinan algunhas transformacións da linguaxe que permiten identificalos, se conseguimos introducir novos termos e acepcións na lingua común a súa mesma difusión abondaría para crear novos comportamentos na sociedade. Unha proposición que non deixaría de ser curiosa se non estivese absurdamente carente de toda lóxica.
Nos finais do século pasado e inicios do presente esa tendencia xeral á sustancialidade do accesorio, á consolidación do inconsistente, á construción artificiosa e de escaso sentido, á banalización da existencia que fai dos receitarios de cociña os modelos literarios preceptivos máis acreditados, despregouse de xeito particularmente intenso na nosa nación de nacións ata alcanzar cotas moi considerables. A vella Celtiberia e a roña carpetovetónica saíron dende as nosas mesmas entrañas á luz do día en episodios tan asombrosos como reiterados.
Cando na antesala da encrucillada máis decisiva de toda a contemporaneidade peninsular, no tempo da ditadura de Primo de Rivera, Valle Inclán tentaba de construír un relato a semellanza dos "Episodios Nacionales" de Pérez Galdós que, dalgún modo, o continuara e escribiu a súa triloxía de "El ruedo ibérico", viuse na necesidade de crear un novo modelo expresivo que permitise reflectir axeitadamente os perfís da decadencia moral e material da España isabelina e creou o esperpento. Unha especie de hiperrealismo distorsionado que posibilitou unha maior expresividade mediante o uso reiterado de recursos literarios coloquiais, enxebres e propios da chamada literatura de cordel. Sen dubidalo, unha das visións máis expresivas sobre a época, moi por enriba dos estudos históricos dedicados ao momento.
Hoxe, nun tempo con certas semellanzas con aquel, os nosos esperpentos son tan consistentes que o esperpento literario tan só podería ser unha caricatura pálida dunha corte dos milagres tan ben acabada.
De aí que sexa de gabar a vontade dos pais da patria de reforzar claramente, pola vía da imprecisión, o escurantismo que preside nosa chamada Lei de Segredos Oficiais, sen dúbida para librarnos da absurda tolería dos tempos que corren.
Os antecedentes
É algo ben sabido que a doutrina política das democracias liberais establece, como un dos dereitos fundamentais do cidadán, o que garante a liberdade de información cuxo exercicio se contradí coa necesaria cautela que se precisa no desenvolvemento da actividade administrativa e na acción de gobernar. A resolución legal máis ou menos equilibrada desta contradición básica determina, en última instancia, as garantías no uso das restricións e establece os mecanismos de control que garantan a confidencialidade pero tamén o escrupuloso respecto á cidadanía.
Non resulta estraño que, nunha democracia tan pouco consolidada historicamente como a nosa, a desconfianza ben fundada dos nosos prohomes na madureza cidadá permitise que se establezan toda clase de prevencións e cautelas que fagan dun suposto dereito á preservación da saúde mental un ben tan esencial como o é o propio dereito á información, recollido, con carácter xeral, no artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos do Home, de aplicación restrinxida como ben se sabe. Unha norma básica que, na nosa Constitución se ve limitada tan só polo respecto á honra, á intimidade, á propia imaxe, á protección da infancia e da xuventude e pola regulación que afecta ao acceso aos arquivos e rexistros de información; ao tempo que se lle esixe ao Estado a publicidade e difusión dos seus acordos e actuacións.
Esa desconfianza ben comprensible ponse de manifesto na vixencia da Lei 5/1968, do 5 de abril, elaborada durante o franquismo e que establece o control político da súa execución, por parte do extinto Consello Nacional do Movemento e as saldadas Cortes Españolas, consagrando a evidente falta de garantías. Un texto que obrigaba e aínda obriga a silenciar as posibles vendas de armas negociadas con terceiros países como un acto inconfesable.
