Scotland, no norte


Velaquí algúns nomes de celebridades escocesas de nación: James Watt, inventor da máquina de vapor, Fleming da penicilina, o filósofo Hume, Adam Smith, teórico do capitalismo liberal, Dunlop, que foi creador do pneumático, Sloan dos lignimentos, a actriz Debora Kerr, Sean Connery, o músico Mark Knopfler, o deseñador modernista Mackintosh, a ovella Dolly e os seus centíficos... ou o épico bardo modernista referente da “Socottish Renaisance” co seudónimo de Hugh MacDiarmid, comunista, independentista, e - como tamén lle pasou por aquí a algúns, naqueles anos trinta - trabucado, atraído polo nazismo... Pero hai moito máis detrás das orelleiras dos tópicos.

Os nacionalismos (sen estado) son particularidades incomparables, algo propio e único. E dentro da súa individualidade os países célticos da periferia, de occidente atlántico, sempre foron solidarios entre si e un referente para a Galiza, que os considera “irmáns”, fundamentalmente en festivais de gaita, pandeiro, acordeón, marisco, queimadas e meigas. Quéirase ou non témolos por veciñanza no mapa. Relacións e cultura que ía e viña a través do Atlántico dende embarcacións de coiro e bimes trenzados. "Érguete Galiza e anda, como en Irlanda, como en Irlanda", repetía o bergantiñán, catedrático de Dereito e ideólogo do “Rexionalismo”, o romántico decimonónico Alfredo Brañas. Tamén Eduardo Pondal retomaba a irmandade das nacións fillas do pai Breogán, en relación coas ruínas megalíticas e dos castros. Herdo mitolóxico impreso nos xenes, que contaxia e contamina á mesma arqueoloxía. E si ese celtismo “vende” e atrae e engancha nas realidades do “Nós”, pois moito mellor.

,Escocia, Scotland para os ingleses, Alba en gaélico, confíns coñecidos nos tempos romanos como Caledonia, co mesmo equivalente á nosa Callaecia, en relación coa cor branca, que tanto puidera referirse ós tipos de pel branca como á cor das pedras... País tecido e destecido entre moitas similitudes con Galiza. Con longuísima Prehistoria e Historia, cos restos de cidades de pescadores e cazadores de fai uns 6000 anos en Skara Brae, ó norte, nas Illas Orcadas, onde os megalitos de adoración ó sol abundan... País coroado por un arquipélago de pequenas illas, tamén labirinto de mares interiores. Onde no século VI os monxes coñecedores de Oriente inician unha particular misión evanxelizadora, “o cristianismo céltico”. Velaí o mosteiro de Iona, nas illas Hébridas, onde San Columbán ergue cruces entrelazadas co sol. Misión continuada por monxes que no século XI miniaran o Códice de Kells... orgullo de Irlanda. Sempre a volta e reviravolta coas curvas. Territorio saqueado por vikingos e sempre alerta entre torres vixías erguidas ó ceo e sobre o mar. Por algo país que reborda, presume, regala e vende a súa identidade. Reclamante e gardador da “Pedra do Destino”, o perpiaño rectangular, que as lendas irlandesas do Leabar Gaballa, o "Libro das Invasións" din que procede de Brigantia, na Gallaecia, levado por Breogán, adorado nos templos dos outeiros de Tara en Erín... para logo ser trasladado a Escocia, roubado polos ingleses e posto no trono de Westminster baixo as reais nádegas. Reclamado e finalmente en Edimburgo. País colonizado polos scoti, gaélicos irlandeses, veciños que de por medio teñen mar que asolaga unha "calzada de xigantes", como se interpreta a curiosa formación basáltica. País de montañas e de brétemas, entón de misterios, que ergue como bandeira súa a "The Saltire": pano azul, cruzado pola aspa branca do San Andrés, apóstolo pescador venerado en festa patria cada 30 de novembro, compartido en Teixido. Celebrado tamén cada 25 de xaneiro, en honra do poeta nacional, o prerromántico Robert Burns, aquel que toma como base os cantos populares dos labregos e que posiblemente tamén abra camiños que seguirán Murguía e Rosalía. Escocia fixo grandes pequenas cousas que os galegos non fomos capaces de facer, o que non fixemos con esa flor de toxo que cobre de ouro os nosos ermos. Eles tomaron ó cardo como flor súa, símbolo da súa protección. E como lema “Ninguén me ofende impugnemente". Indomables, carraxentos fronte ó imperio. Na antigüidade pais habitado polos pictos, coñecidos así polo seu corpo tatuado con curvas e contracurvas nunca abandonadas. No ano 83 a.C, anos do emperador Agrícola -do que seu xenro Tácito conta a súa vida, tamén en relación coa explotación de ouro galaico das Médulas - nace a idea de separar este territorio de banda a banda da illa: iníciase a construción dun muro e foxos, de máis de cen quilómetros, alternando torres e campamentos, precursor da muralla China. Adriano retoma o plan. Despois, con Antonino, complementarase máis ó sur con outro novo muro. Hoxe os guías turísticos cóntanlle ós seus clientes que aquela foi obra de “asturianos”... unha base imperial, atendida por milicianos galaicos de Astúrica nos confíns do Vello Mundo. Toda Escocia está cuberta de campos de batalla polos que vagan compañas de ánimas errantes. Nación sobrevivente de mil batallas: as de Willian Wallace no século XIII, fronte ó xogo anexionista por matrimonios, gatuperios e o terror de Eduardo I de Inglaterra. Heroicidade independentista cantada de feira en festa, máis dun século despois polo cego Harry... E ó final do século XVII un novo heroe, Robert MacGregor Campbell (Rob Roy), que roubaba ós fidalgos e ós traidores pra entregarllo ós pobres... E aínda así Escocia de soldados sempre na vangarda doutros imperios, de emigrantes a traballar para os outros. Iso si, coas súas tradicións ás costas, as pandeiradas, os cánticos, as gaitas e canecos de whisky. Os mellores capataces, espías, policías, o Scotland Yard... deunos Escocia. Tamén.
Escocia ofrece ó septentrion os Highland, terras montesías, cos correspondentes campesiños, máis oprimidos polo tempo meteorolóxico e o tempo histórico. Quizais o nome de "jailan", que aplicamos aínda por aquí, teña que ver con estas terras tan visitadas polas embarcacións de pescadores galegos ó Gran Sol ou a Terranova.