As disposicións vixentes foron modificadas, e actualizadas no que se refire á desinformación acerca da política exterior, por acordo do Consello de Ministros do Goberno Rodríguez Zapatero do 15 de outubro de 2010. Un acordo dilixenciado como segredo, coñecido tan só un ano e sete meses despois de tomado e dun moi aparatoso cambio de goberno, que non respectou nin a esixencia da publicidade, xa que se tomou en segredo, nin se somete á garantía do esixible control institucional por parte dun Parlamento que o descoñece. Exemplo de escrupuloso respecto a un principio democrático básico que di aquilo de que "ollos que non ven corazón que non sente, nin tampouco envellecen". Porque de todo o mundo é ben sabido que "ollos verdes son traidores"…
As nosas garantías actuais
Nesa mesma data, ben como consecuencia da difusión xeneralizada de informacións facilitadas por WikiLeaks que se empezara a efectuar a partir de abril de 2010 (como suxiren algunhas fontes), ou como consecuencia da vontade enganosa de establecer un control informativo acerca dos contactos bilaterais establecidos co reino de Marrocos, con ocasión da creación e posterior destrución do campamento instalado como símbolo da súa protesta pola poboación saharauí en Gdeim Izik nos meses de outubro e novembro dese mesmo ano, o Consello de Ministros nunha das súas reunións ordinarias adoptou un acordo reservado polo que se estableceu que serían clasificadas como igualmente secretas as informacións referidas a estratexias políticas, económicas, comerciais e de seguridade do estado; ao posicionamento en situacións de conflito relacionadas con grupos terroristas e movementos asociados á delincuencia organizada; ás estratexias das forzas armadas e dos corpos de seguridade (virtualmente equiparados); ás negociacións en casos de secuestro; ás mediacións levadas a cabo con terceiros países; á protección dos Dereitos Humanos!; ás cuestións que afectan ao dereito de asilo e aos refuxiados; á tramitación do plácet diplomático; a todo o que afecte a asuntos de soberanía, independencia e integridade territorial; a todo aquilo relacionado con sobrevoos, estanzas e escalas de buques e aeronaves; a todo aquilo relacionado con crimes sometidos á xurisdición da Corte Penal Internacional; e aos preparativos das viaxes dos Reis, do Presidente do Goberno e, se as circunstancias o aconsellasen, dos ministros e outras autoridades (acaso tamén os Presidentes do Consello Xeral do Poder Xudicial?). Tendo en conta o que tampouco sabiamos das especulacións bancarias, do financiamento irregular dos partidos e dos amoríos reais nin das prodigalidades dos EREs andaluces nin...; menos mal que aínda nos salvan Belén e Xurxo Xabier e a Eurocopa se está a celebrar dentro dos prazos previstos, doutro modo...
Cando dous profesores de historia contemporánea da Universidade Complutense solicitaron senllos permisos para consultar documentación relacionada con dous estudos que pensaban realizar acerca dos contactos internacionais do Estado con China, Xapón e Filipinas entre 1970 e 1982 e coa República Democrática Alemana a partir de 1975, ámbitos estratéxicos a nivel internacional sen dúbida de primeiro nivel para a política española, chegamos a saber do desinteresado favor que nos facían os nosos inefables próceres e demócratas de toda a vida.
Un segredo levantado grazas aos desvelos e a transparencia do novo goberno do Partido Popular que anuncia a súa vontade de emendar erros despois de paralizar a desclasificación doutros materiais pertencentes ao Ministerio de Defensa, aprobado polo Goberno anterior e a partir dunha futura Lei de Transparencia para a que se auguran usos de carácter discrecional e idéntica falta de garantías e control institucional.
Grazas mil, de verdade... sodes previsores e atentos co noso beneficio colectivo mesmo a custa do voso sacrificio. Agora sabemos máis acerca do que pode confundir as vosas mentes...
E máis satisfeitos e agradecidos estariámosvos se non fose que, quizais por mimetismo, por complicidade e identificación coa vosa política transparente ou por que outro criterio de rendibilidade informativa, ningún medio de comunicación de ámbito estatal recolleu ata hoxe a noticia de que un mozo saharauí de 21 anos, Lafkir Kaziza, el mesmo detido e torturado polos axentes da policía marroquí, levou dezasete días en folga de fame diante da Embaixada de Marrocos en Madrid pedindo o respecto dos dereitos humanos no Sahara Occidental e a liberación dos detidos políticos que seguen no cárcere, en espera de xuízo, dende os días que seguiron á destrución brutal do campamento de Gdeim Izik. Unha opción sacrificada que tivo que abandonar despois da súa hospitalización por unha crise nerviosa.
Señores propietarios dos medios de comunicación, o noso dereito á información tamén se defende así.