A capital é Edimburgo, coroada polo seu Castelo-Museo, gardador hoxe desa “Pedra do Destino”, símbolo da nación que novamente reclama a súa independencia. Cun moderno parlamento, o Scottish National Party, construción que tamén supuxo disparatados dispendios en proliferación simbólica, guiada polo arquitecto catalán Enric Miralles. Cidade na que aniña o gris, onde a realidade compite coa fantasía, arrodeada de misterios que se venden: rutas nocturnas sobre decimonónicas historias teatralizadas, monstros, perversos e terror entre capas, chisteras. sombras e puñais polas estreitas rúas e nos cemiterios: a do cadelo “Bobby” que morre de lealdade sobre a tumba do seu amo no camposanto de Greyfriards... a sepultura do asasino “Bloody”, co panteón para as súas vítimas... Referencias ó maxín dos escritores escoceses Stevenson ou Conan Doyle... E un acougo pra calmarse, cavilar en tanto tópico e tomar un té na “The Elefant House”, a de mesas de madeira con caixóns onde a Rowling escribe Harry Potter... A outra cidade é Glasgow, para os escoceses como o Vigo para os galegos, tamén co seu “Celtic”. Urbe industrial da que era natural Sir Joh Moore, outro guerreiro, vítima da batalla coruñesa de Elviña no 1809, homenaxeado no centro e nun monumento, cidade tamén coa rúa que leva o nome de "Coruña".

Escocia, a partir do 1707 asina a acta para formar o Reino da Gran Bretaña, con leis que propician unha educación identitaria, base do movemento nacionalista escocés. Sentido patrio na conservación das tradicións, especialmente nas festas familiares, nas vidas onde non falta o traxe masculino con saia, o quilt co tartán ou cadro escocés feito a tear para distinguir cada clan. Modas que se aproveitarán para ter seu día de festa e comercio. Neso das telas foi modélica a fábrica e vila nacida na ilustración por Mister Owem, Lanark, onde os principios solidarios abren ás teorías de Marx. Ecomuseo que merece visitarse.

Na vella Alba céltica, entre tanta Historia, seguen a aniñar os misterios, como na Galiza: un mostro nun lago, entre castelos arruinados, heroes como Wallace feitos souvenirs... pese a todo o 18 de setembro do 2014 debátese en referendum a súa independencia. E para rematar e como música de fondo poñeriamos “Mull of Kintyre” (Maol Ceanntìr, en gaélico) de Paul Mcartney creada no 1977 nos seus momentos de meditación.